Museo Thyssen-Bornemisza
Museo situado en Madrid destinado a acoller a colección de arte da familia Thyssen-Bornemisza. A colección de case 800 pezas, foi inicialmente prestada por Hans Heinrich Thyssen-Bornemisza e a súa muller Carmen Cervera ao Estado, que a cambio cedeu o edificio que se converteu na súa sede: o palacio de Villahermosa, (Ben de Interese Cultural, 1993). Para a xestión e conservación da colección creouse a Fundación Thyssen-Bornemisza. O edificio foi remodelado por R. Moneo en 1993, cando a colección foi adquirida polo Estado. En 2004, tras unha nova cesión temporal de 220 obras da colección privada de Carmen Cervera, o edificio tivo que ampliarse. Concibida esta reforma como unha prolongación natural do museo, acomodouse á planta regular de R. Moneo e desenvolveuse na superficie ocupada por dous edificios anexos. O novo espazo conta con dezaseis salas de exposición, dúas de exposición temporais e varias de restauración. A nova colección foi unha continuación da anterior, facendo da paisaxe o seu centro temático e destacando a pintura holandesa do s XVII, o paisaxismo naturalista do XIX, o impresionismo, o postimpresionismo e as primeiras vangardas do s XX. Tamén son destacables os fondos en escultura e en artes decorativas.