numismática

numismática

(< numismático)

s f [NUMIS]

Ciencia que estuda a orixe e o desenvolvemento da moeda, tanto no espazo como no tempo, considerándoa como un monumento ou testemuño histórico, social, económico e artístico. Entendida como unha das fontes auxiliares da historia, é á vez complementaria doutras disciplinas como a arqueoloxía, a heráldica, a epigrafía, a etnografía, a sixilografía ou a filoloxía. Aínda que o seu ámbito principal de atención é o referente ás moedas e ás medallas, ocúpase tamén de todo o relacionado cos aspectos anexos ao fenómeno monetario. O desenvolvemento da numismática iniciouse co humanismo, pero ata finais do s XVIII non se sistematizou como ciencia, de xeito paralelo á creación das grandes coleccións nacionais. A partir da metade do s XIX a ciencia das moedas chegou á súa plenitude, grazas aos estudos con criterios científicos que analizaron a vasta problemática das emisións, tanto antigas como medievais e modernas, á publicación de revistas especializadas, ás reunións de especialistas en congresos nacionais e internacionais, así como á creación de sociedades científicas e de coleccionistas.

Palabras veciñas

numídico -ca | numídido -da | numisma | numismática | numismático -ca | numismatografía | Nummulites