motor -ra/-triz
(< lat motōre)
-
-
adx
Que move ou transmite movemento.
Ex: Impulso motor. Causa motora. Rodas motrices.
-
placa motora
[FISIOL]
sinapse neuromotora.
-
adx
-
-
s
m
[TECNOL]
Máquina que transforma en enerxía mecánica outra forma de enerxía (hidráulica, química ou eléctrica, entre outras). Inicialmente clasifícanse os motores en térmicos ou atérmicos segundo utilicen ou non a enerxía calorífica nalgunhas das etapas de transformación da enerxía inicial en enerxía mecánica. En función do elemento que fornece a enerxía, os motores atérmicos poden ser hidráulicos (impulsados por un líquido a gran presión ou gran velocidade), pneumáticos (movidos por aire comprimido), eólicos ou aeromotores (que aproveitan a enerxía do vento) e eléctricos (que transforman a enerxía eléctrica); tamén son motores atérmicos os que poden transformar a enerxía mecánica acumulada por un sistema sólido (resorte ou pesos) como é o caso dos reloxos. Entre os motores térmicos distínguense os exotérmicos e os endotérmicos. Nos motores exotérmicos a enerxía calorífica prodúcea un elemento externo ao fluído impulsor do motor, xeralmente vapor de auga. Poden ser de movemento alternativo (máquina de vapor) ou rotativo (turbina de vapor). Nos motores endotérmicos o fluído impulsor é, asemade, o produtor da enerxía calorífica. Pódense clasificar en alternativos (diésel, Otto), rotativos (Wankel) ou de reacción. Entre estes últimos distínguense os que necesitan unha compresión previa (turborreactor) e os que non precisan dela (pulsorreactor, estatorreactor e foguete).
-
motor auxiliar
[TECNOL]
Propulsor que funciona durante breves períodos de tempo ou en condicións especiais.
-
motor de aire comprimido
[TECNOL]
Motor que aproveita a expansión do aire a presión como forza motriz.
-
motor de arranque
[TECNOL]
Motor eléctrico de pequeno tamaño que activa o motor dun automóbil ao conectalo coa batería.
-
motor de arrastre
[IMAX]
Sistema automático que permite arrastrar a película despois de cada toma.
-
motor de explosión
[TECNOL]
Motor térmico de combustión interna.
-
motor eléctrico
[ENX]
Máquina eléctrica que converte a enerxía eléctrica en mecánica. Segundo o tipo de corrente eléctrica con que funcione, cómpre distinguir entre motores de corrente continua e motores de corrente alterna. Os motores de corrente continua, esencialmente análogos ás dínamos, aliméntanse de corrente continua mediante a excitación adecuada. Para poñelos en marcha disponse normalmente dun reóstato de arranque en serie co inducido, a fin de limitar a corrente inicial. Os motores de corrente alterna, os máis empregados na actualidade, poden ser síncronos ou asíncronos. Os primeiros, funcionan segundo o principio das máquinas síncronas e utilízanse unicamente en casos especiais; por contra, os motores asíncronos, denominados comunmente de indución, constitúen o tipo de motor eléctrico máis usual, e poden ser monofásicos ou trifásicos. Os trifásicos asíncronos son os máis usados e están formados por unha coroa tabular de pranchas magnéticas, con rañuras no interior, onde van aloxados os condutores que forman o bobinado; no interior hai un cilindro, feito tamén de pranchas magnéticas montadas sobre o eixe do motor, denominado rotor. Este, que ten unhas rañuras onde van os condutores que forman o bobinado inducido, cerrados sobre si mesmos en curtocircuíto, pode ser de gaiola de esquío ou de bobina. O bobinado indutor conéctase á liña trifásica de alimentación; o campo magnético xiratorio creado xera unhas correntes no inducido que o fan xirar. A posta en marcha dos motores de indución pódese facer de distintas formas. Nos de rotor en gaiola de esquío é corrente empregar a conmutación estrela-triángulo, manual ou automática, mais nos de rotor en bobina é posible ademais facelo por medio dun reóstato de arranque conectado ao rotor a través duns aneis colectores. Os motores monofásicos, pola contra, necesitan un bobinado auxiliar de arranque. Hai motores asíncronos de dúas ou máis velocidades, que se basean no cambio do número de polos do estator. Cando cómpre variar a velocidade, utilízanse os motores de colector, un tipo dos cales son os motores de repulsión. Tamén hai motores que poden funcionar indistintamente con corrente continua ou alterna (motores universais). Existen motores especiais, como o motor lineal de indución e o motor de paso a paso.
-
motor eólico /
[FÍS/IND]
aeromotor.
-
motor térmico /
[FÍS/TECNOL]
Motor destinado a producir enerxía mecánica a partir da enerxía química dun combustible por medio da súa combustión. A calor desprendida na combustión transfórmase en enerxía térmica do fluído activo, que produce un traballo mecánico nun proceso de expansión. Esta calor pode ser producida no seo do fluído activo (caso en que se fala de motores endotérmicos, de combustión interna ou simplemente de combustión) ou externamente a este fluído (e en tal caso fálase de motores exotérmicos ou de combustión externa). Nos motores endotérmicos a combustión pode ser continua (como é o caso dos motores de reacción) ou producirse por unha serie de explosións (é o caso dos motores de explosión: Otto, diésel ou Wankel). O fluído activo pode actuar sobre un elemento con movemento rectilíneo e alternativo (motores alternativos) ou sobre un elemento rotor solidario coa árbore do motor (motores rotativos). O motor traballa entre dúas temperaturas extremas e unha parte da enerxía térmica é expulsada, a baixa temperatura, polos condutos de escape. O rendemento térmico destes motores é moi baixo. Dentro dos motores exotérmicos hai dous tipos principais: a máquina de vapor e a turbina de vapor. Os motores endotérmicos son os de aplicación máis xeneralizada. Pódese fixar o ano 1677 como data aproximada das primeiras experiencias de aproveitamento mecánico da enerxía térmica, levadas a cabo por Jean d’Hautefeuille e despois por C. Huygens (1680) e D. Papin (1690). Nin o enxeño de Robert Street (1794) ni o de Philippe Lebon (1801) tiveron realización práctica. Samuel Brown iniciou, en 1823, a construción dun motor que empregaba gas como combustible e que tiña todos os elementos esenciais dos motores modernos. En 1833 W. L. Wright construíu o primeiro motor que actuaba pola presión dos gases requecidos. Cinco anos máis tarde, William Barnett construíu un motor de dous tempos con compresión previa do combustible e un sistema de ignición por medio dunha chama piloto. Outro sistema de ignición distinto foi o introducido por A. Drake en 1843. En 1860 J. J. E. Lenoir comercializou un motor de dous tempos que era unha adaptación da máquina de vapor de dobre efecto. Ao ano seguinte G. Schmidt propuxo a compresión da carga mediante unha bomba antes de entrar no cilindro, para así obter máis rendemento. En 1856 E. Barsanti e F. Mateuci construíron un motor cun único cilindro de eixe vertical. As contribucións teóricas máis importantes foron as de Nicolas Léonard Sadi Carnot e a primeira descrición do ciclo de catro tempos, feita por Alphonse Beau de Rochas en 1862. Sobre estas bases teóricas e sobre as contribucións de F. Mateuci e E. Barsanti, Nikolaus Otto iniciou a construción dos seus motores en 1867. Constaban dun cilindro vertical, dentro do que había un émbolo dotado dun movemento alternativo. A cámara de combustión estaba situada na parte inferior do cilindro, e o sistema de ignición era eléctrico. En 1876 Otto e Langen aplicaron os principios de Beau de Rochas ao deseño do primeiro motor de catro tempos que empregaba a compresión. En 1892 Rudolf Diesel patentou a descrición dun novo ciclo de traballo do motor no que o arranque se producía por compresión do aire e posterior inxección do combustible. En 1897 foi iniciada a construción do motor diésel. En 1922 déuselle aplicación ao primeiro motor deste tipo no campo do automóbil. Os motores de émbolo rotativo (motor Wankel) non apareceron ata 1956 co deseño de Felix Wankel, que foi construído pola firma alemá NSU. En 1911 Brown-Boveri construíu un motor en que os gases producidos na combustión accionaban unha turbina de gas. En 1939 aplicouse a propulsión de reacción a un avión, cun deseño de Hans von Ohain. Dous anos máis tarde, Frank Whittle construíu en Inglaterra un modelo semellante. Os motores de combustión interna de movemento alternativo constan fundamentalmente dun número indeterminado de cilindros (desde un só cilindro ata 16) que se poden colocar verticalmente (dereitos ou invertidos), horizontalmente, en H, en V, en W ou en estrela. Os cilindros van cerrados por unha culata e provistos dunhas válvulas ou espirais e polo seu interior corre un émbolo ou pistón, que transmite o seu movemento a un cegoñal por medio dun sistema de biela-manivela. Para o seu funcionamento o motor vai provisto duns sistemas de carburación o de inxección, de distribución, de ignición, de refrixeración e de transmisión. Cada motor segue un ciclo de traballo (de dous ou de catro tempos) segundo un modelo determinado (ciclo Diesel, ciclo de Otto, ciclo Sabathé) que lle dá nome ao motor (motor diésel, motor Otto, ou motor semidiésel). Empréganse os motores Otto (denominados tamén de ignición por chispa) na tracción de automóbiles e de embarcacións pequenas ou na propulsión de avións ata 600 km/h. Os motores diésel (chamados tamén de ignición por compresión), cun consumo máis baixo, empréganse principalmente na propulsión naval, na tracción ferroviaria e de automóbiles ou en xeradores eléctricos. Os motores de reacción, utilizados na propulsión de aeronaves, teñen como principio de funcionamento a exección, a unha gran velocidade, dun gas ou dunha mestura de gases producidos pola combustión dun combustible. Divídense en motores sen compresión previa do aire de combustión e motores con compresión previa. Dentro do primeiro apartado cóntanse o foguete, o pulsorreactor e o estatorreactor. No segundo caso fálase de turborreactores.
-
motor hidráulico /
[FÍS/TECNOL]
Máquina hidráulica destinada a producir enerxía mecánica a partir da enerxía contida nun líquido, baixo as formas de enerxía de presión, cinética e potencial, nunha proporción determinada. Os motores hidráulicos divídense en dous grandes grupos: as turbinas e os motores volumétricos. Os motores volumétricos, onde case que toda a enerxía fluída chega coa enerxía de presión, inclúen os motores de movemento rectilíneo, motores de movemento xiratorio de ángulo limitado e motores de movemento xiratorio continuado ou rotativos. Entre os motores de movemento rectilíneo cómpre citar o cilindro hidráulico, consistente esencialmente nun émbolo ou pistón fixado a unha barra coaxial que transmite o esforzo, e que se move, impulsado pola presión do líquido, ao longo dun tubo cilíndrico. Entre os motores xiratorios de ángulo limitado hai os que consisten nun cilindro unido a un mecanismo que converte en xiratorio o movemento rectilíneo (do tipo biela-manivela ou piñón-cremalleira); outros realizan o movemento xiratorio no punto en que se transforma a enerxía hidráulica. Os tipos principais de motores rotativos son os de paletas, os de engrenaxes, os de alvéolos, os de pistóns paralelos e os de pistóns radiais. A estrutura de cada un deles é moi similar á da bomba do mesmo nome. Son numerosas as aplicacións industriais dos motores hidráulicos: as turbinas utilízanse para obter enerxía nos saltos de auga e os motores volumétricos encóntranse en toda clase de máquinas.
-
motor pneumático /
[FÍS/TECNOL]
Motor destinado a producir enerxía mecánica a partir da enerxía contida nun gas, baixo as súas formas de enerxía de presión, cinética e térmica, nunha proporción determinada. A clasificación dos motores pneumáticos coincide coa dos motores hidráulicos, isto é, que segundo os principios de funcionamento distínguense as turbinas e os motores volumétricos e, dentro destes, os de movemento rectilíneo, os de movemento xiratorio de ángulo limitado e os rotativos. Entre os motores de movemento rectilíneo cóntanse os cilindros pneumáticos. O principio do movemento repetitivo moi rápido é amplamente aplicado nos martelos pneumáticos e en toda clase de máquinas vibradoras. Os motores xiratorios de ángulo limitado son moi semellantes aos correspondentes enxeños hidráulicos. Dentro dos motores rotativos o tipo máis estendido é o de paletas. As turbinas utilízanse principalmente para a obtención de enerxía eléctrica.
-
s
m
[TECNOL]
- s
-
motor de inferencia
[INFORM]
Programa de intelixencia artificial que realiza inferencias a partir dunha base de coñecemento.
-
[FILOS]
Primeira causa aristotélica, segundo a argumentación que parte da orde cósmica.
-
motor foguete
[COSMON]
foguete.