muiñeira

muiñeira

(< muíño)

  1. s f [MÚS]
    1. Baile tradicional galego que acompaña á música do mesmo nome, que executan parellas ou grupos de parellas soltas. Son diversas as teorías que explican a súa orixe, como a que afirma que se pode tratar da evolución dunha danza guerreira, documentada por Estrabón, en que os danzantes formaban círculos e daban saltos e voltas no aire. Outra teoría afirma que a muiñeira naceu, como indica o nome, nos muíños durante as xornadas nas que se reunían os veciños para a moenda. Este baile consta dunha sucesión de puntos e paseos que se estruturan cunha certa orde. En primeiro lugar, un dos bailaríns máis experimentados, o guía, fai unha chamada, mediante un xesto ou tocando as súas castañolas, para iniciar o baile. Os danzantes dispóñense en dúas fileiras enfrontadas, unha a dos homes e outra a das mulleres. A continuación o guía encárgase de sacar o punto, é dicir, executa unha serie de movementos complexos que mesturan saltos e outro tipo de xiros que o resto de bailadores repiten de forma sincronizada. Á concatenación de varios puntos coas dúas fileiras enfrontadas séguenlle os paseos ou rodas, que se realizan formando unha roda ou mediante uns pasos cara a adiante e atrás, ou cara aos lados, que serven de transición e descanso entre os puntos. Tanto os puntos como os paseos poden facerse en táboa, é dicir, cando as fileiras xiran sobre si mesmas durante a realización do punto ou do paseo. Dentro da muiñeira tradicional hai dúas divisións fundamentais: a muiñeira ou muiñeira nova, a descrita anteriormente, e a muiñeira vella ou ribeirá, propia da Costa da Morte, que se caracteriza porque a muller non fai puntos e limítase a realizar unha figura en forma de oito arredor do home. Os homes, pola súa banda, executan uns puntos moi complicados e vistosos que rematan cun pateado no chan. Outra variante da muiñeira tradicional é a carballesa, propia das terras do Caurel, en que a diferenza fundamental respecto da muiñeira tradicional é que se baila en roda, tanto os puntos como os paseos.

    2. Composición musical, de ritmo ternario, que é propia da música tradicional galega e que adoita acompañar o baile homónimo. Hai dous tipos básicos: a muiñeira nova, que se corresponde cun compás de 6/8, e a muiñeira vella ou ribeirá, que se corresponde cun compás de 2/4. A diferenza na acentuación tamén é evidente entre os dous tipos de melodía, xa que na muiñeira nova o acento cae na primeira nota de cada grupo rítmico de tres corcheas, mentres que na muiñeira vella vai na segunda de cada tres. Outra diferenza destacada é que a muiñeira vella non admite unha interpretación exclusivamente instrumental e, polo tanto, sempre vai acompañada do canto. A gaita é o instrumento que se emprega principalmente na interpretación da muiñeira tradicional, xa que se adapta perfectamente ás necesidades interpretativas e melódicas deste tipo de composicións. As muiñeiras vellas acompáñanse con pandeiretas, pandeiros e outros instrumentos de percusión que subliñan o marcado carácter ternario e a acentuación diferente destas melodías. As muiñeiras presentan un número variable de partes, pero as máis habituais constan de dúas, que se repiten varias veces.

  2. s f [FUNGO]

    Fungo que presenta cogomelos con láminas desiguais e moi decorrentes, cun sombreiro plano de entre 5-15 cm, de cor abrancazada e cun pé moi curto da mesma cor. Vive tanto en bosques de coníferas como de árbores caducifolias durante o outono e principios do inverno.

Palabras veciñas

1 muiñar | 2 muiñar | Muineachán | muiñeira | muiñeiro -ra | Muiñeiro, O | Muiñelo