nogueira

nogueira

(

  1. [PLANTA]
    1. s f

      Árbore caducifolia monoica, de ata 30 m de altura, de cortiza lisa e gris con fisuras, follas alternas, compostas, imparipinnadas e marxe enteira; flores masculinas en amentos verdosos, cilíndricos e flores femininas solitarias ou en pequenos grupos, e froitos, as noces, drupáceos e comestibles. Florece entre maio e xuño. Atópase cultivada ou naturalizada nunha gran parte de Europa. É moi apreciada pola súa madeira, que se emprega en ebanistaría, polas súas follas, que posúen propiedades hipoglicemiantes, e polo seu froito. É orixinaria do SL de Europa e do O de Asia. En Galicia atópase estendida por toda a xeografía, onde sobe ata os 900 m de altitude, e incluso de forma esporádica e en exposicións favorables ata preto de 1.000 m; localizáronse 8 áreas en que é moi frecuente, sendo as máis representativas dúas do interior, en vales cálidos, unha no concello das Nogais e zonas baixas de Becerreá, Baralla e Cervantes (Lugo) e outra en Verín (Ourense). OBS: Tamén se denomina caroleira, coucheira e noceira.

    2. nogueira africana [Lovoa Brownii, Fam das meliáceas]

      Árbore de cortiza gris pálida que escurece co paso do tempo, de follas alternas, flores pediceladas e froito en cápsula. A madeira presenta manchas de cor negra que lle dan un bo aspecto.

    3. nogueira negra/americana [cast: nogal negro americano; ingl: pecan tree] [Juglans nigra, Fam das xuglandáceas]

      Árbore caducifolia de ata 50 m de altura, follas con numerosos folíolos de marxe dentada de forma irregular, flores masculinas en amentos de cor verde amarelada e as femininas agrupadas en espigas terminais e froito de cor negra cando madura. Florece en primavera. A súa madeira é moi empregada en ebanistaría e na industria naval. É orixinaria de América do Norte. En Galicia emprégase para facer repoboacións en terras agrarias.

  2. s f

    Madeira desta árbore.

Refráns

  • Deus me dea a nogueira sempre á beira.

Palabras veciñas

Nógrád | Noguchi, Hideyo | Noguchi, Isamu | nogueira | Nogueira | Nogueira | Nogueira