Muxía

Muxía


Concello da comarca de Fisterra, situado no O da provincia da Coruña e da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa posición xeográfica é 43° 06’ latitude N e 9° 13’ lonxitude O. Limita ao N coa ría de Camariñas e o concello de Camariñas (comarca de Terra de Soneira), ao L cos concellos de Vimianzo (comarca de Terra de Soneira) e Dumbría (comarca de Fisterra), ao S co de Cee (comarca de Fisterra) e ao O co Océano Atlántico. Abrangue unha superficie de 121,3 km2cunha poboación de 5.663 h (2007), distribuídos nas parroquias de Bardullas, Caberta, Coucieiro, Frixe, Leis de Nemancos, Moraime, Morquintián, Muxía, Nemiña, Nosa Señora da O, San Martiño de Ozón, Santiso de Vuiturón, Touriñán e Vilastose. A capital está na vila de Muxía, que se localiza a 91 km da cidade da Coruña e a 94 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á arquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Corcubión.
Xeografía física
O concello de Muxía ocupa a beira meridional da ría de Camariñas e un segmento da Costa da Morte. Trátase dun concello costeiro onde case ningún punto do seu territorio dista máis de 8 km do mar. Desde o punto de vista topográfico, Muxía está nun chanzo ao pé da meseta do Xallas, que está formada con materiais basicamente graníticos. O relevo pode dividirse en dúas unidades: a chaira litoral, que dá á ría de Camariñas, e as elevacións montañosas formadas por bloques graníticos. A chaira caracterízase pola sucesión val-interfluvio, con formas suaves e onduladas. Neste sector atópase o punto culminante do concello, o monte Facho de Moraime, de 309 m de altitude. A segunda unidade de relevo adopta forma de meseta, cunha altitude media de 100 m sobre o nivel do mar. A costa esténdese desde o esteiro do Río Grande, en Ponte do Porto, ata a desembocadura do río Castro que forma a enseada de Lires. Ao longo do litoral sucédense acantilados e praias, que son resultado da dinámica tectónica e das diferenzas litolóxicas. Das praias destacan as de Lago, Lourido, Merexo, Muxía e Nemiña. Forma parte do litoral do concello o cabo Touriñán, o punto máis occidental de España con 9° 18’ O de lonxitude, lixeiramente superior ao de Fisterra. Climaticamente entra dentro do dominio oceánico húmido, con temperaturas suaves ao longo de todo o ano. A temperatura media anual é de 13°C, e o mes máis frío é xaneiro con 8°C de media mentres que o máis quente é agosto con 19°C. A oscilación térmica é de 11°C, unha débil variación pola acción suavizante do mar. As precipitacións, sobre os 1.000 mm anuais, son relativamente escasas no contexto galego. A localización xeográfica ao abrigo dunha ría provoca a protección cara aos ventos húmidos do SO. O réxime pluviométrico ten un máximo no inverno, co 39,3% do total anual, mentres que a mínima rexístrase no verán, cunha media do 10,7% do total. Presenta un déficit hídrico estival desde o mes de xuño ata setembro e prodúcese unha graduación térmica e pluviométrica desde o litoral ata os cumes máis elevados. A rede hidrográfica organízase arredor do río Castro que recolle as augas do sector meridional do concello, e que conta cos afluentes do Vilachán e o Vilastose. Tamén aparecen arroios e regatos que desembocan directamente na ría de Camariñas. O espazo forestal representa unha importante proporción da superficie municipal. Tanto na costa coma no interior hai exemplos de vexetación arbórea formada por especies de repoboación, piñeiros e eucaliptos. As árbores autóctonas, como o carballo e o castaño, reducen a súa presenza a enclaves moi concretos. Tamén aparece unha importante proporción de mato atlántico nas áreas costeiras máis abruptas. Muxía conta co espazo natural de cabo Touriñán.
Xeografía humana
O concello de Muxía tiña ao comezo do s XX unha poboación de 6.452 h, desde entón, a dinámica poboacional é similar á seguida por outros concellos rurais galegos durante o s XX. Desde 1900 ata a Guerra Civil Española, Muxía, como outras áreas do litoral, experimentou a corrente emigratoria cara aos países iberoamericanos. Porén, o desenvolvemento do sector pesqueiro e, sobre todo, un crecemento natural moi elevado a causa dunha alta natalidade, permitiu certo ascenso poboacional durante eses anos. O peche das fronteiras supuxo a fin da emigración cara a América e, tras a guerra, un aumento demográfico relacionado cun movemento vexetativo en aumento. No censo de 1950 chegouse ao máximo poboacional do s XX con 7.612 h. Durante as décadas de 1960 e 1970, Muxía viviu a segunda gran corrente migratoria galega, un éxodo rural cara ás cidades e, principalmente, cara aos países industrializados de Europa Occidental. Non obstante, no concello a despoboación non foi tan forte como noutras áreas, pois o pulo da pesca neses anos contribuíu ao desenvolvemento económico de Muxía e a fixar certa porcentaxe de poboación activa no concello. Tras a crise enerxética de mediados da década de 1970 e a fin da demanda de man de obra dos países europeos, o termo volveu ter unha etapa de crecemento demográfico, tanto polo retorno de emigrantes coma pola redución do éxodo rural. Non obstante, desde 1981 produciuse un novo punto de inflexión, e o concello pasou a perder efectivos humanos. Foron o crecente avellentamento demográfico e a caída da natalidade os factores que explican a baixada do número de habitantes. Entre 1991 e 1996 Muxía perdeu o 1,4% da súa poboación e a comezos do s XXI , entre 2001 e 2007, o 6,24%. En 2006 o crecemento natural é de signo negativo (-8‰). A taxa de natalidade sitúase en cotas moi baixas, un 5,3‰, e a de mortalidade vai en aumento (13,3‰). A poboación ata os 20 anos supón o 14,3% do total e os maiores de 65 anos representan o 25,4%; o grupo intermedio representa o 60,3%. A distribución por sexos é lixeiramente favorable a prol das mulleres, que constitúen o 50,99% da poboación (os homes son o 49,02%). Existe unha concentración dos habitantes do concello no núcleo urbano da vila de Muxía. Predomina a vivenda familiar aínda que hai certa proporción de vivendas secundarias que pertencen na súa maioría a emigrantes que constrúen ou compran aquí unha residencia para os períodos de vacacións e outras que teñen unha finalidade turística. As desocupadas débense ao abandono nas parroquias demograficamente máis regresivas e a vivendas de nova construción en espera da demanda, principalmente na vila de Muxía.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Muxía é do 41,7% (58% a masculina e 26,2% a feminina); a taxa de ocupación é do 38,4% (53,9% a masculina e 23,6% a feminina) e a taxa de paro é do 7,9% (7,1% a masculina e 9,7% a feminina). A distribución da poboación activa por subsectores económicos reflicte a importancia do sector primario (30,6%) sobre os outros sectores: na industria traballa o 12,8%, na construción o 21,4% e no sector servizos o 35,1%. Na pesca traballa o 14,1%, e parte do sector terciario céntrase na actividade pesqueira, abastecendo os barcos e dotándoos dos servizos necesarios para o desenvolvemento desta arte. O porto de Muxía é unha das principais instalacións portuarias pesqueiras da área da Costa da Morte. Cénsanse máis de 80 embarcacións, aínda que a maioría delas son de pequeno tamaño. De feito, trátase dunha actividade pesqueira baseada en barcos de reducidas dimensións que faenan preto da costa con artes tradicionais, que debe loitar co singular clima da Costa da Morte, onde os temporais son frecuentes e largos os períodos en que a frota permanece amarrada. A gandaría produce a maior parte das rendas familiares de Muxía, cun modelo produtivo de gando vacún dedicado á obtención de leite. É unha actividade gandeira intensiva, altamente tecnificada e favorecida pola crecente concentración parcelaria. Porén, a entrada das cotas leiteiras da Unión Europea supuxo unha recesión no sector. Secundariamente, tamén aparece unha relevante gandaría ovina que se estende polos montes e terras de peor calidade do concello. O sector secundario, pese a que non emprega a un gran número de traballadores, represéntase no sector da madeira e o pesqueiro. A repoboación forestal de coníferas permitiu a aparición de serradoiros e a pesca a de plantas transformadoras de peixe. Non obstante, a maioría das empresas son de pequeno tamaño, con menos de cinco empregados case todas elas. Tamén a construción experimentou certo aumento, derivado tanto do crecemento urbanístico de Muxía, sustentado con cartos provenientes da emigración, coma dunha incipiente actividade turística que demanda vivendas secundarias. O turismo é a actividade terciaria máis notable. O número de prazas hoteleiras aumentou e hai varios cámpings no concello. A praia de Lago é o principal centro de veraneo. A propia vila de Muxía, pola beleza do seu emprazamento e o renome do seu santuario, é un lugar moi frecuentado durante todo o ano. Isto fortaleceu certo sector terciario local, principalmente hostaleiro, que se complementa coa existencia de servizos sociais e públicos básicos que atenden á poboación municipal. O illamento do concello, distanciado de calquera núcleo urbano relevante, tamén contribuíu a que Muxía actúe como unha cabeceira subcomarcal terciaria. A rede terrestre de comunicacións está formada por estradas locais, sen que exista ningunha vía principal. Muxía non conta con boas comunicacións nin co exterior nin entre as súas aldeas e parroquias, aínda que o número de estradas locais e camiños sexa elevado. Son as periféricas á costa e os accesos a Muxía as que presentan un maior desenvolvemento.
Historia
A orixe de Muxía sitúase na Idade Media, momento en que aparece a proba documental máis antiga sobre o concello no Cronicón Iriense (s XI). Nesta obra explícase que o Concilio II de Braga (572), incluíu o territorio de Muxía dentro da diocese de Iria. A proximidade do mosteiro de San Xulián de Moraime uniu a súa historia a este cenobio. En 1105, segundo conta a Historia Compostellana, foi arrasada polos normandos e en 1115 polos musulmáns. A repoboación con veciños de Cereixo realizouse polo interese do Rei Afonso VII. A importancia do porto de Muxía apareceu xa descrita no s XIV, e no s XVI púxose fin ao señorío de Moraime sobre o porto, por orde do Emperador Carlos V. No s XIX o concello foi destruído polas tropas napoleónicas, pero recuperouse e a mediados de século xa desempeñou a función de vila comercial para toda a súa bisbarra así como foco de exportación de pescado. Durante o Antigo Réxime as súas parroquias, situadas na provincia de Santiago, repartíanse nas xurisdicións de Corcubión, señorío do conde de Altamira; Moraime e Buxantes e Ozón e Baiñas, señorío do mosteiro de San Martiño de Santiago de Compostela; Muxía, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela; e Vimianzo, señorío do conde de Altamira e Don Benito Agar. Tras a constitución dos primeiros concellos constitucionais no primeiro terzo do s XIX, no seu territorio existían os concellos de Buituron e Muxía, no partido xudicial de Vimianzo. Pero Muxía absorbeu a Buituron en 1836, ano en que se constituíu como concello.
Patrimonio cultural>
Do seu patrimonio cultural destacan as igrexas parroquiais de Santa Locacia de Frixe, templo románico de tipo rural do s XII; San Pedro de Leis de Nemancos (s XII); San Martiño de Ozón, que pertenceu a un antiguo mosteiro do que se conservan restos na casa reitoral e un hórreo; San Cristovo de Nemiña, que conserva algúns restos románicos; Santa María de Muxía; e a de San Xulián de Moraime, na que apareceron restos arquitectónicos do antigo mosteiro, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 1972. Sobresaen tamén os pazos de Senande, Serantes e Quintáns. O santuario da Nosa Señora da Barca, realizado en estilo barroco e cun retablo do escultor Miguel de Romay, constitúe un dos centros de devoción mariana máis importantes de Galicia. Do seu patrimonio natural destaca o espazo da Costa da Morte, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. A romaría da Virxe da Barca, declarada de Interese Turístico Nacional, celébrase o primeiro domingo entre o sete e o quince de setembro. A carón do santuario está a pedra de abalar que, segundo a lenda, era a vela da barca de pedra en que a Virxe chegou ata Galicia en auxilio do Apóstolo Santiago. O resto da barca estaría formada pola pedra dos cadrís (a propia barca) e a pedra do timón (o timón).

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Fisterra
Extensión 121 Km2
Poboación Total 5663 h
Poboación Homes 2775 h
Poboación Mulleres 2888 h
Densidade de poboación 46.8 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias