miñato

miñato

(< lat v *milviātu < lat milvu)

  1. s m [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de rapina falconiforme, da familia dos accipítridos, diúrna, de tamaño mediano, superior aos 50 cm, e ás anchas.

    Sinónimos: bexato, buxato.
  2. miñato abelleiro [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de rapina, de 55 cm de lonxitude e 125 cm de envergadura, que presenta cor crema na parte inferior e parda escura a cincenta na parte superior. As ás pola base son claras, vistas en voo diferéncianse unhas manchas continuas que forman varias liñas paralelas, e presenta unha cola longa. Aliméntase de himenópteros, lagartos e anfibios. Habita en bosques abertos con claros, e en Galicia é de presenza estival no NL da comunidade.

  3. miñato común [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de rapina diúrna de entre 50-57 cm de lonxitude e 130 cm de envergadura. A plumaxe é parda no lombo, e presenta ás longas e anchas, que en voo teñen as puntas escuras e a metade posterior clara, e cola curta e redondeada. Aliméntase, sobre todo, de insectos, réptiles, anfibios e pequenos roedores. É moi común e distribúese sen preferencias altitudinais ou climáticas, aínda que prefiren espazos abertos como cultivos, pradarías e pequenos bosques. Distribúese por toda Galicia.

    Sinónimos: lamego, lamote.
  4. miñato queimado [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de rapina, de 47-56 cm de lonxitude e 135 cm de envergadura, que presentan o corpo escuro na parte superior e pardo polo ventre, as ás longas e o rabo gallado. A cabeza é clara con liñas escuras, ao igual que o peito. Aliméntase de peixes, insectos e pequenos vertebrados. Está presente en toda a Península Ibérica, aínda que en Galicia só se atopa en zonas boscosas, preto de ríos e encoros, no período estival.

  5. miñato real [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de rapina de 59 a 66 cm de lonxitude e uns 150 cm de envergadura, que presentan a plumaxe de cor parda arrubiada con manchas escuras, a cabeza abrancazada con liñas escuras, o rabo un pouco bifurcado, moi gallado e as ás longas. Distribúese polo centro e S de Europa e N de África; na Península Ibérica pode verse no SO, nos Pireneos e na Cordilleira Cantábrica. En Galicia pode observarse entre marzo e novembro, en bosques e zonas abertas con árbores. Aliméntase de invertebrados, de pequenos vertebrados e preas.

Formas incorrectas

milano

Refráns

  • Mal anda o miñato cando ten as ás rotas e o papo sano.
  • O miñato ponse fraco vendo os paxaros e cobizándoos.