multimedia
(< ingl multimedia)
-
adx e s
m
[INFORM/COMUN]
Aplícase á técnica ou ao aparato que combina diversos medios técnicos de información. En informática, as aplicacións multimedia combinan texto, gráficos, son, animación e vídeo de forma interactiva para o usuario, quen pode escoller a opción que máis lle interese participando activamente no programa e elixindo o xeito de recibir a información. O desenvolvemento dos sistemas multimedia xurdiu como consecuencia lóxica da evolución das técnicas informáticas, como son as posibilidades gráficas dos microordenadores, os programas de animación e a incorporación de secuencias de vídeo en tempo real. As demandas destes sistemas traen aparellado o desenvolvemento de paquetes integrados de programas. O software ten que reunir unha serie de características esenciais, como que o seu uso sexa intuitivo, que ofreza opcións de interactividade, que teña capacidade de importar gráficos, son ou texto, e que presente un contorno gráfico avanzado. Todas as aplicacións multimedia esixen dispositivos cunha memoria de gran capacidade de almacenaxe, polo que se adoitan empregar como soportes informáticos os dispositivos ópticos, principalmente os sistemas CD-ROM/DVD ou as distintas variantes que existen que permiten a interactividade, como son os CD-I e os CDTV, que se axeitan máis aos sistemas domésticos de alta fidelidade, vídeo e televisión. Considérase que un ordenador é multimedia cando vén equipado con tarxeta de son, un bo procesador e unha unidade lectora de CD-ROM/DVD, pero cómpre, ademais, que os programas sexan realmente multimedia. As aplicacións posibles son realmente extensas: TV, radio ou videoxogos, servizos dixitais avanzados. Ademais, hai que mencionar os sistemas de almacenaxe dixital, sistemas de criptografía, servizos interactivos diversos, redes de comunicación de alta velocidade ou novos sistemas audiovisuais domésticos.
-
adx
[ECON]
Aplícase aos grandes grupos empresariais formados por absorción de empresas dos sectores dos medios de comunicación, o ocio e as novas tecnoloxías.