Occidente
Conxunto de rexións ou territorios occidentais. A partir da morte de Teodosio I (395) e ata a deposición de Rómulo Augusto, o nome Occidente foi empregado para designar unha das dúas seccións nas que foi dividido o Imperio Romano (Imperio Romano de Occidente). Ao cabo duns cantos séculos, coa ruptura das relacións entre Roma e Constantinopla, acentuouse o uso do termo aplicado á Igrexa Romana, -Igrexa de Occidente- en contraposición á Igrexa de Oriente. Sempre na base dunha fundamentación histórico-cultural, desde o s XIV ata a segunda metade do s XIX reuniuse dentro do xenérico Occidente o complexo de estados europeos unidos pola fe cristiá e que ideal e relixiosamente (se non sempre politicamente) se opoñían ao dominio turco. Co afastamento dos turcos de Europa e a causa da súa progresiva occidentalización, os límites culturais occidentais trasladáronse á zona dos mongois, sometida á influencia asiática. Con posterioridade, o concepto ampliouse ata comprender aos países do Atlántico e de América setentrional. Polo establecemento en Rusia das correntes bolxeviques fronte as menxeviques, que representaban a occidentalización, acentuouse a contraposición ideolóxica entre un Occidente definido como capitalista e colonialista, e o Oriente, a URRS e a Europa do Leste, países socialistas.