Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego
Conxunto de normas ortográficas e morfolóxicas que rexen a norma escrita do galego. O modelo lingüístico que propoñen está baseado na lingua viva, ten como referente as distintas variantes dialectais para conseguir unha variante supradialectal, conxuga a tradición escrita e harmonízaa coas demais linguas romances, en especial co portugués. O texto foi aprobado nunha sesión conxunta da Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega o 3 de xullo de 1982. Foi revisado, actualizado e ampliado coa aprobación do Consello Científico do Instituto da Lingua Galega o 11 de novembro de 1994 e da Real Academia Galega, en sesión extraordinaria, o 25 de febreiro de 1995. O 12 de xullo de 2003, en sesión plenaria, a Real Academia Galega aprobou unha nova revisión e ampliación do texto normativo, na busca da concordia lingüística con outras propostas normativas.