Non agardei por ninguén
Novela publicada por Ramón de Valenzuela en Bos Aires en 1957. Editada no exilio na editorial Citania e dentro da colección “Mestre Mateo”, foi a primeira novela do autor e a primeira obra galega que analiza a contenda da Guerra Civil Española. Ademais da súa importancia como documento histórico, cómpre salientar tamén algúns aspectos autobiográficos que constitúen a base sobre a que se asenta esta historia. Nela cóntanse as historias vividas polo seu personaxe principal, Gonzalo Ozores, de ideoloxía nacionalista e identificado co propio autor, que foxe polas terras do Deza ata que se alista no exército franquista e actúa como espía para os republicanos. Novela de ideoloxía marxista, cómpre destacar a súa defensa do galeguismo e a conciencia de clase.