Neolítico
Fase da Prehistoria que segue ao Mesolítico. Supón a fase do desenvolvemento económico e técnico de certas sociedades, en que se consegue substituír as formas de subsistencia depredadoras do Paleolítico por unha economía de produción. Ata este momento o home vivía da caza, a pesca e a recolección. O descubrimento de medios para controlar e desenvolver estas fontes, a agricultura e a domesticación de animais, modificou profundamente a vida do home e converteuno en sedentario. Instalouse primeiro en pequenos poboados, que nas zonas propicias deron pé ao nacemento do urbanismo. A súa orixe estivo na explotación intensiva de certas plantas e certos animais, nas áreas axeitadas en que estes recursos se encontran en estado salvaxe. Hai diversos centros en que, independentemente, xorden estas novas formas de vida. O Próximo Oriente e a Península Balcánica, entre o VIII e o VII milenios a C e Mesoamérica entre o III e o II milenio a C, constituíron centros primarios de aparición do Neolítico, desde o que se difundiu cara ás grandes zonas da terra. A primeira fase (VIII-VII milenios) é a denominada Neolítico precerámico, porque aínda non se desenvolvera esta técnica, representada polos xacementos de Jarmo (Iraq), Ras Samra (Siria), Xericó (Palestina), Çatal Hüyük e Haçilar (Anatolia) e Sesklo (Tesalia). No VI milenio apareceu a cerámica, cunha gran variedade de modelos e decoracións, que serviron para distinguir as diferentes culturas. Desde o Próximo Oriente e a Península Balcánica, estendeuse cara ao N de África e cara a Europa Central e chegou no V milenio a Europa Occidental, onde se produciu unha gran diversificación cultural que deu lugar, no Mediterráneo occidental, a unha primeira cultura bastante uniforme denominada da cerámica impresa e posteriormente a diversas formas locais, como a cultura dos sepulcros de losa en Catalunya. En Galicia a introdución do modo de vida neolítico asóciase ao megalitismo e ao fenómeno tumular. Os primeiros túmulos dátanse no derradeiro terzo do IV milenio a C, co paso do tempo ampliaron o seu tamaño e fixéronse máis complexos. A eclosión do Megalitismo tivo lugar no III milenio a C. O fenómeno megalítico espallouse tanto pola costa como polo interior. No interior dalgunha mámoa atopáronse restos cerámicos, obxectos de pedra e outras ferramentas. As primeiras manifestacións da metalurxia son machados de bronce.