Norte, mar do
Mar do Oceáno Atlántico, entre Reino Unido e o continente europeo (580.000 km2). Comunica co Oceáno Atlántico ao N, entre as illas Shetland e a costa de Noruega e, ao SO, polo paso de Calais. Ao L entra en contacto co Mar Báltico polos estreitos de Skagerrak e Kattegat. Ocupa o centro dunha conca de sedimentación. Durante o Carbonífero formáronse as capas de carbón das concas de Inglaterra e Alemaña, mentres que os ricos depósitos petrolíferos da plataforma continental británica e norueguesa datan do Cretáceo e parte do Terciario. As costas setentrionais son abruptas e dentadas, como os fiordes de Noruega e firths de Escocia, e nas meridionais, chás e areosas, abundan as baías, os esteiros e as illas, como as de Frisia. É un mar pouco profundo, cun máximo de 750 m, ao L (fosa de Noruega), e unha profundidade media de 94 m. A salinidade está influída pola contribución do Atlántico, con augas máis salgadas, o Báltico, cunha salinidade baixa, e os principais ríos como o Rin, o Elba e o Támesis. O clima é húmido e con abundantes brétemas. As tempestades ocasionan, ás veces, terribles inundacións litorais.