Miño
Concello da comarca de Betanzos, situado no O da Comunidade Autónoma de Galicia e no O da provincia da Coruña. A súa posición xeográfica é 43° 20’ de latitude N e 8° 12’ de lonxitude O. Limita ao N co concello de Pontedeume (comarca do Eume), ao L co concello de Vilarmaior (comarca de Betanzos), ao S co de Paderne (comarca de Betanzos) e ao O coa ría de Betanzos. Abrangue unha superficie de 33 km 2 cunha poboación de 5.256 h (2007), distribuídos nas parroquias de Bemantes, Callobre, Carantoña, Castro, Leiro, Miño, Perbes e Vilanova. A capital do concello é o lugar da Carreira, situada na parroquia de Miño, e está localizada a 34 km da cidade da Coruña e a 65 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á arquidiocese de Santiago
e ao partido xudicial de Betanzos.
Xeografía física
Miño encádrase, desde o punto de vista xeográfico, dentro do marco das Mariñas, terras envorcadas ao mar nas tranquilas augas da rías de Betanzos e Ares, e presenta unha topografía engurrada e irregular, con apenas terreos chairos, exceptuando as mariñas do río Baxoi. As alturas non alcanzan en ningún punto os 200 metros de altitude, e o relevo aparece formado por unha sucesión de chanzos planos cortados polos cursos de auga. A costa é de mediana altura e recortada. Destaca o cordón litoral que forma a praia Grande de Miño e a ampla marisma situada na desembocadura do río Baxoi, detrás da praia. O resto da costa cara ao norte é rochosa con pequenas calas areosas como Punta Redonda ou as praias de Andaio e Perbes. Climaticamente o concello entra dentro do dominio oceánico húmido. As temperaturas son suaves ao longo do ano, cunha temperatura media anual de 13°C. O mes máis frío é xaneiro con 9°C de media, e o máis quente é agosto con 18°C. As precipitacións son relativamente moderadas, 874 mm anuais e o réxime pluviométrico ten un máximo no inverno, co 33,4% do total anual. Sobre a superficie municipal encáixase a rede hidrográfica formada por dous pequenos cursos fluviais, o río Baxoi e o Lambre, que marca a divisoria co concello de Paderne. Son cursos de pouco caudal e reducido percorrido que verten as súas augas na ría de Betanzos. O Baxoi presenta un profundo e chairo val, e na súa desembocadura forma unhas extensas marismas nas costas da praia Grande de Miño. A superficie forestal é relativamente abundante, con especies de repoboación, piñeiros e eucaliptos. As árbores autóctonas redúcense a pequenos enclaves.
Xeografía humana
O concello tiña a comezos do s XX unha poboación de 4.923 h, case a mesma que no comezo do s XXI. Ata a Guerra Civil Española, constatouse un crecemento continuado, pero reducido. Un forte aumento natural contrapúxose á emigración cara a América e ao inicio do éxodo rural cara á cidade de Ferrol, fundamentalmente nesa época. A inmediata posguerra supuxo a fase de maior ascenso demográfico, de tal forma que en 1950 Miño tiña 5.823 h, o máximo histórico do s XX. Pero xa desde mediados da década de 1950 e ata mediados da de 1970 iniciouse un potente éxodo rural, agora dirixido case totalmente á Coruña. En 1960 había 5.729 h e en 1970, 4.964 h, é dicir, produciuse un descenso do 13,35% en dez anos. A partir da crise da década de 1960 o proceso reverteu por varios factores. A recesión industrial fixo que as cidades deixasen de demandar man de obra, mentres que Miño se consolidaba como área turística de relevancia dentro da provincia da Coruña. En 1981 tiña 5.407 h e desde entón comezou un lento e sostido descenso poboacional derivado da caída da natalidade e do avellentamento da poboación, produto do asentamento de persoas anciás que desexan unha vivenda nunha área de sol e praia. Entre 2001 e 2007 o concello aumentou nun 5,75%. En 2006 o saldo vexetativo foi negativo, do -4‰ como consecuencia dunha baixa taxa de natalidade, 7,7‰, e dunha superior mortalidade, 11,78‰. A estrutura por idades reflicte o grao de avellentamento: a poboación ata os 20 anos supón o 14,5% do total e os maiores de 65 anos representan o 23,4%, o grupo intermedio representa o 62,2%. A distribución por sexos amosa está equilibrada entre o 50,24% de mulleres e o 49,75% de homes. A capital sitúase no lugar da Carreira, pero é a veciña vila de Miño a que concentra boa parte dos habitantes do concello cunha poboación. Todo o litoral presenta unha forte ocupación humana.
Xeografía económica
A unha taxa de actividade (2001) do concello de Miño é do 46,9% (59,4% a masculina e 35,6% a feminina); a taxa de ocupación é do 41% (53,6% a masculina e 29,4% a feminina) e a taxa de paro é do 12,7% (9,7% a masculina e 17,3% a feminina). A distribución da poboación activa por subsectores económicos reflicte a importancia do sector terciario, que centra as funcións de dinamización local, cun 58,3% da poboación ocupada. O secundario obtén unha proporción importante co 32,3%, mentres que o primario tan só emprega o 9,4% da poboación municipal. As actividades agropecuarias (7,9% dos ocupados) xogan un papel residual na economía municipal. Non obstante, Miño conta con certa orientación gandeira, cunha cabana de gando bovino de 758 reses (2007), cunha especialización tanto láctea coma cárnica. A industria cárnica é o sector fabril máis desenvolvido, coa presenza de mercados urbanos e os seus matadoiros, que favoreceron esta actividade gandeira. Aínda que é un concello litoral, carece dunha especialización pesqueira notable, e só se censan o 1,5% dos traballadores neste sector e non posúe ningún porto pesqueiro de especial significación. O litoral do concello especializouse totalmente na actividade turística. Os traballadores do sector secundario desenvolven o seu emprego en empresas de fóra, principalmente da área ferrolá. Dentro do concello atópanse algúns serradoiros, produto da riqueza forestal de Miño. O sector terciario está asociado á actividade turística. A beleza do litoral do concello, a presenza de diversas praias e calas, das que destaca a praia Grande pola calidade da súa area e a súa extensión, e a proximidade con respecto a núcleos urbanos como A Coruña ou Ferrol, converteron a Miño nunha importante área de veraneo. O seu turismo é interior e competitivo, pero fortemente estacional. Outros servizos, en menor medida, tamén se desenvolveron da man do turismo. O sector da construción proliferou grazas á actividade turística. As principais vías de comunicación son a estrada N-VI, Madrid-A Coruña, que na súa variante de Betanzos a Ferrol atravesa de norte a sur o concello e a AP-9. A liña de ferrocarril de Betanzos a Ferrol ten unha estación en Miño.
Historia
A ocupación humana en Miño remóntase á época castrexa coa presenza dun castro no lugar onde se situou o cemiterio posteriormente, polo topónimo da parroquia de Castro, así como polos restos castrexos en Loios. Da ocupación romana non hai testemuño aínda que, en 1916, se atopou o tesouro de Algara, que contiña diversas moedas do s III. Dos documentos históricos máis antigos en que se fai mención de Miño destaca o que se refire ao couto de Santa María de Miño, que pertencía no s XII aos templarios do lugar do Temple (Cambre). Unha vez extinguida esta orde a comezos do s XIV, o señorío de Miño pasou a poder dos Andrade, que doaron as propiedades da freguesía ao mosteiro de Montefaro. No século XVI Miño estaba baixo o señorío do conde de Sarria. En 1821 o lugar ocupábano o concello de Leiro, do partido xudicial de Pontedeume, e Callobre, do partido xudicial de Betanzos. Coa división municipal de 1835 formouse o concello de Castro, coas oito parroquias definitivas, e en 1919 pasou a denominarse Miño.
Patrimonio cultural>
Dos restos máis antigos de ocupación destaca o castro de Loios. Na arquitectura relixiosa destaca a igrexa románica de San Xoán de Vilanova (s XI) e a de Santa María de Castro (s XVII), e na civil, o pazo dos condes de Vigo en Bañobre e as pontes medievais sobre o Lambre en Viñas, e sobre o Baxoi en Callobre. Entre os recursos turísticos máis importantes atópase a praia Grande de Miño. Do seu patrimonio natural destaca o espazo Betanzos-Modeo, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. A principal festa celébrase o 31 de agosto cunha romaría que ten lugar no Campo de San Ramón, e das festas pagás destacan as dúas festas do turismo en xullo e agosto, en que ten lugar unha degustación de produtos típicos. Nas parroquias celébranse as festas de San Xoán en Vilanova, o 24 de xuño e de San Pedro, na vila, o 29 do mesmo mes.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Betanzos |
| Extensión | 32 Km2 |
| Poboación Total | 5256 h |
| Poboación Homes | 2615 h |
| Poboación Mulleres | 2641 h |
| Densidade de poboación | 164.25 h/Km2 |