Navia de Suarna

Navia de Suarna


Concello que pertence á comarca dos Ancares, situado no L da Comunidade Autónoma de Galicia e no centro-leste da provincia de Lugo. Limita ao N co concello da Fonsagrada (comarca da Fonsagrada), con Asturias e con León, ao S co de Cervantes (comarca de Ancares) e, novamente, coa provincia de León, ao L con Asturias, e ao O cos de Becerreá (comarca de Ancares) e Baleira (comarca da Fonsagrada). Abrangue unha superficie de 243,3 km 2 en que acolle unha poboación de 1.552 h (2007), distribuída nas parroquias de Barcia, Cabanela, Castañedo, Folgueiras, Freixís, Galegos, Moia, Mosteiro, Muñís, Penamil, Pin, A Proba de Navia, Queizán, Rao, A Ribeira, Ribón, Savane, Son, Vallo e Vilarpandín. A súa capital é a vila da Proba e a súa situación xeográfica é 42° 59’ latitude N e 6° 59´ lonxitude O, localizada a 71 km da capital provincial. Está adscrito á diocese de Lugo e ao partido xudicial da Fonsagrada.
Xeografía física
O relevo do concello inclúese dentro da grande unidade denominada serras orientais galegas e, máis en concreto, no sistema montañoso dos Ancares. Os materiais que forman este sistema montañoso pertencen á época cámbrica e trátase de areas, xistos e lousas, así como algunhas bandas calcarias, moi afectadas todas elas pola oroxenia herciniana, posteriormente arrasadas no Mesozoico e basculadas e fragmentadas coa oroxenia alpina no Terciario. Os movementos tectónicos, fracturación e afundimentos, xogaron un papel moi importante e deron lugar a unha topografía moi fragmentada. A rede fluvial aproveitou estas fracturas para encaixarse e formar unha serie de vales estreitos e angostos que deixan en resalte cristas cuarcíferas, que coinciden cos cumios máis elevados. Para culminar este proceso, o glaciarismo cuaternario modelou as áreas de máis de 1.000 m e formou algúns vales típicos en forma de U. Pódense distinguir tres unidades morfolóxicas: a serra dos Ancares propiamente dita, ao L, o val do río Navia, no centro e as aliñacións de serra de Pedruñais e Mera, no O. As altitudes son modestas respecto a outras áreas do sistema montañoso e culmina nos 1.374 m do monte Tesón, ademais do Restelo (1.013 m) na parte occidental. O clima inclúese dentro do dominio oceánico, pero con matiz de montaña, con temperaturas medias baixas (9°C), invernos fríos (0-2°C na montaña) e algo máis suaves nos vales, e veráns frescos (15°-16°C). As precipitacións son moi abondosas (máis de 1.800 mm) como consecuencia da altura, con neve que se mantén durante boa parte do inverno na montaña e xeadas permanentes ao longo desta estación. A rede fluvial é moi densa, dada a grande rede de fracturas e fallas. O Navia, o principal río, atravesa o termo con dirección SO-NL, para posteriormente tomar a S-N. Destacan algúns afluentes como o Ser e o Rao pola dereita e o Queizán e Mosteiro, pola esquerda. Na flora local, destacan os bosques de carballos (Quercus robur), cerquiños (Quercus pyrenaica) e pequenos bosquetes de faias (Fagus sylvatica). Destacan outras especies de menor extensión coma o castiñeiro, o salgueiro (nas ribeiras dos ríos) e o piñeiro. O queiroal atlántico, con especies coma a uz, o toxo ou a xesta, é o tapiz que forma o sotobosque do concello.
Xeografía humana
Como calquera espazo situado na Galicia montañosa oriental, Navia de Suarna sufriu unha constante perda demográfica ao longo de todo o s XX. A poboación mantívose nas catro primeiras décadas do século, pasando de 6.670 h en 1900 a 7.174 en 1940. A partir dese ano, a poboación comezou a minguar, a causa do éxodo rural e como consecuencia das dificultades impostas polo relevo e o illamento. En 1996, Navia de Suarna posuía 2.166 h, que descenderon ata os 1.872 de 2001 e a 1.552 en 2007. A poboación totalmente rural, a excepción da pequena vila capital, centro de servizos e equipamentos a nivel municipal, distribúese en pequenas aldeas concentradas, situadas na ladeira, no fondo de val ou no cumio. As densidades demográficas son moi baixas, apenas se superan os 10 h/km 2 nalgunhas parroquias. O crecemento natural (2006) da poboación é negativo (-18,9‰), cunha natalidade do 3.4‰, e unha mortalidade do 22,3‰dado o avellentamento da estrutura poboacional. O éxodo migratorio é tamén constante, especialmente na poboación máis nova. Este avenllentamento móstrase na estrutura da poboación por idades: os menores de 20 anos só son o 6,9% da poboación fronte ao 46% dos maiores de 65 anos e o 47,1% do grupo intermedio. Por sexos dominan os homes, 53,41% fronte ao 46,58% das mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Navia de Suarnia é do 37,8% (44% a masculina e 30,5% a feminina); a taxa de ocupación é do 34,2% (33,9% a masculina e 27,5% a feminina) e a taxa de paro é do 9,5% (9,4% a masculina e 9,8% a feminina). O concello posúe unha estrutura económica baseada no sector primario. A pesar do descenso de empregos nos últimos anos a causa do éxodo rural e da diversificación da economía local, as actividades agropecuarias e madeireiras dan traballo a un 48,9% da poboación activa. O número de explotacións non é moi elevado (479 en 1999) aínda que a superficie do concello é grande, xa que a agricultura de subsistencia, practicada ata non hai moito, deu paso a unhas explotacións máis modernas, encabezadas pola gandaría de aptitude cárnica, así como polos prados e terras dedicadas a forraxe. O número de cabezas de gando é ao redor de 2000, unha cifra non moi elevada, respecto a outros concellos da comarca. O viñedo, noutrora importante, ocupa terreos marxinais no val do Navia. Destacan os terreos de monte arborizado e mato. Cunha cifra de 5.926 ha, é un dos concellos cun maior número de superficie de masa forestal da provincia de Lugo. O número de montes veciñais e en mancomunidade é elevado, ao tratarse dunha área de montaña onde as extensións de bosque son grandes. A explotación destas masas, en moitos casos desafortunada, é moi vixiada por parte dos distintos entes administrativos que protexen a serra dos Ancares. A industria é un sector pouco representativo no concello, destacan algunhas pequenas empresas de índole local, que xeran moi pouco emprego (3,2%); a construción ocupa ao 11,2%. O terciario está en auxe e emprega ao 36,7% da poboación activa, destacando os servizos públicos, e a hostalaría, co crecente desenvolvemento do turismo rural e de montaña. As principais vías de comunicación son a estrada local que une a capital municipal coa vila de Becerreá e outras de menor entidade.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos atopados datan de época megalítica como as mámoas das Ferreirarúas e Vilarpandín. De época castrexa destacan os castros de Liñares (Queizán), Monterrío, Coedo e Larxentes, entre outros. Datos do s XI revelan a existencia dun castelo que foi arrasado durante as Guerras Irmandiñas e reconstruído, pero xa con carácter de pazo. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello pertenceron á xurisdición de Navia de Suarna, señorío do conde de Altamira, que percibía a maior parte das rendas dos seus habitantes. Tamén tivo importancia a fidalguía, como rendeira ou ben como labradores que gozaban de certas exencións no pago de impostos. O seu poder manifestouse no seu apoio aos carlistas no primeiro terzo do s XIX, formando unha partida de 600 persoas. A partir do s XX esta fidalguía perdeu forza a causa do éxodo rural e das modernizacións sociais impostas. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración territorial, que se concentrou na aparición do concello de Navia de Suarna dentro do partido xudicial da Fonsagrada. En 1822 adscribiuse á nova provincia de Lugo. A derrogación da Constitución asinada polo Rei Fernando VII en 1823 supuxo a abolición destes concellos e a restauración do réxime señorial. A recuperación do municipalismo produciuse en 1835 e creouse o actual concello. En 1845 produciuse a incorporación das parroquias da Ribeira, que xa figuraba como Fracción de la Rivera, e a de Muñís, segregada do concello de Barcia. Desde entón non se produciron variacións nos límites municipais.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, na arquitectura relixiosa destacan as igrexas parroquiais San Salvador de Mosteiro, de época románica, San Xosé de Muñís, Santo Estevo de Vilarpandín, Santa María de Rao e San Miguel de Barcia, cunha ábsida románica do s XIII, e as capelas de Abrente, que alberga unha Virxe rústica de tradición románica, Marcelín e Molmeán, que tamén conservan no seu interior tallas románicas. De época medieval atopáronse varias sepulturas en Abrente e Molmeán. Da arquitectura civil destaca o castelo de Navia declarado BIC en 1994 e situado na capital municipal. Destacan tamén a ponte medieval de Navia e os pazos de Freixís e de Virigo (Vilarpandín). Un dos elementos máis característicos da arquitectura popular son as pallozas, como as de Moia e Quintá, entre outras. As máis significativas conservan aínda o teito de palla. Da arquitectura popular tamén destacan os numerosos hórreos, cruceiros e cortiñas que se conservan por todo o territorio. Do patrimonio natural destaca o espazo dos Ancares-Courel, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Das festas que teñen lugar cómpre mencionar a de Nosa Señora das Dores en setembro, a do Emigrante en agosto e a feira das Androllas o 23 de febreiro.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Ancares, Os
Extensión 242 Km2
Poboación Total 1552 h
Poboación Homes 829 h
Poboación Mulleres 723 h
Densidade de poboación 6.41 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias