normalización

normalización

(< normalizar)

  1. s f

    Acción e efecto de normalizar ou normalizarse.

  2. s f [MAT]

    Cambio de escala que fai que unha suma ou unha integral teña un valor unidade. A normalización acádase, xeralmente, mediante o axuste dunha conta arbitraria.

  3. s f [IND]

    Determinación e aplicación de normas nas características dun obxecto ou dun produto industrial ou na súa elaboración ou fabricación. A normalización dos procesos industriais permite aumentar a produtividade e reducir os custos, mellorar a calidade e aumentar a seguridade.

  4. normalización lingüística [LING]

    Proceso sociocultural polo que unha lingua se adapta a unha regulación ortográfica, léxica e gramatical. A normalización ou planificación do status supón a elaboración dunhas regras para codificar e modelar un idioma, elaborando unha variedade supradialectal que sexa capaz de ampliar as funcións da lingua para acceder a ámbitos de uso lingüístico ata ese momento reservados a outra lingua. A normalización está destinada, pois, a situar unha lingua respecto doutras no mesmo plano, a abolir unha situación diglósica. É o traballo previo á planificación do corpus, ou normativización no proceso de planificación lingüística. No caso do galego, a de Lei de Normalización Lingüística, aprobada en 1983, significou a creación dun marco que garante e regula o proceso normalizador. A normalización do uso do galego comporta unha serie de actuacións que se foron producindo paulatinamente, como son a oficialización da lingua, a súa extensión ao ensino, á administración autonómica, aos medios de comunicación, ao mundo da cultura e da política, entre outros, que motivaron ao mesmo tempo a percepcion social positiva da lingua.

Palabras veciñas

normalidade | normalista | Normalista, El | normalización | normalizador -ra | normalizar | Norman, Greg