neoplatonismo

neoplatonismo

(< neo- + platonismo)

s m [FILOS]

Doutrina filosófica que se desenvolveu entre os ss II e IV. Na súa historia distínguense tres épocas: a romana, representada por Plotino e Porfirio; a siria, por Xuliano o Apóstata, e a ateniense, por Proclo e Damascio. Plotino, considerado o fundador da escola, estruturou un pensamento que era asemade unha prolongación do platonismo e unha creación autenticamente súa. Representou o punto máis alto da elaboración do pensamento filosófico-relixioso do momento, segundo o que todo provén de Deus e todo torna a El gradualmente. O afastamento do Un e da simplicidade absoluta supón unha degradación cara ás sombras. Este proceso componse de tres graos: o Intelecto, a Alma universal e o mundo corpóreo que se caracteriza polas tebras e o mal absoluto. A materia é o último grao do descenso, pero representa a un tempo o inicio do retorno, posto que a alma constitúe o ser verdadeiro de todo o que vive, tendo por natureza a unidade superior da que provén. No caso de que, ferida de orgullo, esqueza a súa orixe, a alma é condenada a unha serie de transmigracións e, pola vía da contemplación da harmonía, da beleza espiritual ou da verdade intelixible, inicia a elevación cara a Deus. O Código de Xustiniano (529) dispersou a escola neoplatónica, pero moitas das súas ideas xa foran incorporadas ao cristianismo. Atópase xa en Clemente de Alexandría e en Oríxenes, e está presente en toda a patrística grega. Así mesmo, influíu en santo Agostiño e en todo o pensamento teolóxico occidental, e sobre o Pseudo-Dionisio Areopaxita.