nitración
(< nitrar)
Reacción de substitución en que un átomo de hidróxeno, substitución directa, ou outro átomo ou un grupo de átomos, substitución indirecta, se muda por un grupo nitro, -NO2. A nitración de compostos aromáticos é unha reacción de substitución electrófila que ten lugar mediante a acción do ácido nítrico no seo dun disolvente determinado. O mecanismo normal de nitración implica a produción, a partir do ácido nítrico, do ión NO2+ e o ulterior ataque por parte deste ión do composto que cómpre nitrar. As reaccións de nitración teñen unha grande importancia práctica, como é o caso dos explosivos. Outros derivados son intermediarios útiles que se poden reducir a aminas, e que teñen un grande interese na preparación de colorantes, de menciñas e doutros produtos.