morfema
(< morfo- + -ema)
Unidade lingüística mínima que está dotada de significante e significado. Na palabra nenas distínguense os morfemas nen- (‘individuo de pouca idade’) + -a- (‘de sexo feminino’) + -s (‘tomado en plural’). O feito de que o morfema estea dotado de dúas caras non significa necesariamente que entre o significado e o significante haxa unha relación biunívoca. A realidade lingüística demostra que un significante pode ter varios significados ou que a un único significado lle corresponden varios significantes. No sufixo -eiro distínguense, entre outros, os significados de ‘lugar onde hai abundancia de’ (xunqueira, esterqueira), ‘planta ou árbore que produce’ (maceira, caraveleira), ‘conxunto de’ (romanceiro, cancioneiro), ‘recipiente ou lugar para gardar’ (pataqueiro, cinceiro), ‘persoa que realiza unha actividade’ (carniceiro, oleiro), etc. Os morfemas derivativos que serven para formar xentilicios valen de exemplo dun mesmo significado para varios significantes: -ense (allaricense, bañense), -es (alfocés, baionés), -án (arousán, arzuán), -eiro (betanceiro, rianxeiro), -ino (chantadino, monfortino), -ego (limego, chairego), -ano (americano, berciano), etc. Cando se constatou este último feito xurdiu a denominación de alomorfo, cada unha das realizacións ou significantes dun mesmo morfema. O morfema que serve para formar substantivos abstractos sobre unha base nominal presenta, entre outros, os alomorfos {dade} (lealdade, irmandade), {edade} (solidariedade, paritariedade), {idade} (capacidade, mortalidade). Igual ca os alófonos verbo do fonema, os distintos alomorfos son variantes combinatorias en distribución complementaria: onde aparece un nunca aparecerá o outro e cando un está presente non é posible atopar outros. O alomorfo {is} de plural, só aparece con palabras graves rematadas en -l, pero nunca con palabras rematadas en vogal, por exemplo. En función da súa presenza real nas palabras, os morfemas poden clasificarse en explícitos, que son os que aparecen efectivamente na conformación da unidade superior, e implícitos, cando están ausentes. Estes, coñecidos como morfema cero {ø}, adquiren o seu significado desa ausencia. O morfema de número é explícito cando se trata dun plural: can-s, rapac-es, bengalí-s, anima-is. No singular trátase dun morfema implícito, dun morfema cero que non aparece especificado: can-ø, rapaz-ø, bengalí-ø, animal-ø. En función do seu significado, os morfemas clasifícanse en morfemas léxicos ou lexemas, que posúen significado léxico e non forman un inventario pechado, e morfemas gramaticais, que forman un inventario pechado e que engaden notas significativas de carácter gramatical. Os morfemas gramaticais, pola súa banda, pódense dividir en flexivos e derivativos. Os morfemas flexivos engádenlle unha nota significativa nova ao morfema léxico, resultando da súa unión unha palabra que é a suma dos dous significados: corazón + -s = corazóns. Os morfemas derivativos tamén engaden unha nota significativa nova pero orixinando unha palabra diferente: zapato + eiro = zapateiro. En función da súa posición, os morfemas derivativos clasifícanse en prefixos, que se colocan antes do lexema (re-correr, pre-fabricar, ante-por), e sufixos, que se sitúan despois do lexema (corr-ida, cabez-udo, malet-eiro). Estes últimos divídense en sufixos alterativos, que son aqueles que modifican o significado da base pero que non a transcategorizan (patad-ón, pequen-iño, camp-elo, ping-allo, grand-ísimo), e os sufixos derivativos, que dan lugar a novos significados e poden cambiar a categoría gramatical da base (profesor-ado, vel-ame, pomb-al, cancion-eiro, ferrol-án, culler-ada, primeir-izo, orell-udo, nugall-án, paraugu-eiro, pacifica-ción, creba-dura, alia-nza, viv-eza, capac-idade). Os principais morfemas flexivos son os de xénero (xerr-o/xerr-a, compostel-án/compostel-á, condutor-ø/condutor-a, mestr-e/mestr-a, deus/deus-a), número (cal-es, pape-is, luns-ø, cama-s, funí-s), vogal temática (C-I agrupa os verbos con