Nunca Máis
Plataforma cidadá creada o 21 de novembro de 2002, dous días despois do afundimento do petroleiro Prestige fronte ás costas de Galicia. Reuniu a resposta da cidadanía ante a catástrofe ecolóxica provocada polo Prestige e ante as accións levadas a cabo polas diferentes administracións responsables. Integrada por máis de 200 asociacións e colectivos de diverso tipo, como confrarías de pescadores, asociacións culturais, políticas, ecoloxistas, veciñais e sindicais, reclamou, entre outros aspectos, a declaración de Galicia como zona catastrófica, a dimisión das autoridades responsables e a posta en marcha dos mecanismos de prevención necesarios para evitar este tipo de accidentes no futuro. Tamén promoveu numerosos actos de protesta e interpuxo unha querela contra os responsables da catástrofe.