Nova Narrativa
Movemento literario galego en que se encadran un conxunto de textos literarios de diferentes autores que se publicaron entre 1954 e 1980. Os creadores destas obras, influídos polas novas formas da narrativa europea, en especial por W. Faulkner, J. Joyce, F. Kafka, M. Proust, A. Robbe-Grillet, J. Romain e a Nouveau Roman francesa, compartiron un punto de vista similar, tanto no plano cultural como no intento de anovar a narrativa anterior dentro da diversidade creativa de cada un, e nun intento por superar a precariedade cultural en que se situaba Galicia e o resto do Estado español como consecuencia da consolidación da ditadura franquista. Segundo diversos estudos, os textos que se poden encadrar dentro desta escola son Nasce un árbore (1954) e Memorias de Tains (1956) de G. Rodríguez Mourullo; Percival e outras historias (1958), O crepúsculo e as formigas (1961), Arrabaldo do norte (1964), Retorno a Tagen Ata (1971) e Elipsis e outras sombras (1974) de X. L. Méndez Ferrín; Lonxe de nós e dentro (1961), Como calquera outro día (1962) e Cara a Times Square (1980) de C. González Suárez-Llanos; Vento ferido (1967) e Cambio en tres (1969) de C. Casares; A orella no buraco (1965) de Mª X. Queizán; Adiós, María (1965) de Xohana Torres; As ponlas baixas (1968) de V. Vázquez Diéguez; A torre de Babel (1968) de Lois Diéguez; O camiño de abaixo (1970) de X. Casal e Remuíño de sombras (1973) de X. Neira Vilas. Estes autores, que tamén cultivaron unha narrativa marcada por outras tendencias literarias noutros textos, apostaron con estas obras pola irrupción do alleo na tradición literaria galega e por unha diminución de determinados trazos vinculados co tratamento do autóctono. Distínguese dentro dela unha primeira etapa, ata 1961, en que aparecen as influencias de Kafka e da temática existencialista, cunha ruptura cos temas tratados pola literatura galega anterior, fundamentalmente o grupo Nós, que iniciara a innovación e consolidación do xénero narrativo e da prosa en particular. Nesta época déuselle moita importancia ao subxectivismo, á inversión dos tempos lineais da historia, aos diálogos con certos matices misteriosos, e á elipse. De 1964 a 1980 penetrou definitivamente o alleo no autóctono, cunha preferencia clara pola indagación formal, que levou a un primeiro plano o experimentalismo enunciativo. Trazos característicos desta segunda época foron a suspensión do relato, a incógnita sobre a focalización do narrado, unha maior importancia do naturalismo, a presenza do tema da violencia e a alternancia entre a moderación verbal e o excesivo refinamento na descrición dos obxectos.