Nordés

Nordés
[PUBLIC]

Revista publicada na Coruña a partir de 1975. Co subtítulo “Revista de poesía e crítica” foi fundada e codirixida polos poetas Luz Pozo Garza e Tomás Barros, con Luís Seoane como ilustrador. Tivo dúas etapas ben diferenciadas. Na primeira, ata 1976 (nº4), contou coa colaboración de Rafael Dieste, Álvaro Cunqueiro, Celso E. Ferreiro, Franco Grande e Pura Vázquez. A segunda época comezou en xuño de 1980, cando reapareceu con nova numeración, dirección e ilustración de Luz Pozo Garza. Impresa por Ediciós do Castro, abriuse cara á poesía portuguesa e estranxeira, con traducións de textos de Pessoa, James Joyce ou Valéry. Incluíu colaboracións de artistas plásticos como Lugrís ou Laxeiro, obras de autores novos e homenaxes a distintos artistas galegos e universais.