Mugardos
Concello da comarca de Ferrol, situado ao NO de Galicia e ao NO da provincia da Coruña. A súa posición xeográfica é de 43° 27’ de latitude N e 8° 15’ de lonxitude O. Limita ao N coa ría de Ferrol, ao L co concello de Fene (comarca de Ferrol), ao S co concello de Ares (comarca de Ferrol), e ao O co concello de Ares. Abrangue unha superficie de 12,8 km 2 cunha poboación de 5.636 h (2007) distribuída nas parroquias de Franza, Meá, Mugardos e Piñeiro. A capital do concello é o lugar de Mugardos, situado a 56 Km da cidade da Coruña e a 89 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á arquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Ferrol.
Xeografía física
O concello de Mugardos localízase na vertente S da ría de Ferrol e está situado en fronte do porto ferrolán, do Arsenal e da base naval da Graña. A superficie reducida fai que non se atope ningunha unidade de relevo importante no concello. De feito, se algo caracteriza a Mugardos é o seu carácter costeiro, pois dunha forma lonxitudinal esténdese ao longo da ría de Ferrol. A configuración topográfica é suave e ondulada. A altitude media é baixa e ningún punto excede os 100 m. A base rochosa son xistos que aparecen modelados suavemente polos cursos fluviais. Climaticamente, o concello entra dentro do dominio oceánico húmido. As temperaturas caracterízanse pola súa suavidade, e a media anual é de 13,1°C. O mes máis frío é xaneiro con 8,8°C de media mentres que o máis quente é agosto con 18,3°C. A oscilación térmica é de 9,5°C, unha variación pequena debida á acción temporizadora do mar. As precipitacións son de 1.376 mm anuais, unha moderada cantidade a causa de localización de Mugardos ao amparo dos ventos na beira meridional da ría de Ferrol. O réxime pluviométrico ten un máximo no inverno, co 34,16% do total anual e unha mínima no verán, cunha media do 11% do total. Presenta un déficit hídrico estival acusado no mes de xullo, e menor nos meses de agosto e setembro. A rede hidrográfica está constituída por pequenos cursos de auga, como regatos e arroios que discorren placidamente ata desembocar na ría de Ferrol ou na enseada de Ares, dos que destacan Boado e O Esteiro. O espazo forestal non representa unha grande extensión dentro de Mugardos debido á intensa ocupación humana da superficie do concello. Os pequenos bosques de repoboación, piñeiros e eucaliptos, caracterizan esta vexetación natural e o mato atlántico desenvólvese polas áreas abertas á influencia directa do océano.
Xeografía humana
A poboación do concello de Mugardos seguiu diversas dinámicas ao longo do s XX. En 1900 había 6.517 h, e desde entón os períodos de ascenso e descenso demográfico foron sucedéndose. Ata a Guerra Civil Española o número de habitantes permaneceu estancado, e neses anos tivo lugar un forte crecemento demográfico, aínda que Mugardos, como espazo litoral próximo a importantes portos, experimentou de primeira man a corrente emigratoria cara aos países iberoamericanos. A importancia do aumento vexetativo reflíctese cando coa guerra e a inmediata posguerra se pecharon as fronteiras, pois é neste momento cando Mugardos vive unha espectacular suba de poboación. Entre 1920-1940 a poboación aumentou nun 21,55% e en 1940 o número de habitantes era de 8.292. Foi neste censo cando se acadou o máximo demográfico do s XX. O desenvolvemento do sector pesqueiro nun contexto de autarquía explica este auxe demográfico. Entre 1940 e 1950 ten lugar un descenso demográfico brusco do 14,3% ata 7.110 residentes, momento en que tivo lugar un éxodo cara á próxima cidade de Ferrol pois eran os anos en que se potenciaba fortemente o sector naval ferrolán. A demanda de traballadores nos estaleiros ferroláns explica o mantemento dos traslados ata a década de 1960. Desde 1960 e ata a década de 1980, a poboación de Mugardos volveu a estancarse, cunha lixeira suba. O que fixou a poboación foi o desenvolvemento económico do sector naval da comarca de Ferrol, no que traballan a maioría dos traballadores de Mugardos, e a corrente emigratoria cara aos países de Europa Occidental. A crise industrial que se plasmou na reconversión do sector naval, a caída da natalidade e o progresivo avellentamento da poboación afectaron a Mugardos a partir de 1981, polo que o número de habitantes descendeu. O crecemento natural (2006), do -6,3‰, é fortemente negativo. A taxa de natalidade sitúase en parámetros baixos, 6,8‰, e a mortalidade está en ascenso, 13,1‰. A poboación ata os 20 anos supón o 15,8% e os maiores de 65 anos representan o 24,5% do total; o grupo intermedio representa o 62,7%. A distribución por sexos amosa un predominio das mulleres, que constitúen o 51,24% da poboación fronte aos homes que constitúen o 48.75%, unha estrutura poboacional por sexos que reflicte o grao de avellentamento. Existe unha forte concentración dos habitantes do concello na vila de Mugardos,seguida da vila do Seixo. En xeral, trátase dun poboamento moi concentrado na liña litoral de Mugardos, onde se desenvolveu un proceso de urbanización. Predomina polo tanto a vivenda familiar, aínda que existen moitas vivendas secundarias que pertencen na súa maioría a emigrantes que constrúen ou compran unha residencia para os períodos de vacacións ou para un retorno definitivo. As vivendas desocupadas débense a que son de nova construción en espera da demanda.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Mugardos é do 43,7% (58,3% a masculina e 30,3% a feminina), a taxa de ocupación é do 35,5% (49,8% a masculina e 22,4% a feminina), e a taxa de paro é do 18,7% (14,6% a masculina e 26% a feminina) A distribución da poboación activa por subsectores económicos reflicte a importancia do sector terciario e da industria que ocupan o 50,3% e o 26,9% respectivamente da poboación ocupada. O sector primario apenas emprega o 8,4% dos traballadores. Nas súas actividades económicas e no seu perfil social Mugardos manifesta todos os trazos propios de carácter urbano. O concello ten unha estreita unión coa vida da área urbana de Ferrol á que pertence. De tal forma, que a maioría dos traballadores de Mugardos desenvolven a súa actividade na comarca de Ferrol, fóra do propio termo municipal. A ocupación tradicional de Mugardos foi de sempre a pesca, pero tal actividade emprega unha pequena proporción de persoas que seguen a faenar tendo como base o porto mugardés. A agricultura realízase a tempo parcial na maior parte dos casos e ningunha actividade agraria aparece especialmente desenvolvida. A obtención de produtos de horta que se destinan aos mercados urbanos de Ferrol e da súa área é a única produción comercial destacada dentro dunha agricultura polo xeral que se dedica ao autoconsumo. Son os sectores secundario e terciario os que centran a economía do concello, pero fano desde a perspectiva da súa inclusión dentro da economía da comarca ferrolá. Os traballadores do sector secundario (41,3%) desenvolven a súa actividade nos estaleiros de Ferrol e Fene. A reconversión do sector naval tras a crise iniciada na década de 1980 afectou fortemente a Mugardos e recortou boa parte das súas fontes de emprego. Aínda son patentes os efectos da crise e a cuarta parte da poboación activa do concello está desempregada. Coa crise industrial foi o sector terciario o que xerou un número maior de empregos (50,2%). Debido á forte urbanización do concello e á presenza dunha serie de núcleos encabezados pola vila de Mugardos atópanse no termo unha serie de comercios e servizos básicos bastante desenvolvidos. Non obstante, tamén a escala servicial Mugardos entra dentro da atracción da urbe ferrolá, onde acoden os habitantes do concello para as súas compras e para os servizos administrativos, financeiros, sanitarios e educativos máis desenvolvidos. A principal vía de comunicación é a estrada provincial C-122 de Perlío a Mugardos, arteria que conecta o concello coa área urbana ferrolá. Nesta estrada rematan as vías locais que unen os diferentes núcleos de poboación con esta arteria principal. A liña de ferrocarril de Ferrol a Betanzos toca o termo na parroquia de Piñeiro e na estación de Franza.
Historia
A antigüidade do poboamento deste territorio demóstrase nos numerosos restos castrexos atopados, como o castro dos Castros, en Franza; o das Escadas ou As Gaivotas, na Garita, en Franza, entre Mugardos e Fene; e o castro de Mugardos. De época romana, atopáronse restos de cerámica, vidros e ladrillos na enseada do Seixo, en Franza, e en Meá. A primeira noticia documentada destas terras data de 1105, cando Cristovo de Seguedís lle entregou a metade da vila ao mosteiro de San Xoán de Caaveiro. Noutro documento de 1235 o abade Tedón aparecía como dono da outra metade do territorio e en 1397 Fernán Pérez de Andrade o Bo concedeu o señorío da vila de San Xulián de Mugardos ao mosteiro de Santa Catarina de Montefaro. O rexedor mugardés Ramón Mariño da Barrera, conseguiu a liberación do señorío de Montefaro, feito que quedou plasmado no deseño do escudo do concello que se realizou en 1805. Durante o s XIX fomentouse a actividade pesqueira tras a entrada de industriais cataláns e chegou a haber ata catro fábricas de salgar no concello. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello de Mugardos pertenceron a varias xurisdicións da antiga provincia de Betanzos: Franza, Meá e Piñeiro á xurisdición de Pontedeume, señorío e administración do conde de Lemos; e Mugardos constituía a xurisdición homónima, señorío e xurisdición do mosteiro de Montefaro. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal no territorio, que se concretou na creación dos concellos de Mugardos e Franza, ambos os dous do partido xudicial de Pontedeume. A derrogación da constitución por Fernando VII supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime de señoríos. En 1835 produciuse a definitiva instauración do municipalismo e o concello non coñeceu variacións nos seus límites parroquiais.
Patrimonio cultural>
Ademais dos restos castrexos mencionados, no campo da arquitectura relixiosa destacan as igrexas parroquiais de Santiago de Franza, que conserva un sepulcro renacentista de don Pedro de Sillobre, e a de San Xulián de Mugardos. Dentro da arquitectura civil destacan os pazos da Condesa no Baño (Mugardos), o de Novas na Pedreira (Meá) e o de Rilo (Meá). O castelo de Palma de Mugardos foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 1994. Do seu patrimonio natural destaca o espazo da Costa Ártabra, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Das festas que se celebran no concello destacan a de San Xulián o 7 de xaneiro, a de Nosa Señora do Carme o 16 de xullo, a romaría de Nosa Señora de Lodairo o día da Ascensión e a noite das Pepitas o 18 de marzo.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Ferrolterra |
| Extensión | 12 Km2 |
| Poboación Total | 5636 h |
| Poboación Homes | 2748 h |
| Poboación Mulleres | 2888 h |
| Densidade de poboación | 469.67 h/Km2 |