nasarita

nasarita

(< ár naṣrī,derivado de Naṣr, nome do fundador desta dinastía)

  1. adx

    Relativo ou pertencente á dinastía nasarita.

  2. s [HIST]

    Membro da dinastía musulmá que reinou entre 1231 e 1492 no Reino de Granada. Despois da desfeita almohade en Las Navas de Tolosa (1212), Muḥammad ibn Yūsuf ibn Naṣr conseguiu, mediante a vasalaxe de Fernando III o Santo, crear un estado musulmán en Granada, Málaga e Almería. Os intentos dos golpes de estado marcaron o goberno da familia e diversos membros dela morreron asasinados. Posteriormente iniciouse unha época de atonía política (1344-1396) e dun gran desenvolvemento económico e cultural. A unidade conseguida polos Reis Católicos e a guerra civil xurdida entre os derradeiros representantes da dinastía, Abu-ḷ-Ḥasan’ Alī de Granada e Muḥammad XI de Granada, provocou a entrada dos cristiáns na capital en 1492.

  3. arte nasarita [ARTE]

    Arte que se desenvolveu no Reino de Granada durante o reinado da dinastía nasarita (ss XIV-XV). Caracterizouse polo total predominio da decoración. Na arquitectura, distinguiuse pola lixeireza nos elementos sustentadores e a utilización de falsos arcos de xeso. Os teitos están decorados con falsas voltas de mocárabes, co que conseguían unha perfecta unión coa natureza. Foi tamén un gran momento para a cerámica, os tecidos de seda, os coiros traballados e a ourivaría en traballo de filigrana. Destacan a Alhambra e o Generalife.