Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

Museo arqueolóxico provincial situado desde 1951 no palacio episcopal de Ourense. De titularidade autonómica, a súa orixe atópase en 1895 cando a Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Ourense decidiu reunir nun museo os restos arqueolóxicos que formaban parte do Museo de Pinturas. En 1993 a sección de etnografía, con sede en Ribadavia, separouse e converteuse nun museo independente. A súa colección arqueolóxica e artística componse de restos megalíticos, castrexos, galaico-romanos e prerrománicos, así como de importantes pezas escultóricas renacentistas e barrocas e pinturas dos ss XVII e XIX. Tamén posúe unha mostra de mobiliario e artes decorativas. Pertence ao Consello Galego de Museos. En 1941 creouse o Grupo Marcelo Macías de colaboradores do museo, encargado de publicar o Boletín Auriense. A sede foi declarada Ben de Interese Cultural en 1962.