Narón
Concello do comarca de Ferrol, situado ao N da provincia da Coruña e ao NO da Comunidade Autónoma de Galicia ( 43° 30’ de latitude N e 8° 10’ de lonxitude O). Limita ao N co concello de Valdoviño (comarca de Ferrol) e co Océano Atlántico, ao S co de Neda (comarca de Ferrol), Ferrol e a ría de Ferrol, ao L co de San Sadurniño (comarca de Ferrol), e ao O co de Ferrol. Abrangue unha superficie de 67 km 2 , cunha poboación de 32.204 h (2001), distribuídos nas parroquias de Castro, Doso, Pedroso, San Xiao de Narón, Sedes, Trasancos, O Val e Xubia (Santa María a Maior, San Martiño, San Xosé Obreiro, Santa Icía, Santa Rita, Santiago Apóstolo). A súa capital é a vila de Narón, situada na parroquia homónima, distante 55 km da cidade da Coruña. Está adscrito á diocese de Mondoñedo-Ferrol e ao partido xudicial de Ferrol.
Xeografía física
Sitúase nunha área de materiais moi antigos da época paleozoica, graníticos no O e metamórficos no resto. Conta cun relevo de topografía practicamente plano na parte central, cunha dirección SSL-NNO e con alturas que non adoitan superar os 100 m. No extremo occidental sitúase unha pequena aliñación de modelado granítico, cunha altura moderada (Lagoa, 308 m) que cae directamente ao mar, formando cantís. Na parte oriental localízanse unha serie de pequenas elevacións xistosas cunha altura máxima de 364 m no monte dos Nenos. O clima englóbase dentro do dominio oceánico húmido, exposto aos ventos do O e á entrada de borrascas húmidas. A temperatura media anual e de 14°C, cun mínimo en febreiro de 9°C e un máximo en agosto entre 18-19°C. As precipitacións sitúanse arredor dos 1.000-1.100 mm, e son máis abondosas nas cotas máis elevadas, con máximo no inverno e mínimo no verán. Bañan o concello o río Grande de Xubia, que marca o límite con Neda, e os seus afluentes, como o río Castro, ademais doutros pequenos regatos.
Xeografía humana
Narón presenta unha evolución demográfica positiva ao longo de todo o s XX. En 1900 o número de efectivos ascendía a 8.333 h, que se converteron en 14.518 h en 1950 debido ao constante crecemento vexetativo. Desde 1950 ata 2001 a poboación seguiu crecendo ata acadar os 32.204 h, polo que se converteu no cuarto concello da provincia en número de habitantes. O crecemento continuou e entre 2001 e 2007 o crecemento foi do 12,54%. O seu carácter de concello periurbano da cidade de Ferrol motivou este importante crecemento, que se viu freado pola crise naval da cidade departamental. As últimas cifras apuntan un constante crecemento motivado pola proximidade da cidade de Ferrol e polo novo dinamismo do concello. As desigualdades na distribución da poboación móstranse na presenza dun espazo urbano lineal no S, arredor da C-642, onde se localizan as principais entidades de poboación, así como a presenza de grupos de vivendas de promoción pública da época franquista. No resto do concello predomina a poboación rural, aínda que a súa proximidade a Ferrol motiva que se trate dunha área rururbana, con mestura de usos (industrial, residencial ou agrario). O crecemento natural (2006) foi positivo (0,4‰), cunhas taxas de natalidade alta (9,9‰) e unha mortalidade crecente (9,5‰). Esta situación reflictese na composición por idades onde os menores de 20 anos representan o 16,3% da poboación fronte ao 18,3% dos maiores de 65 anos, o grupo intermedio representa o 65,4%. Por sexos dominan levemente as mulleres: 51,33% fronte ao 48,66% de homes.
Xeografía económica
A A taxa de actividade (2001) do concello de é do 49,1% (62,5% a masculina e 36,7% a feminina); a taxa de ocupación é do 41,8% (56,1% a masculina e 28,5% a feminina) e a taxa de paro é do 14,9% (10,2% a masculina e 22,3% a feminina). As actividades relacionadas co campo presentan unhas porcentaxes ínfimas na estrutura do emprego e do PIB (1,9% de empregados), aínda que a agricultura a tempo parcial é unha actividade practicada por moitas familias para o complemento das súas rendas. As actividades pesqueiras ocupan ao 1,3% dos traballadores. As actividades secundarias supoñen o 37,2% do emprego, e destacan as actividades fabrís, con gran tradición no s XIX, como os curtidos, industrias agroalimentarias, cerámicas, madeira e estaleiros. As empresas naronesas foron situándose de forma desordenada arredor da AC-642, onde teñen actualmente as sedes a fábrica téxtil, que tivo un grande auxe no s XVII, a de fundición de ferro e a de transformados de madeira. A recolocación actual vese marcada polos tres polígonos industriais máis destacados, A Gándara, compartido co concello de Ferrol, As Lagoas e Río do Pozo. Polo que respecta ao sector terciario, o seu crecemento foi considerable e converteuse na primeira fonte de emprego do concello (59,4%). O incremento da poboación urbana, a proximidade da cidade de Ferrol e a creación de postos de traballo no sector fixeron que Narón posúa unha elevada actividade comercial. A administración pública ten, así mesmo, unha destacada presenza na estrutura laboral dos naroneses, xa que moitos deles traballan en Ferrol nas distintas delegacións administrativas. Tamén hai que falar da creación de novos postos de traballo coa renovación da casa consistorial. As principais vías de comunicación son a estradaAC-642, que atravesa o concello en dirección SO-NL e que comunica a veciña cidade de Ferrol coa comarca de Ortegal, a AC-646 (Ferrol-Cedeira), a AC-113 (Freixeiro-Valdoviño) e a autovía CRG-11 (Ferrol-Vilalba). O ferrocarril Ferrol-Betanzos atravesa o concello na súa parte suroccidental, así como o FEVE Ferrol-Gijón.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos atopados datan de época megalítica, como as mámoas do monte de San Mateo, do Val e da Moura. Da época castrexa destacan os castros de Sedes, Vicás (Sedes), O castro da Ermida (Pedroso), A Pereiruga (Pedroso), Quintá (O Val) e Vilasuso (O Val). A presenza dos romanos constátase coa aparición de vaixelas dos ss I a C-II en Lóngaras (A Gándara, Pedroso). Menciónase na historia do concello a existencia dunha batalla que, en 813, rematou coa invasión árabe de Galicia, pero non está demostrado historicamente. A primeira referencia documental do concello data de finais do s XI e é unha doazón feita á igrexa de Narón. Durante a Idade Media estas terras pertenceron a varios mosteiros, dos que destaca o de San Martiño de Xubia. Despois Enrique II de Castela concedeu aos Andrade a xurisdición sobre o territorio. Os numerosos mosteiros que existían no concello decaeron desde o s XIII pola presión doutros máis fortes, ata desaparecer practicamente no s XV. A partir do s XVIII o sector téxtil tivo un importante auxe e comezou unha industrialización que culminou no s XX co desenvolvemento da industria de Ferrol. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello pertenceron a varias xurisdicións da provincia de Betanzos. Así, Narón pertenceu á xurisdición do couto redondo de Narón, señorío de Antonio Noguerido; Xubia, á xurisdición homónima, señorío de Joseph Bermúdez Villardefrancos; Doso e Pedroso, á de Pedroso, señorío do marqués de San Sadurniño; Trasancos, á de San Mateo, señorío do mosteiro de Lorenzana e do conde de Lemos; Sedes, á xurisdición homónima, señorío do marqués de San Sadurniño; Castro, á de Trasancos, señorío do marqués de Castelar; e O Val, á xurisdición homónima, señorío de Pedro de Pardo, Álvaro Pita, o conde de Maceda e o marqués de San Sadurniño. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio, que se concretou na creación dos concellos de Xubia, Pedroso, Sedes e Val, que pertenceron ao partido xudicial de Ferrol. En 1822 integráronse na nova provincia da Coruña. A derrogación da constitución asinada polo Rei Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. En 1835 produciuse a recuperación do municipalismo e en 1836 formouse o concello de Narón.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan a igrexa románica do antigo mosteiro de San Martiño de Xubia (ss XII-XIII) e a casa reitoral, ambas as dúas declaradas BIC en 1972, a igrexa neoclásica de Santa María a Maior do Val e a capela de Santa Margarida (s XVI). No eido da arquitectura civil destacan os pazos de Baltar e Ciobre. Da arquitectura popular hai mostras destacadas como muíños do s XVIII e un muíño de marea no río Freixeiro. Do patrimonio natural destacan os espazos da Costa Ártabra e Xubia-Castro, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran no concello destacan as festas de San Martiño do Couto en xullo e as de Nosa Señora da O en mario.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Ferrolterra |
| Extensión | 66 Km2 |
| Poboación Total | 36245 h |
| Poboación Homes | 17639 h |
| Poboación Mulleres | 18606 h |
| Densidade de poboación | 549.17 h/Km2 |