Mos
Concello que pertence á comarca de Vigo, situado no SO da Comunidade Autónoma de Galicia e da provincia de Pontevedra, da que administrativamente forma parte. A súa posición xeográfica é 42° 11’ de latitude N e 8° 38’ de lonxitude O. Limita ao N cos concellos de Redondela e Pazos de Borbén (comarca de Vigo), ao S co do Porriño (comarca de Vigo), ao L co de Ponteareas (comarca do Condado) e ao O co de Vigo (comarca de Vigo). Abrangue unha superficie de 53,2 km 2 cunha poboación de 14.4717 h (2007), distribuídos nas parroquias de Cela, Dornelas, Guizán, Louredo, Mos, Pereiras, Petelos, Sanguiñeda, Tameiga e Torroso. A súa capital é Reguengo, situada na parroquia de Petelos, e dista 35 km de Pontevedra e 98 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á diocese de Tui-Vigo e á xurisdición do partido xudicial do Porriño.
Xeografía física
A Depresión Meridiana que atravesa toda Galicia desde Carballo ata Tui articula o territorio de Mos. Esta falla ocupa de N a S todo o concello, aínda que acada un maior desenvolvemento cara á área meridional, instalándose no seu centro o val do río Louro e os seus afluentes. Flanquean esta fosa tectónica os contrafortes da serra do Galiñeiro ao O e ao L (monte Salgueirón, 621 m; O Castelo, 543 m). A erosión fixo retroceder as escarpas da falla tectónica debido á dinámica das vertentes, en que influíron fundamentalmente as enxurradas, favorecendo unha acumulación de barro do fondo do val. Existen por este motivo áreas en que a drenaxe é insuficiente, xurdindo fenómenos palustres na época máis húmida. Litoloxicamente, o río Louro no seu percorrido NO-SSL atravesa materiais xistoso-metamórficos, para logo percorrer, cara ao S, sectores en que predominan as anfibolitas e os granitos de dúas micas. O seu clima podemos encadralo dentro do dominio oceánico húmido, se ben dentro das variedades galegas pertences ao subtipo do litoral das Rías Baixas, caracterizado por unhas elevadas precipitacións e unha benignidade térmica notable. Non obstante, pódense diferenciar no concello dúas variedades microclimáticas que introducen pequenos matices, a dos rebordos montañosos e a do val. Así, nas áreas máis elevadas increméntanse as precipitacións (2.000 mm) respecto ao val (1.500 mm) polo efecto orográfico, mentres que as temperaturas medias son algo inferiores debido á súa maior altitude (13,2°C fronte aos 14,8°C no val). Os meses máis cálidos, xullo e agosto, superan os 21°C no val, mentres que nas áreas de maior altitude sitúanse nos 18,5°C. As mínimas, en xaneiro, están máis parellas, pois acadan os 8,5°C e os 8°C respectivamente. Por mor destas diferenzas a amplitude estacional, aínda que escasa nos dous casos, é maior no val (12,5°C) ca na montaña (10,5°C). Durante a época estival existe un forte déficit hídrico, que afecta en agosto e setembro á montaña, e que se estende tamén en xullo no val. As precipitacións vense favorecidas pola orientación da ría de Vigo, axeitada para a penetración dos ventos ciclónicos do SO. O réxime pluviométrico é moi similar en ambas as dúas variedades microclimáticas, o inverno é o período máis chuvioso (38% das precipitacións), o verán presenta unha acusada seca (9%), e repártense as estacións intermedias o resto das chuvias (primavera, 26%; outono, 27%). Existen entre 140 e 150 xornadas anuais de precipitación. As xeadas son moi estrañas no val, aínda que se deixan notar durante o inverno nos seus rebordos montañosos . O val e as ladeiras do río Louro presentan un grande interese ecolóxico e paisaxístico.
Xeografía humana
O concello de Mos non conta con ningunha entidade de poboación que se poida considerar urbana, non obstante trátase dun concello extensamente urbanizado, sobre todo ao longo das importantes vías de comunicación que o atravesan. O crecemento difuso xurdido a partir dos núcleos próximos de Vigo e O Porriño favoreceu que Mos se convertese nunha área periurbana en que se mesturan sen diferenciación clara os usos urbanos, industriais, de almacenaxe, comerciais e agrícolas. Debido á proximidade destes dous núcleos industriais, a poboación de Mos non deixou de medrar desde o primeiro censo de 1887, en que contaba con 5.967 h; así, entre 1887 e 1940 a poboación incrementouse a un ritmo do 0,94% anual. Existía naqueles momentos unha forte corrente emigratoria cara a América en toda Galicia, pero neste lugar tiña menor forza a causa da ampla oferta laboral que Vigo ofrecía, contribuíndo a fixar poboación nos seus arredores, como é o caso de Mos. Ademais, o forte saldo vexetativo positivo contribuía ao aumento demográfico. O período intercensual 1940-1950 foi de estancamento poboacional cunha leve tendencia ao retroceso (-0,07% anual). A imposibilidade de emigrar durante a Guerra Civil Española e a mala situación económica da posguerra, especialmente nas cidades, favoreceron que na década de 1940 Mos expulsase cara á emigración ultramariña un gran continxente de poboación, perda que o saldo natural non foi capaz de contrarrestar. A partir de 1950, a recuperación económica, o auxe industrial de Vigo, o xurdimento do Porriño como centro industrial de significativa magnitude, a elevada natalidade e as boas comunicacións do concello fixeron que o incremento do número de habitantes fose constante e moi forte ata 1996 (1,19% anual), ano en que Mos acadou o seu máximo demográfico (13.755 h). Non obstante, a intensidade do crecemento foi moito máis significativa entre 1950 e 1981 (1,53% anual) ca durante as décadas de 1980 e 1990, en que se aprecia unha diminución que tende ao estancamento (0,33% anual), circunstancia que se confirmou no período 1996-1998, momento en que apareceu un leve retroceso demográfico (-0,18%). A comezos do s XXI detéctase un lixeiro aumento demográfico ao pasar dos 14.127 h en 2001 aos 14.471 h en 2007. En 2006 o crecemento natural foi positivo, 1,3‰, froito dunha natalidade relativamente alta, 9,8‰, e a pesar de tamén unha alta taxa de mortalidade (8,5‰). Os menores de 20 anos supoñen o 18,9% do total de habitantes e os maiores de 65 anos o 16%; o grupo de adultos representa o 65,1%. Por sexos a composición está equilibrada: 50,89% as mulleres e 49,10% os homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Mos é do 54,7% (69,7% a masculina e40,6 % a feminina); a taxa de ocupación é do 47,1% (63,1% a masculina e 32% a feminina) e a taxa de paro é do 14% (9,5% a masculina e 21,1% a feminina). A economía de Mos aparece determinada pola súa posición xeográfica intermedia entre o eixe industrial Vigo-O Porriño. É lugar de paso obrigado para a comunicación entre ambos os dous núcleos, feito que favoreceu a instalación de múltiples empresas industriais e de distribución ao longo das vías de comunicación que atravesan o concello. O 39,6% dos seus traballadores dedicanse á actividade industrial, moitos deles exercen o seu traballo tanto en Vigo como no Porriño, onde se dirixen a diario. A maioría desenvolve o seu labor no concello, que conta cunha rede empresarial moi diversificada, da que destacan as industrias extractivas de granito e derivados, así como as de cerámicas e materiais de construción. Son tamén importantes as dedicadas á confección, aos elaborados plásticos, ás artes gráficas, á construción naval, á alimentación, carpintarías, frigoríficas, talleres e empresas de distribución. A construción, pola súa banda, ten unha presenza modesta (12,7% dos activos) e a maioría dos seus traballadores están empregados en Vigo. A agricultura ten unha significación moito máis notoria da que ofrecen as cifras de actividade (0,9%), xa que a agricultura a tempo parcial como complemento das rendas familiares está moi estendida. Trátase dunha horticultura e gandaría de autoconsumo cun claro modelo familiar de economía rururbana. Acada moita importancia a explotación forestal (eucaliptos e piñeiros) pois o 61% do territorio municipal dedícase a este uso. A pesca ocupa ao 0,4%. O sector terciario, finalmente, é a outra gran fonte de emprego (46,4%) xunto coa industria. Mos conta cunha excelente infraestrutura viaria, pois polo seu territorio circulan a A-52 Vigo-Porriño, a AP-9 Ferrol-Tui e a N-550 A Coruña-Tui. Ademais, o concello é atravesado polo camiño de ferro e algunhas das pistas do aeroporto de Peinador intérnanse nas súas terras.
Historia
Os restos máis antigos do concello sitúanse nas mámoas do Campo das Mámoas e a Pedra da Cabalaria nos Montes de Beade, e nos túmulos dos Altos de San Colmado, o Rebullón, ou San Pedro de Cela. Do período castrexo destacan os castros de Guizán, Petelos, Torroso e Louredo. O Camiño Portugués de Peregrinación a Santiago segue, aproximadamente, o itinerario da vía IV militar de Braga a Santiago de Compostela, que cruzaba o concello pola parroquia de Guizán e seguía cara a Redondela, onde no límite municipal se conserva un miliario. Da Idade Media e Moderna coñécense as disputas entre a casa de Mos, que adquiriu o título de marquesado en 1685 por parte do Rei Carlos II; e os condes de Salvaterra e Maceda polo dominio territorial das xurisdicións que conformaban o concello, pertencentes todas elas á antiga provincia de Tui. A xurisdición de Mos era señorío do marqués de Mos; Porriño, do conde de Salvaterra; e Santo Antonio, do conde de Maceda. O actual concello constituíuse en 1836.
Patrimonio cultural>
Do seu patrimonio cultural destacan as igrexas parroquiais de San Salvador de Louredo e Santa María de Guizán, que conserva elementos románicos; o pazo de Mos, do s XVI, cun escudo do que xurdiu o do concello; e o de Santo Antonio. Durante o mes de xuño celébrase a festa da Rosa e no mes de agosto a de San Mamede, en honra á patroa do concello. Na parroquia de Cela celébrase a festa de San Cosme en outubro e na de Dornelas, durante o mes de maio, a de San Franco.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | PONTEVEDRA |
|---|---|
| Comarca | Vigo |
| Extensión | 53 Km2 |
| Poboación Total | 14471 h |
| Poboación Homes | 7106 h |
| Poboación Mulleres | 7365 h |
| Densidade de poboación | 273.04 h/Km2 |