Nafarroa

Nafarroa

Comunidade Autónoma uniprovincial, situada ao NL da Península Ibérica (10 421 km2; 520 574 h [1996]). A capital é Iruña.
Xeografía física
Estivo dividida tradicionalmente en Ribera (do Ebro), Nafarroa Media, a zona intermedia, e Montaña (Pireneos). Fisiograficamente, Ribera (do Ebro) é o ángulo noroeste da depresión do Ebro, de 200 a 450 m de altitude, e está formada de materiais terciarios sedimentarios, pregados horizontalmente, e materiais cuaternarios ao longo dos ríos Ebro e os seus afluentes Ega e Aragón, co Arga pola esquerda e o Alhama pola dereita. Distínguese ao O unha Ribera Riojana, estreita e bioclimaticamente matizada, e ao SL unha Ribera Tudelana, seca e cálida, a partir do val do Aragón. A Nafarroa Media, entre 380 e 600 m de altitude, presenta un relevo xurásico que está formado de margas e greses, destacados no SO (Montejurra), ata a conca do Ega, e é relativamente chuviosa e con bosque, en contraste coa conca mediana do Aragón. A Montaña divídese en tres sectores; o prepireneo meridional, formado por depresións de margas terciarias antigas situadas entre as serras de Andia, Urbasa e Leyre, das que destacan a conca de Iruña, a de Aoiz e Lumbier e prolongada a do val de Aragón, que transcorre cara ao interior   polo Canal de Berdún; o Pireneo axial que é diferente aos vales orientais, onde as arestas paleozoicas se fan visibles ao O de Roncesvalles, ata a serra de Aralar; e as Montañas Vascas, que, situadas ao NO, son de orixe mesozoica e enlazan co Pireneo axial que separa a conca do Ebro da do Bidasoa.
Xeografía económica
Dentro da actividade agropecuaria predomina a de tipo agrícola no centro e no S, e a gandeira e forestal, no N. Teñen certa relevancia a mediana e pequena propiedade e a agricultura ten moito peso, aínda que ocupa menos do 15% da poboación activa. No sector industrial destaca a actividade dos transformados metálicos, que está moi polarizada ao redor dos electrodomésticos e da industria auxiliar do automóbil. A industria papeleira, química e alimentaria completan o panorama industrial. Agás a creación de diversos polígonos industriais, unha gran parte da industria radica en Iruña. A capital tamén é o mercado e o centro comercial máis importante, a causa da súa céntrica situación, da rede viaria que nela conflúen e polo feito de ser sé de servizos administrativos, sanitarios, culturais e financeiros.
Xeografía humana
A poboación rural, estacionaria durante a segunda metade do s XIX, experimentou un importante crecemento durante a primeira década do s XX e chegou a un máximo en 1950, data en que comezou a minguar. A maioría de municipios víronse afectados polo éxodo rural e Iruña exerceu un papel absorbente. Nafarroa é un territorio pouco poboado, con densidades de 29 h/km2 en 1900, 37 h/km2 en 1950, 49 h/km2 en 1981 e 50 h/km2 en 1991. Os vales pirenaicos do NL sempre sufriron un difícil equilibrio entre poboación e recursos, cun importante éxodo e un hábitat en núcleos pequenos. A Nafarroa húmida do NO ten unha poboación máis estable, aínda que tamén reducida. Os núcleos máis importantes desta zona son os máis industriais, como Lesaka, Bera e Altsasu. A poboación das concas prepirenaicas (Iruña, Aoiz e Lumbier) está dominada pola cidade de Iruña, por unhas cantas vilas maiores e moitas vilas pequenas. Na Nafarroa Media oriental os principais núcleos deben o seu crecemento á industria; Sangüesa é o núcleo comarcal industrial e Tafalla medra grazas á industria metalúrxica e do calzado. A Nafarroa Media occidental é a comarca capitalizada por Estella, núcleo industrial, e a Ribera, que comprende a parte sur de Nafarroa. Tudela é a capital, acrecentada pola inmigración dos pobos próximos e o desenvolvemento industrial.
Historia
Os primeiros poboadores foron os vascóns e os várdulos, que resistiron ante a chegada da ocupación romana, motivo polo que os invasores construíron a fortaleza de Pompaelo, no lugar que despois foi Iruña. No s VIII chegaron os musulmáns e propiciaron a posterior formación do Reino de Pamplona para loitar contra eles. Carlomagno tamén pretendeu a zona comprendida entre os Pireneos e o Ebro, pero foi derrotado polos musulmáns en Roncesvalles o 15 de agosto de 778. No s IX, a dinastía dos Arista fundou o Reino de Pamplona e o seu primeiro soberano foi Íñigo Arista (810-820/851-852). Sancho I de Pamplona (905-925), fillo dun magnate vascón, aliouse co Rei Ordoño II e derrotou as tropas cordobesas de ‘abd al-Ra ḥ mān III, pero foi derrotado polos sarracenos en Valdejunquera (920). No primeiro terzo do s XI, coa desintegración do califato, Sancho III de Navarra (1000-1035) fixou a fronteira do reino no eixe Duero-serra de Cameros-Ribera, e considerouse o primeiro monarca do Reino de Navarra. Tras a súa morte determinouse a fin da expansión navarra e o inicio da súa decadencia política. O seu primoxénito, García IV de Navarra (1035-1054), iniciou a Casa de Navarra e tamén as disidencias con Castela. Ata 1134 o núcleo fundamental do reino permaneceu unido a Aragón e en 1515 as Cortes de Burgos anexionárono á Coroa de Castela, aínda que se permitiu que continuase baixo as súas propias leis e xurisdicións. No eido da economía conservou para o seu rexemento a Cámara de Comptos ou o Consejo de Hacienda e no eido lexislativo, as Cortes que se reunían cada certo tempo. No s XIX foi escenario das Guerras Carlistas e polo Convenio de Vergara (1839) confirmáronse os foros de Nafarroa. O 16 de agosto de 1841 o Reino de Navarra deixou de existir como tal, o territorio conformouse como provincia foral e ata 1982 gozou de autonomía administrativa, financeira e cun dereito civil especial. Desde a recuperación das liberdades democráticas presentouse o problema de se Nafarroa debía pertencer a Euskadi ou ter autonomía propia, e ata 1982 non se impulsou a segunda tese. En 1979 o goberno español firmou un acordo sobre a democratización das institucións forais e, en agosto de 1982, entrou en vigor a Ley Orgánica de Reintegración y Amejoramiento del Régimen Foral de Navarra que a converteu nunha comunidade autónoma de réxime foral. Desde entón, os órganos autonómicos de goberno son o Parlamento ou Cortes de Navarra, elixido por sufraxio universal, o presidente e o Gobierno de Navarra ou Diputación Foral. Nas eleccións autonómicas de 1983 ningún partido obtivo a maioría e o goberno autonómico e o Parlamento foral permaneceron inactivos, ata que en 1984 Gabriel Urralburu Tainta (Partido Socialista de Navarra-PSOE) foi nomeado presidente. Seguiu á fronte do goberno ata 1991, cando resultou elixida a Unión del Pueblo Navarro (UPN), e Juan Cruz Alli Aranguren foi investido presidente. A súa política provasca provocou malestar nas bases da UPN, polo que foi substituído polo candidato Miguel Sanz Sesma. J. Cruz fundou a Convergencia de Demócratas de Navarra (CDN), que venceu nas eleccións de 1995 coa coalición PSN-PSOE-CDN-EA e en que ocupou a presidencia o socialista Javier Otano Cid. Nos comicios de 1999, UPN foi o partido máis votado e formou un goberno de coalición (PSN-PSOE-UPN) encabezado por Sanz. En 2003 UPN volveu a gobernar en coalición coa CDN e con Sanz na presidencia da comunidade foral.
Patrimonio cultural
En estilo románico destacan o mosteiro de Leyre, Santa María la Real Sangüesa, a ermida de Eunate e a igrexa do Santo Sepulcro de Torres del Río. De estilo gótico son os mosteiros cistercienses da Oliva, Fitero, Irache e Iranzu e as igrexas de San Miguel de Estella, a catedral de Tudela, a catedral de Iruña, a colexiata de Roncesvalles e a de Santa María la Real de Olite. Do barroco destacan os palacios civís de Iruña, Baztán e Sangüesa e do neoclásico a igrexa de Ziga e a fachada da catedral de Iruña. Das festas destacan pola súa proxección internacional as que se celebran na honra de San Fermín (7 de xullo).