Muros

Muros

Concello da comarca de Muros, situado ao O da Comunidade Autónoma de Galicia e ao SO da provincia da Coruña, a 42° 46’ de latitude N e 9° 03’ de lonxitude O. Limita ao N con Mazaricos (comarca de Xallas) e Outes (comarca de Noia), ao L con Outes, ao S coa ría de Muros e Noia, e ao O con Carnota (comarca de Muros) e co Océano Atlántico. Abrangue unha superficie de 72,9 km2, en que acolle unha poboación de 10.156 h (2001) distribuída nas parroquias de Abelleira, Esteiro, Louro, Muros, Serres, Sestaio, Tal e Torea. A capital do concello é Muros localizada a 96 km da Coruña e a 71 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á provincia da Coruña, á diocese de Santiago (arciprestado de Entíns) e á xurisdición do partido xudicial de Muros.


Xeografía física
Está situado no extremo N da ría de Muros e Noia, espazo de transición entre as Rías Altas e as Baixas, e caracterízase pola penetración de terra no mar. Ocupa un accidentado terreo, onde se pasa dunha pequena rasa litoral a vertentes graníticas de fortes pendentes. A parte meridional está máis aberta ao mar e ten formas suaves mentres que a setentrional é máis escarpada. Os montes do macizo Pindo-serra de Outes rodean o concello, destacan os de Pedregal, a Estivada e Medoña, este último, situado na parroquia de Torea e de Outes, que con 581 metros é o punto máis alto. O litoral é recortado e extenso, forma unha estreita franxa de 25 km de longo, en que se suceden enseadas, con extensas praias de areas brancas e finas, delimitadas por pequenas formacións rochosas, onde destaca o Monte Louro. Entre as numerosas praias destacan as de Parameán (Esteiro) e San Francisco (Louro), ambas as dúas destacadas pola UE coa bandeira azul. Climaticamente, o concello entra dentro do dominio oceánico de litoral hiperhúmido. As temperaturas son moderadas ao longo do ano, a temperatura media anual é de 12,6°C. O mes máis frío é xaneiro con 8°C e o máis quente é xullo cunha media de 16,9°C, a oscilación térmica é de 8,9°C, unha débil variación polo efecto suavizante do océano. As precipitacións son elevadas, superiores aos 1.600 mm anuais, concéntranse no outono e no inverno e descenden claramente no verán. Presenta un déficit hídrico estival por esta redución das chuvias e pola dificultade de reter a auga por parte do substrato areoso. A rede hidrográfica articúlase a través de múltiples ríos e regatos. A disposición dos montes, que actúan como interfluvios, dan lugar a que, entre eles, os ríos e arroios formen pequenos vales estreitos e sinuosos que baixan transversalmente cara á ría. Son ríos de curso curto e escaso caudal, o de maior lonxitude é o Rateira, aínda que non chega aos 9 km; e o río Maior é o que ten máis caudal e contribúe á formación dun prolongado esteiro na súa desembocadura. A vexetación natural cobre boa parte do concello de Muros, aínda que a ocupación humana do espazo é tamén moi intensa, en especial na costa. A paisaxe vexetal orixinaria foi substituída na maior parte por bosques de eucaliptos e de piñeiros. Nos sectores de forte pendente, nos expostos aos ventos e nas suaves cimas da serra fórmase unha vexetación de toxeiras e xesteiras que dexenera nun monte baixo de herba.


Xeografía humana
O concello de Muros tiña ao comezo do s XX unha poboación de 9.130 h, desde entón experimentou catro fases na súa evolución demográfica. A primeira abrangue a primeira metade do século, onde a poboación creceu progresivamente. A pesar da emigración con destino a América, unhas altas taxas de natalidade deron lugar a un forte crecemento vexetativo que fixo que, en 1950, a poboación do concello fose de 11.155 h. Unha segunda fase obsérvase entre os censos de 1950 e 1970, onde o número de habitantes descendeu ata 10.305 h. A forte corrente emigratoria cara aos países industrializados de Europa, en especial Suíza, foi a causa desta perda de poboación. Posteriormente, o volume demográfico volveuse recuperar ata chegar ao máximo histórico do censo de 1991 cunha poboación de 11.255 h. O fin da emigración e o retorno de persoas que marcharan do concello provocou este aumento. Na década de 1980, o desenvolvemento económico adquirido pola vila de Muros e a especialización nas actividades turísticas da costa explican que o concello gañase poboación. No censo de 2001, pola contra, variou a dinámica e volveu baixar a poboación ata 10.156 h (o mesmo nivel demográfico que tiña o concello en 1930). Este descenso do 9,76% en dez anos explícase por medio de varios factores: a crise do sector pesqueiro e a industria relacionada con el, a estabilidade acadada polo turismo e unha caída moi forte da natalidade. Non obstante, esta poboación aumenta moito nos meses do verán coa chegada de turistas e o desenvolvemento dos servizos asociados ao turismo. O crecemento natural é negativo (-3,4‰) como consecuencia dunha taxa de natalidade moi baixa (6,6‰) e unha mortalidade relativamente elevada (10,04‰). A poboación ata os 16 anos supón o 13,46% do total, mentres que os maiores de 64 anos representan o 21,05%. A distribución por sexos amosa unha maior porcentaxe de mulleres, que constitúen o 52,03% da poboación. Na vila de Muros concéntrase o 27,83% da poboación do concello, mentres que o 72,17% restante o fai nas outras parroquias. No concello predomina a vivenda familiar, pero tamén existen moitas vivendas secundarias, destinadas á actividade turística, e parte das censadas como baleiras tamén teñen un fin de aproveitamento estival relacionado co turismo.




Xeografía económica
O concello de Muros ten unha taxa de actividade xeral do 42%, a taxa de actividade masculina (55,4%) é netamente superior á feminina (30%). A ocupación da poboación activa é do 74,94%. A estrutura do emprego amosa unha clara maioría a favor dos asalariados, que representan o 75,2%. A distribución da poboación activa por subsectores económicos reflicte o predominio do sector servizos que ocupa o 50% da poboación empregada. O sector da construción acolle o 17,3%; a industria, o 18,6%, e o sector primario, o 14,1%. A economía de Muros depende do desenvolvemento do sector terciario, aínda que sen esquecer a importancia das actividades pesqueiras tanto pola porcentaxe de poboación ocupada como pola riqueza directa e indirectamente xerada. A relevancia do sector terciario é debida ás actividades propias dunha cabeceira comarcal que se desenvolven na vila de Muros, ao peso que adquiriu este concello como destino turístico e aos servizos que se desenvolven en relación co sector pesqueiro, en especial o comercio e o transporte. A vila de Muros no seu centro reúne as funcións urbanas terciarias que atenden ao concello e á comarca, servizos financeiros, comerciais, culturais, persoais, sanitarios, educativos e xudiciais teñen presenza nesta vila. O relativo illamento do concello respecto ás principais cidades da provincia aumentou este papel urbano de Muros, aínda que comparte certas funcións con vilas como Cee ou Noia. A existencia de praias extensas e de area fina e branca, a referencia de Muros como vila histórico-artística e a gastronomía derivada do seu porto converteron o concello nun punto de destino turístico. Este desenvolvemento turístico favoreceu o emprazamento de segundas residencias, a construción de cámpings, hostais e outros servizos, de hostalaría. O sector secundario está dedicado a pequenas industrias derivadas da pesca, a crise das conserveiras afectou a este concello aínda que se mantivo unha importante factoría en Esteiro. Dentro do secundario, a construción, pola contra, coñeceu unha clara expansión debida á proliferación das segundas residencias e á demanda de vivendas. No sector primario, a actividade agraria tende ao autoconsumo, apenas hai gandaría e as áreas agrícolas oriéntanse ao cultivo intensivo coa contribución de traballo a tempo parcial. Nas serras cobraron importancia as explotacións forestais intensivas de piñeiros e eucaliptos. A pesca é a actividade primaria principal, e ten un carácter comercial. O porto de Muros ten un alto volume anual de capturas, na súa lonxa non só se comercializan as obtidas no seu propio porto senón tamén as dos portos de Lira e O Pindo. As especies máis comúns que desembarcan neste porto son as da pesca de arrastre. A principal vía de comunicación é a estrada C-550, de Cee a Tui, que rodea o concello pola costa e é o eixe articulador deste espazo; vías locais atravésano transversalmente, comunicando os asentamentos entre si; non hai transporte ferroviario e o porto de Muros é o principal punto de comunicación marítima.


Historia
Os restos prehistóricos atopados nas terras de Muros, como os gravados rupestres de Louro e Serres ou o castro de Rimao en Torea, fan supoñer unha longa tradición no seu poboamento, pero o primeiro documento escrito con referencias a Muros, data de época medieval. En 1286, o Rei Sancho IV concedeulle un Real Privilexio a Puebla de Muro para engrandecela, polo que lle deu unha área de dominio que supoñía aproximadamente o territorio que posteriormente ocuparon os concellos de Carnota, Mazaricos, Muros e Outes. En 1298, Muros pasou, por doazón de Fernando IV, á mitra compostelá, polo que pasou de ser considerada vila dependente da realeza castelá a depender da Igrexa de Compostela. En 1452, o Rei Xoán II citou Muros como un dos portos máis grandes de Galicia. En 1544, a boca da ría foi escenario da Batalla de Muros, en que a escuadra francesa caeu derrotada pola española ao mando do almirante Álvaro de Bazán. A comezos do s XIX, sufriu o saqueo da invasión francesa e durante a Guerra da Independencia, padeceu un ataque das tropas napoleónicas que destruíron a propia vila (1809). En 1834, a consecuencia da reforma xudicial, o partido xudicial de Outes pasou a Muros, que en 1836 foi delimitado como concello.
Patrimonio cultural
O patrimonio cultural de Muros destaca ademais de polos seus restos arqueolóxicos, pola súa arquitectura relixiosa, con igrexas como a de San Pedro de Muros, Nosa Señora do Camiño, a capela do Espírito Santo, o convento de San Francisco de Louro, e as igrexas parroquiais de Abelleira, Serres ou Torea. Con respecto a construcións civís, destacan o Faro de Louro ou o paseo marítimo de Esteiro. A vila de Muros posúe un importante patrimonio con edificios nobres, estreitos rueiros, escondidas prazas e casas con balcóns voados sobre soportais; o conxunto histórico foi declarado Ben de Interese Cultural en 1970. Das festas do concello, destaca especialmente a da vila de Muros, dedicada a san Pedro e celebrada na última semana de xuño; así como a festa do Carme, celebrada a mediados de xullo; e pola súa orixinalidade destaca tamén a carreira de carrilanas que se celebra en Esteiro a mediados do mes de xullo.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Muros
Extensión 72 Km2
Poboación Total 9931 h
Poboación Homes 4812 h
Poboación Mulleres 5119 h
Densidade de poboación 137.93 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias