neotrobadorismo
(
Movemento poético xurdido en Galicia ao redor da década de 1920 e que pretendía a recuperación das cantigas medievais galego-portuguesas. Difundiuse especialmente tras a publicación de diversos traballos e estudos sobre o tema, en concreto as Cantigas d amigo dos trovadores galego-portugueses (1926-1928) e Cantigas d amor dos trovadores galego-portugueses (1932), de José Joaquim Nunes. Tomando como referente este corpus, algúns poetas achegáronse á literatura trobadoresca, sobre todo formalmente, empregando recursos propios das cantigas como o paralelismo ou o dístico monorrimo con refrán. As primeiras composicións que se poden inscribir neste movemento son Nao senlleira (1933), de Fermín Bouza-Brey, e Cantiga nova que se chama ribeira (1933), de Álvaro Cunqueiro, ás que se poden engadir os Cantares d amigo, de Carles Riba, e o Poemeto da Vida (1930), de Xohán V. Viqueira. Pero non só atende á parte estrutural, senón que este incipiente interese pola lírica trobadoresca tamén vén determinado pola temática, onde o lirismo e a saudade cobran unha importancia inusitada. A principios do s XX, Álvaro de las Casas, Uxío Carré, Uxío López Aydillo, Manuel Murguía, Eladio Oviedo ou o propio Seminario de Estudos Galegos, cos seus respectivos traballos, foron algúns dos que promoveron e cimentaron os alicerces deste movemento poético. Nunha segunda fase, na posguerra, caracterizada por un novo concepto e un coñecemento diferente da lírica medieval, aparecerán as composicións da antoloxía preparada por Xosé Mª Álvarez Blázquez, e as “Cantigas do amor cortés” do libro Dona do corpo delgado (1950) e a segunda edición de Cantiga nova que se chama riveira (1957), con novas composicións de Álvaro Cunqueiro. A eles hai que sumar as contribucións esporádicas de Celso E. Ferreiro, Ernesto Guerra da Cal, Aquilino Iglesia Alvariño, Manuel María ou Luz Pozo Garza. Nun terceiro período, cunha achega moito máis persoal por parte do poeta, cómpre salientar a Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Darío X. Cabana, Xavier Seoane e, novamente, Álvaro Cunqueiro nalgunhas das composicións de Herba aquí e acolá (1980). Por último, a edición das Cantigas d escarnho e mal dizer (1965), realizada por M. Rodrigues Lapa, deu paso a un neotrobadorismo ligado ao escarnio que tivo unha difusión, agás en Celso Emilio, moi diversificada.