Negreira
Concello da comarca da Barcala, situado ao O da provincia da Coruña e da Comunidade Autónoma de Galicia ( 42° 54’ 30’’ de latitude N e a 8° 45’ de lonxitude O). Limita ao N cos concellos de Santa Comba (comarca de Xallas) e A Baña (comarca da Barcala), ao S cos de Brión (comarca de Santiago), Noia (comarca de Noia) e Outes (comarca de Noia), ao L cos de Ames (comarca de Santiago) e Brión (comarca de Santiago) e ao O co de Mazaricos (comarca de Xallas). Abrangue unha superficie de 115,1 km 2 , cunha poboación de 6.453 h (2007), distribuídos nas parroquias de Alvite, Aro, Arzón, Broño, Bugallido, Campelo, Campolongo, Covas, Gonte, Landeira, Liñaio, Logrosa, Lueiro, Negreira, A Pena, Portor, Xallas e Zas. A súa capital é a vila de Negreira, situada na parroquia homónima. Está adscrito á arquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Negreira.
Xeografía física
O val do Barcala, onde se asenta o concello de Negreira, está situado nunha zona de diversos dominios litolóxicos, un metamórfico, outro granítico e un terceiro sedimentario. O relevo caracterízase pola suavidade do val do río Tambre, que alterna con numerosos cumios. A presenza de fallas e fracturas fixo que a rede fluvial incidise nas áreas máis baixas, e deixase en resalte as cristas graníticas. Así, no S e L do concello atópanse os vales dos ríos Tambre e Albariña, e o val do Barcala propiamente dito, de altitudes que se sitúan ao redor dos 100-150 m. Na parte central érguense as maiores altitudes, nos montes da Pena, coa máxima no monte Pedra Adrada (518 m) e que van descendendo cara ao L, onde se abre unha nova brecha co val do río Donas. O clima de tipo oceánico, caracterízase pola súa elevada humidade, nunha área exposta á entrada das borrascas atlánticas que, por efecto do relevo, descargan directamente, ben sobre o val que con dirección NL-SO canaliza estas masas, ou ben sobre as áreas máis elevadas por efecto pantalla. As temperaturas son suaves, pero máis baixas ca na costa (12°C) cun mínimo invernal de 7°C e un máximo estival de 18°C, que se ven matizadas pola súa posición cara ao interior. As precipitacións poden superar os 2.000 mm, dos que un 40% se recollen no inverno e só un 10% no verán. A rede hidrográfica está encabezada polo río Barcala que marca o límite co concello da Baña, seguido doutros afluentes do Tambre como o Donas, o Xallas e o Corzán. A meirande parte do concello está ocupada por bosques de piñeiros e eucaliptos, aínda que existen algúns exemplos de vexetación autóctona de carballos, castiñeiros e bidueiros, así como toxeiras e xesteiras nos lugares de maior pendente.
Xeografía humana
Desde principios do s XX (5.847 h en 1900), os efectivos demográficos creceron de forma constante, ata acadar un máximo en 1970 (8.999 h). As elevadas taxas e o crecemento vexetativo fixeron que a poboación seguise medrando, incluso nas décadas de 1950 e 1960 que contaron cun saldo poboacional positivo. Pero a partir de 1970 o desenvolvemento urbano de Santiago de Compostela motivou o decrecemento da poboación. As parroquias rurais comezaron a perder poboación e só a capital logrou manter un saldo positivo. A ruralidade caracteriza a estrutura do poboamento negreirés; as aldeas, pequenas e con apenas unha vintena de casas, distribúense de forma heteroxénea polo territorio, e son máis abondosas no val do Barcala ca nas abas dos montes da Pena. A vila de Negreira é o único espazo urbano do concello, trátase dunha vila que presta servizos de ámbito comarcal. O seu desenvolvemento viuse, en certa medida, eclipsado polo crecemento de Santiago de Compostela e a súa área periurbana. A medra do concello produciuse ao redor das das principais vías de comunicación. O crecemento natural (2006) da poboación é negativo (-5,9‰) , cunhas taxas de natalidade do 6,9‰ e unha mortalidade do 12,8‰, cun grao de avellentamento cada vez maior. A estrutura por idades mostra que os menores de 20 anos son o 12,3% da poboación fronte ao 25,4% dos maiores de 65 anos e o 62,3% do grupo intermedio. Por sexos dominan as mulleres: 52,16% fronte ao 47,83% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Negreira é do 49,8% (61% a masculina e 39,7% a feminina); a taxa de ocupación é do 44,3% (54,8% a masculina e 34,8% a feminina) e a taxa de paro é do 11% (10,2% a masculina e 12,2% a feminina). Negreira presenta un equilibrio entre os tres sectores produtivos, cunha certa tendencia cara ao sector terciario. As actividades agropecuarias, noutrora máis relevantes, ocupan o 20,5% da poboación activa. O número de explotacións ascende a 1.000 (1999), cunha redución paulatina desde hai anos. O peso da gandaría de aptitude láctea e a presenza dunha importante cooperativa agroalimentaria fixo que os cultivos se orientasen cara á gandaría, con 2.965 ha de pastos. A explotación forestal tamén ten importancia. Polo que respecta ao sector secundario (31,1% dos empregos), a construción ocupa ao 15% da poboación activa, xa que moitos dos traballadores do concello traballan nas construtoras e empresas dos concellos de Santiago de Compostela e Ames, en plena expansión. Na industria (16,2% dos empregos) destacan as empresas agroalimentarias, que producen leite, pensos, e produtos para o agro. O sector terciario, co 48,3% do emprego, está liderado polo comercio, especialmente na vila, un verdadeiro centro de mercado agrario, con dúas feiras mensuais, ademais de destacar tamén como núcleo de prestación de servizos públicos e bens de consumo. Outro subsector importante é o transporte, asociado á cooperativa Feiraco. As principais vías de comunicación son as estradas AC-450 (Bertamiráns-Negreira), AC-443 (Negreira-A Pereira) e AC-444 (Negreira-San Vicenzo).
Historia
O concello negreirés foi poboado desde a Prehistoria por distintos pobos, feito que testemuñan os restos de mámoas e megálitos atopados nas súas terras; os achados castrexos manifestan o posterior poboamento. Na época romana tívose noticia de Negreira (Nicraria Tamara) polo paso dun itinerario desde Caldas de Reis cara a Brandomil (Grandimirium), onde se explotaban minas de prata. Durante a Idade Media, Negreira foi doada por Afonso III como feudo a Compostela. En 979 foi destruída por piratas normandos e a súa reconstrución non se realizou ata 1113, unha vez ocorrida a irrupción romana en Galicia ao mando de Almanzor. Durante o reinado dos Reis Católicos, o territorio foi declarado Fuero Real, feito que liberou o territorio do señorío compostelano. No s XVIII, Filipe V eximiu a vila do pago de certos impostos, polo seu apoio ao monarca durante a Guerra de Sucesión Española. Durante o s XIX, as terras do concello foron testemuña de enfrontamentos entre liberais e moderados. Tras a sublevación do xeneral J. Prim (1868), creouse en Negreira unha xunta revolucionaria (vixente só durante 20 días) e un xulgado de primeira instancia que non acadou o recoñecemento por parte do goberno central. Durante o Antigo Réxime, o territorio permaneceu dividido nas xurisdicións de Barcala, señorío do conde de Altamira; Lañas, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela; Muros, señorío do arcebispado de Santiago de Compostela; e o couto redondo de Bugallido, señorío de Francisco San Martín. A proclamación da Constitución de 1812 levou á substitución do réxime señorial por unha administración municipal do territorio, coa creación do municipio de Barcala, que se integrou en 1822 na provincia da Coruña. Derrogada por Fernando VII en 1823, a nova organización municipal de 1835 creou o concello de Aro. En 1853 cambiou o seu nome polo de Negreira, onde se trasladou a capital municipal. Durante a primeira metade do s XX, parello ao desenvolvemento dos movementos agraristas en Galicia, tivo lugar unha importante etapa de creación de sociedades agrícolas, que contaron coas súas propias publicacións. Destacaron especialmente El Barcalés (1911), El Agrario Barcalés (1922) e La Voz de Barcala (1933).
Patrimonio cultural
Poboado desde a Prehistoria, conserva restos arqueolóxicos como os megálitos de Monte Corzán ou A Pena, así como castrexos, nas parroquias de Broño, Xallas e Logrosa. Da Idade Media consérvase a ponte vella sobre o río Tambre, de factura romana pero reconstruída nesta época, e a pía bautismal de Logrosa (ss X-XI). Destacan as igrexas parroquiais románicas de San Pedro de Gonte (s XII), a de Santa María de Portor (s XII) e a de Santo Estevo de Landeira. De estilo gótico son varios exemplos de imaxinaría, dos que destacan a Virxe da Paz en Arzón e a Virxe das Neves na parroquia de Covas. Posteriores foron a igrexa renacentista de Liñaio, as neoclásicas de Aro e Broño, así como a de Covas, dos ss XVII e XVIII, e Portor. Na arquitectura civil destacan os pazos de Cotón e o de Albariña (Logrosa), de época tardomedieval. Do seu patrimonio cultural destaca o espazo do Esteiro do Tambre, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Das súas romarías destaca especialmente a da vila (entre o 9 e o 11 de xullo), a de San Eleuterio en Logrosa, a de San Xurxo en Gonte ou a das Neves, en Cobas. Outros actos destacados son o Entroido ou a Carreira Pedestre Popular de Negreira.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Barcala, A |
| Extensión | 115 Km2 |
| Poboación Total | 6453 h |
| Poboación Homes | 3087 h |
| Poboación Mulleres | 3366 h |
| Densidade de poboación | 56.11 h/Km2 |