New Jersey

New Jersey

Estado do NL de EE UU, situado na costa atlántica (20.169 km2; 8.414.350 h [2000]). Limita ao S coa baía de Delaware, ao O con Pennsylvania e ao N con New York. A capital é Treton. Os extremos N e O son máis montañosos mentres que o resto forma parte da planicie costeira. O clima é morno e húmido. O río Delaware, ao O, e o Hudson, ao NL, sérvenlle de fronteira estatal. O 90% da poboación é urbana e as cidades máis importantes son Newark, Atlantic City e a capital. A agricultura ten pouca importancia aínda que posúe gandaría. O nivel de industrialización é moi alto e destacan as fundicións, a industria química (é o primeiro centro de EE UU), a alimentaria, a téxtil, a produción de maquinaria e a construción naval. Habitada polos indios delaware, as costas do territorio foron percorridas por G. da Verrazzano (1524) e Henry Hudson (1609). Colonizado polos holandeses en 1655, foi conquistado polos ingleses en 1664 e uniuse á loita independentista en 1776.