Nassau
Liñaxe que se instalou na rexión de Lahn, descendente dos condes de Laurenburg. A partir de Ruperto I (1123-1154), que construíu o castelo de Nassau, adoptaron o título de condes de Nassau. En tempos de Enrique II o Rico (1190-1247/51) a familia estendeuse por Renania. Os seus fillos Walram e Odón dividiron as posesións familiares (1255). A rama que procedía de Walram, á que pertencía Adolfo, emperador xermánico (1292-1298), dividiuse en dúas (1355): os Nassau-Idstein-Wiesbaden (extinguidos en 1605) e os Nassau-Weilburg , que novamente foron reunidos con Luís II (1565-1627). En 1627 volvéronse dividir entre os Nassau-Idstein (extinguidos en 1721), os Nassau-Saarbrücken (extinguidos en 1723) e os Nassau-Weilburg (extinguidos en 1912). A rama menor, que procedía de Odón (morto en 1290), dividiuse en tres: Nassau-Hadamar , Nassau-Beilstein e Nassau-Siegen-Dillenburg (extinguida en 1743). Xoán IV (1410-1475) reuniu en 1450 as posesións neerlandesas e alemás dos odónicos. As posesións alemás pasaron a Xoán V (1455-1515), e as neerlandesas a Engelbert II (1451-1504) e despois a Enrique, fillo de Xoán V. Enrique III o Grande (1483-1558), gobernador dos Países Baixos e stadhouder xeral, casou con Claudia de Chalon, herdeira do principado de Orange, que posteriormente pasou a Guillerme I o Taciturno (1545), que formou a liña dos Orange-Nassau , extinguida con Guillerme III de Inglaterra en 1702. Xoán Guillerme Friso (1687-1711), neto de Guillerme Federico (1613-1664), tronco da liña Nassau-Dietz , foi o sucesor de Guillerme III, e os seus descendentes foron ata 1890 grandes duques de Luxemburgo e desde entón reis dos Países Baixos.