Nigrán
Concello da comarca de Vigo, situado no SO da Comunidade Autónoma de Galicia e da provincia de Pontevedra ( 42° 08’ 12” de latitude N e 8° 47’ 30” de lonxitude O). Limita ao N con Vigo (comarca de Vigo); ao S con Gondomar e Baiona (ambos os dous da comarca de Vigo), ao L de novo con Gondomar e, ao O co Océano Atlántico. Abrangue unha superficie de 34,8 km 2 c unha poboación de 17.668 h (2007), distribuídos nas parroquias de Camos, Chandebrito, Nigrán, Panxón, Parada, Priegue e A Ramallosa. A súa capital é Nigrán, situada na parroquia homónima, localizada a 49 km de Pontevedra e 107 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á diocese de Tui-Vigo e ao partido xudicial de Vigo.
Xeografía física
O relevo caracterízase pola presenza, na área oriental e setentrional, dos contrafortes da serra do Galiñeiro, que actúan como divisoria local de augas e como fronteira cos concellos veciños, mentres que na área occidental, se sitúa na beira do Océano Atlántico. No trazado da liña da costa destaca a península de Monteferro (143 m), situada fronte ás illas Estelas. Ao N desta península ábrese a enseada de Carreira, en que se sitúa a praia de Patos, mentres que cara ao S, se desenvolve a ría de Baiona, na que destacan as praias de Panxón, Canido e Praia América, ademais dunha marisma con gran valor ecolóxico na desembocadura do Miñor. Na maior parte do concello domina unha litoloxía de granito de cronoloxía herciniana, aínda que no NO aparecen materiais paleozoicos indiferenciados, con filóns de aplitas e diabases. O clima pertence ao dominio oceánico-húmido e, dentro das variedades galegas, circunscríbese ao subtipo do litoral das Rías Baixas, que se caracteriza por unhas elevadas precipitacións (1.500-1.700 mm), favorecidas polos relevos do N e L, ademais da orientación favorable da ría de Baiona aos fluxos ciclónicos do SO, que permiten a penetración da humidade mariña. As temperaturas son elevadas debido ao aumento da insolación, acadando unha media de 14,9°C, sen deixarse sentir apenas o inverno (mínima en xaneiro con 10,1°C), mentres que o verán é cálido (20°C en xullo e agosto). A oscilación térmica é pequena acadando valores por debaixo dos 10°C. Con este ambiente térmico, as xeadas son excepcionais, e só se deixan notar durante o inverno nas marxes montañosas do N e L. O réxime pluviométrico presenta un claro máximo invernal (37% das chuvias) e unha acusada seca estival (8%), que se traduce en problemas de aridez en agosto e setembro. Nas estacións intermedias repártense o resto das precipitacións (primavera, 26%; outono, 28%). A rede hidrográfica articúlase ao redor dos ríos Canido, Miñor e varios dos seus tributarios, que presentan un percorrido bastante rectilíneo, con dirección L-O, instalados en líneas de falla derivadas da acción tectónica. A cuberta vexetal primaria, de ameneiros, bidueiros, salgueiros e carballos, está moi degradada debido á acción antrópica, e o piñeiro é, desde finais do s XX, a especie vexetal dominante.
Xeografía humana
Nigrán é unha área en expansión demográfica continua desde comezos do s XX. A proximidade de Vigo influíu na súa evolución, pois a demanda de solo residencial recaeu sobre este concello, moi atractivo polas súas condicións ambientais, de ocio e climáticas. A evolución demográfica desde o primeiro censo de 1887 (6.610 h) tan só coñeceu un episodio de mingua da poboación, que foi precisamente o período anterior a 1900, ano en que se alcanzou o mínimo poboacional (6.180 h). A partir desa data, o colectivo demográfico nigranés xa non deixou de medrar aínda que o ritmo de crecemento non foi uniforme. De 1900 a 1920 incrementou a poboación un 0,63% anual, xa que nesta época, Vigo ofrecía boas posibilidades laborais que xunto coa pesca cubrían as necesidades básicas da maior parte da poboación, o que fixo que apenas se deixasen sentir as fortes correntes emigratorias cara ao continente americano que se daban en Galicia. Ademais, existía un forte crecemento vexetativo que contrarrestaba as escasas saídas emigratorias. Durante a década de 1920, a tendencia foi o estancamento, xa que medrou tan só un 0,02% anual. A partir de 1930 o crecemento foi continuo e a un forte ritmo, 1,78% anual, que se intensificou a partir de 1970, cun 2,52% anual, ao mesmo tempo que Vigo lograba o seu maior desenvolvemento económico e demográfico. Entre 2001 e 2007 a poboación do concello creceu nun 9,67%. Froito desta evolución, a estrutura demográfica de Nigrán presenta unha notable xuventude, de xeito que os menores de 20 anos supoñen o 19% da poboación, mentres que os maiores de 65 anos non son máis que o 14,9%; o grupo intermedio representa o 66,2%. O saldo natural é positivo, (1,5‰ en 2006) froito dunha natalidade alta (9,2. ‰) e unha mortalidade relativamente baixa (7,7‰). A poboación está moi diseminada, distribuída en pequenos núcleos, especialmente numerosos na área costeira, onde non existen uns límites claros entre uns e outros. Os emprazamentos responden a diferentes tipoloxías, distinguíndose núcleos xerados a partir dun crecemento lineal ao longo da costa, que orixinariamente estaban ligados á actividade pesqueira, e que presentan unha maior diversificación económica e funcional (é o caso de Panxón); outros núcleos cun crecemento lineal, non compacto, ao longo das beiras das principais estradas (Nigrán e A Ramallosa); e finalmente, espazos onde a urbanización estivo motivada pola demanda turística (contornos de Praia América), cunha forte estacionalidade na ocupación.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Nigrán é do 59,7% (71,3% a masculina e 42,9% a feminina); a taxa de ocupación é do 52% (66,9% a masculina e 38,1% a feminina) e a taxa de paro é do 8,2% (6,2% a masculina e 11,2% a feminina). A base económica do concello ata a década de 1970 estaba baseada no sector agropecuario, pero o desenvolvemento industrial de Vigo e outros núcleos próximos como O Porriño ou Mos modificou totalmente a estrutura produtiva e provocou un cambio fundamental nos usos do solo, que pasaron de ter un valor produtivo a outro económico debido á presión inmobiliaria. A agricultura é unha actividade marxinal (1,7% dos traballadores), practicada a tempo parcial e que serve de complemento ás economías familiares. A pesca, pola súa banda, tamén descendeu notoriamente a súa importancia, tan só ocupa ao 4,8% dos activos, aínda que mantén certa relevancia nas parroquias de Priegue, A Ramallosa e Panxón. Por outra parte, a industria tivo un incremento notable como fonte de emprego (22,1%), ao mesmo tempo que se consolidaba o eixe industrial Vigo-O Porriño, moi próximo no espazo e ao que se desprazan diariamente un bo número de nigraneses. Pola súa banda, a construción (14,1%) favoreceuse do forte pulo turístico e residencial, que elevou a demanda inmobiliaria. Finalmente, os servizos (57,3%), que xeran a maior parte do emprego, experimentaron un ascenso imparable da man do despegue da industria turística, tras converterse o concello en lugar de veraneo con residencias secundarias de numerosos vigueses. Destacan por riba do resto os servizos sociais e a Administración Pública (16,71%), o comercio (11,79%) e a hostalaría (5,05%). A taxa de actividade (49% en 1997) é parella á galega (48,1%), pero o paro é moi superior (24,4% fronte ao 18,4% galego), froito da forte incidencia que presenta o desemprego sobre o colectivo feminino (34,3%). Conta coa estrada PO-550 Vigo-Baiona, que atravesa de N a S o seu territorio; coa PO-332 que comunica a capital municipal e a vía anterior con Gondomar e O Porriño; e coa autoestrada que provén de Vigo e chega ata Baiona, cun ramal que leva directamente a Praia América.
Historia
A antigüidade do poboamento no concello de Nigrán remóntase á época megalítica. Destacan os gravados rupestres das parroquias de Camos, Chandebrito e Priegue. Da época castrexa consérvanse os castros de Priegue e da Medoña. En Monteferro atopáronse restos cerámicos e vestixios de canalización romanos. Ademais hai restos dunha mansión e de dúas vías que atravesaban A Ramallosa, cara a Vigo, pola costa, estando unha delas relacionada coa orixe da ponte de San Pedro Telmo, aínda que a fábrica que presenta na actualidade data do s XII. Durante o Antigo Réxime existiron as xurisdicións de Baiona, señorío de reguengo, e de Panxón, señorío do mosteiro de Santa María de Oia, ademais do couto redondo de Priegue, señorío do conde de Priegue. Coa división municipal posterior ás Cortes de Cádiz, no actual territorio do concello formáronse os municipios de Panxón e A Ramallosa, derogados en 1823. Coa nova ordenación municipal de 1835 creouse o concello de Nigrán.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos mencionados, destacan as ruínas da igrexa visigoda de San Xoán de Panxón, declaradas BIC en 1964, xunto as que se atopa o Templo Votivo do Mar, obra de Antonio Palacios. Consérvanse diversas construcións das que destacan o pazo de Cadaval, o pazo de Cea ou de Nigrán (BIC, 1978), o pazo da Touza, a torre de Méndez (BIC, 1995) e a casa abacial de Nigrán. En Monteferro atópase o Monumento aos Mártires do Mar. Do seu patrimonio natural destacan os espazos da Ramallosa e as Illas Estelas, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran no concello destacan as da Virxe das Angustias en Nigrán, no mes de agosto, San Xoán en Panxón, a romaría de Monteferro e a Virxe do Carme en agosto, o Bo Xesús en Priegue, en setembro, e o Cristo en Chandebrito, en xuño. Ademais das festas da Sardiña e da Cadelucha.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | PONTEVEDRA |
|---|---|
| Comarca | Vigo |
| Extensión | 34 Km2 |
| Poboación Total | 17668 h |
| Poboación Homes | 8764 h |
| Poboación Mulleres | 8904 h |
| Densidade de poboación | 519.65 h/Km2 |
Parroquias
| Camos |
| Chandebrito |
| Nigrán |
| Panxón |
| Parada |
| Priegue |
| Ramallosa, A |