Miño, esteiro do
Esteiro situado na fronteira entre España e Portugal e incluído na Rede Natura 2000, desde 2001. Ten unha orientación SO-NL e está asentado sobre unha falla que ten a mesma orixe que as Rías Baixas, coa peculiaridade de que non foi tan extensa como para formar unha ría. As montañas que o circundan están formadas por granitos de dúas micas, como o Monte de Santa Tegra (A Guarda). A súa vexetación é moi variada. Nas ribeiras aparecen fragas ripícolas e vexetación palustre, ademais de xuncos, carrizos, salicornias, toxos, fentos, amieiros, salgueiros, que albergan un gran número de aves acuáticas, sedentarias, estivais, invernantes ou de paso, e tamén certos mamíferos como a auganeira e a lontra, réptiles como o sapoconcho común e o lagarto das silvas e anfibios como a píntega rabilonga. Son abundantes as poboacións de salmón e lamprea, empregándose para a pesca desta última uns diques de deseño peculiar, denominados pesqueiros. Foi declarado Lugar de Importancia Comunitaria (2001) e Zona de Especial Protección para as Aves (2004).