Muíños

Muíños


Concello da comarca de Baixa Limia, no S da Comunidade Autónoma de Galicia e da provincia de Ourense. A súa situación xeográfica é 41° 57’ 00” de latitude N e 7° 59’ 00” de lonxitude O. Limita ao N con Lobeira, Bande (ambos os dous na comarca de Baixa Limia) e Porqueira (comarca da Limia), ao L con Porqueira e Calvos de Randín (ambos os dous na comarca da Limia) e Portugal, ao S con Portugal, e ao O con Lobios (comarca de Baixa Limia). Abrangue unha superficie de 109,7 km 2 , cunha poboación de 1.922 h (2007), distribuída nas parroquias de Barxés, Cados, Couso de Salas, Farnadeiros, As Maus de Salas, Muíños, Parada de Ventosa, Porqueirós, Prado de Limia, Requiás, Souto de Limia e Xermeade. A súa capital está na vila de Mugueimes, na parroquia de Muíños, que dista 165 km de Santiago de Compostela e 50 km de Ourense. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial de Bande.
Xeografía física
O relevo de Muíños responde á transición entre o val do baixo Limia e a serra do Xurés, marcado por unha sucesión de áreas deprimidas (o mesmo val do Limia, pero tamén o do Salas) e áreas máis elevadas. Unha característica do seu relevo son as complexas formas producidas pola erosión de rochas graníticas e as liñas mestras do seu relevo, que seguen unha dirección NL-SO. O val do río Limia é unha estreita faixa de terreo en parte somerxida polo encoro das Conchas e cunha altitude media que comprende entre os 500 e os 600 m. Máis ao S atópase unha sucesión de relevos pouco destacados e de altitudes comprendidas entre os 650 e 800 m que marcan a divisoria co val do río Salas. Máis ao S, o val do río Salas, moi estreito e inundado na súa parte oriental polo encoro de Salas, está pouco escavado respecto ás elevacións circundantes e ten unha altitude media entre os 670 e os 725 m. Máis ao S eríxese a serra do Xurés, que ascende progresivamente a través dunha sucesión de serras e vales con dirección S-N que levan ao eixe principal da serra, que segue unha dirección NL-SO, a altitudes medias que varían entre os 800 e os 1.350 m, que culminan no Couto das Galleiras (1.444 m), Fontefría (1.422 m) e Rechao (1.237 m). O concello de Muíños está repartido entre os dominios climáticos oceánico de montaña e oceánico continental. O val do Limia canaliza a influencia mariña, suavizando as temperaturas e incrementando as precipitacións. A temperatura media anual é de 13,1°C, a media de xaneiro é de 6,5°C, e a de agosto é de 20,7°C. A amplitude térmica extrema chega aos 23°C. A precipitación anual media é de 1.419 mm, cunha distribución estacional que amosa unha notable seca estival; o 38% de precipitacións recóllese en inverno, fronte ao 8% en verán, e fican con valores medios a primavera co 26% e o outono co 28%. A rede hidrográfica do concello está integramente dentro da conca do Limia que delimita ao concello polo N, co seu leito fosilizado polo encoro das Conchas e recibe as augas do Rego da Pousa. O resto do concello é atravesado polo río Salas, afluente do Limia, cun percorrido L-O. Inicialmente está fosilizado polo encoro de Salas, e recibe pola dereita os regos Ponte Nova e Salgueiro que proceden do Xurés. A vexetación ten un certo matiz mediterráneo no fondo do val do Limia, e abundan as sobreiras e, nas terras máis altas, os cerqueiros, aínda que cada vez son máis abundantes os terreos ocupados por piñeiros ou por mato.
Xeografía humana
A principal característica da evolución demográfica de Muíños é a súa irregularidade, que se mantivo estable ata 1960 (o seu máximo acádao en 1910) e que rexistrou fortes oscilacións a partir dese momento. Entre 1900 e 1910 a súa poboación aumentou un 0,50%, crecemento que compensou sobradamente o retroceso rexistrado entre 1910 e 1920, a un ritmo dun -0,85%. Entre 1920 e 1940 iniciouse unha etapa de estancamento (0,06% interanual) e entre 1940 e 1950, a evolución foi levemente regresiva (-0,25% interanual), compensada polo crecemento de 1950 (cun 0,53% interanual). Entre 1960 e 1970, a poboación do concello sufriu un notable éxodo, perdeu poboación dun -3,02 % interanual. Entre 1970 e 1981 recuperou gran parte da poboación perdida, medrou un 3,02% interanual, mentres que a partir de 1981 volveu perder habitantes, primeiro de xeito acelerado (-4,61% interanual), e despois dun xeito moito máis moderado (-1,06% interanual). Entre 2001 e 2007 o descenso da poboación descendeu un 4,61%. A emigración é o principal factor da crise demográfica de Muíños, especialmente visible nas décadas máis recentes; cando se produciu un éxodo rural cara ás principais cidades galegas, en especial a capital provincial. En 2006 o crecemento natural foi negativo (-13,8‰), a natalidade é baixa (2,7‰) e a mortalidade elevada (16,5‰). A poboación está xa moi avellentada, os menores de 20 anos suman o 8,4%, mentres os de máis de 65 anos son o 39,7%; o grupo intermedio representa o 51,9%. O reparto por sexos está lixeiramente desequilibrado a favor das mulleres: 50,93% fronte ao 49,06% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Muíños é do 37,2% (44% a masculina e 9,6% a feminina), a taxa de ocupación é do 25,8% (33% a masculina e 18,7% a feminina), e a taxa de paro é do 20% (21% a masculina e 18,1% a feminina). A agricultura emprega ao 20,5% da poboación ocupada. A superficie cultivada representa o 11,49%, dos que destaca o millo, a pataca e o centeo. Os prados e pastos acadan o 9,08% do seu territorio, cunha gandaría bovina que está destinada principalmente á produción de carne. O porcino é tamén un sector importante (250 cabezas reprodutoras e 1.000 de cebo, 2005), impulsado sobre todo pola cooperativa provincial COREN. A industria ten pouca relevancia, só supón o 10,2% do emprego, en talleres de escasa entidade ou en empresas doutros concellos. Máis relevancia adquire a construción, co 23,4% da man de obra, preferentemente na edificación en vilas próximas ou na capital provincial. Os servizos suman o 45,9% da man de obra. As comunicacións do concello correspóndense con estradas estritamente locais.
Historia
As mostras máis antigas do poboamento pertencen á cultura megalítica, como o dolmen das Maus de Salas. Estas terras continuáronse habitando en época castrexa, como así o evidencian castros como o Castelo, en Taboadela, e o Corisco, en Muíños. Destaca pola súa orixinalidade o Castro do Ferreiro, en Parada de Ventosa, un dos poucos asentamentos neolíticos de Galicia. O proceso romanizador favoreceuse grazas ao paso da calzada Via Nova, que unía Braga con Lugo. Da Idade Media o principal vestixio son as tumbas antropomorfas das Maus de Salas. Durante o Antigo Réxime Muíños estivo repartido entre as xurisdicións de Calvos de Randín, señorío do conde de Lemos e Rairiz de Veiga, rexido polo conde de Monterrei; ademais contaba co couto redondo das Maus de Salas, baixo a encomenda de Quiroga. Desaparecida esta organización territorial, apareceron en 1821 os concellos constitucionais de Couso de Salas, Maus de Salas e Muíños, que pertencían ao partido xudicial de Bande. A partir de 1835 conformouse o actual concello de Muíños, e en 1836 creouse outra parroquia a maiores, a de Cados.
Patrimonio cultural>
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, de época romana consérvanse lápidas sepulcrais e a ponte Pontepedriña, que quedou baixo as augas do encoro das Conchas. Entre a arquitectura relixiosa destacan os cruceiros e a igrexa de San Pedro. Entre os edificios civís destaca o pazo dos Texadas (s XVI). O concello conta cunha área recreativa no Parque Natural de Outeiro de Cela e outra nas Maus de Salas. O parque natural de Baixa Limia-Serra do Xurés, foi declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Das festas relixiosas destacan o Corpus en Barxés, A Piedade en Prado de Limia e San Antonio en Parada de Ventosa. Das romarías destaca a da Aparecida en Porqueirós en agosto, a dos Milagres, en Couso de Salas e a Virxe da Clamadoira en Muíños, ambas as dúas en setembro. En agosto celébrase a mostra de artesanía popular, que coincide coa festa gastronómica das Sopas de burro cansado.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Baixa Limia, A
Extensión 109 Km2
Poboación Total 1922 h
Poboación Homes 943 h
Poboación Mulleres 979 h
Densidade de poboación 17.63 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias