neoclásico -ca

neoclásico -ca

(< neo- + clásico)

  1. adx

    Relativo ou pertencente ao neoclasicismo.

  2. s

    Seguidor do neoclasicismo.

  3. escola neoclásica [ECON]

    Corrente de pensamento económico que reformulou a doutrina clásica partindo dos supostos do marxinalismo e que incluíu as diferentes tendencias ás que, posteriormente, este enfoque deu lugar. Fundamentou as súas análises en concepcións antihistóricas, a fin de eliminar os problemas derivados das institucións da propiedade e das relacións sociais. Os autores que estableceron as bases da nova escola foron: William S. Jevons (Theory of Political Economy, 1871) en Reino Unido, Karl Menger (Grundsätze der Volkswirtschaftslehre, 1871) en Austria e Léon Marie E. Walras (Éléments de l’Économie Politique, 1874) en Suíza. Entre os seus seguidores inmediatos pódese citar a Irving Fischer, Alfred Marshall, Vilfredo Pareto e Knut Wicksell, entre outros. Baséase en catro características fundamentais. De acordo coa primeira, as clases sociais deixaron de ser o punto de partida e substituíronse polos axentes económicos; estes tiñan como obxectivo a maximización da súa utilidade, definida subxectivamente, en funcións dunhas preferencias; o consumidor foi considerado como soberano, e as súas decisións, motor da economía. Como segunda característica, abandonouse a teoría do valor traballo e o concepto de explotación, e as análises efectuábanse en termos de prezos; a teoría dos prezos relativos baséabase na utilidade. A terceira característica era que a acumulación foi substituída pola idea de equilibrio, nun estado estacionario. Finalmente, supúxose a distribución da renda como un feito independente das relacións de propiedade e como consecuencia das relacións individuais de cambio no mercado. Autores neoclásicos destacados nesta temática foron Robert M. Solow, Paul A. Samuelson, David Levhari, Franco Modigliani, James E. Meade e John R. Hicks.