océano

océano

(< lat oceănu)

  1. s m [XEOL]

    Masa total de auga salgada, que cobre unha gran parte da superficie da Terra (361.128.000 km 2 , que representa o 71 %). A súa orixe remota pódese situar nas etapas prexeolóxicas da Terra, nas que se produciu unha diferenciación xeral da materia terrestre segundo capas concéntricas, cos materiais menos densos acumulados nas zonas máis profundas e os máis lixeiros nas máis externas. A fase final desta diferenciación correspóndese coa formación da atmosfera e da hidrosfera. Esta, formada fundamentalmente polo mar, orixinouse a partir da auga desprendida polas rochas que constituían a incipiente codia terrestre que ascendía á superficie mediante os fenómenos volcánicos, acompañada de nitróxeno e carbón. Estas erupcións, segundo a maioría dos xeoquímicos, foron as que lle conferiron á auga do mar o seu contido en sales. Nestas etapas primitivas os mares chegaron a estar formados predominantemente por auga, á que se engadiron compostos orgánicos, relativamente simples, constituídos grazas ao metano, ao amoníaco e ao hidróxeno que integraban a primitiva atmosfera redutora da Terra. A concentración de materia orgánica nos mares antigos foi quizais moi elevada, co que xurdiron as primeiras macromoléculas orgánicas e despois os primeiros seres vivos. O océano primitivo era moito máis reducido que calquera dos que existen actualmente (calcúlase que ocupaba unha doceava parte do volume actual da hidrosfera) e, ademais, era pouco profundo, o que favoreceu a síntese orgánica. Xa na etapa xeolóxica da Terra, que se iniciou coa consolidación da codia terrestre, fai 4.500 millóns de anos, existía un único océano, denominado Panthalassa por A. Wegener, que ocupaba unha grande extensión da superficie terrestre, cun mar chamado Tetis, situado entre Eurasia e África, e dous grandes golfos (Sinus Borealis e Australis), que co fraccionamento da Terra (Pangea) e o movemento dos continentes, formou os diversos océanos. Aumentou por tanto, o volume dos océanos desde a época prexeolóxica, que se admite que continuou ata hoxe, debido, fundamentalmente, ao afundimento progresivo das concas oceánicas. En liñas xerais, os océanos Atlántico e Índico aumentaron en extensión e o Pacífico reduciuse. Os cambios máis notables que se producirán no futuro serán o ancheamento progresivo do Mar Vermello, que pode ser o embrión dun novo océano, a porción oriental de África separarase do continente e dará lugar a un novo mar, os océanos Atlántico e Índico continuarán ancheando restando volume do Pacífico, o Mediterráneo reducirá a súa extensión e o golfo de Bizcaia tenderá a pecharse pola aproximación das costas francesa e española. As velocidades destes cambios oscilan entre 2,5 e 16 cm ao ano. O estudo xeolóxico dos fondos mariños contribuíu, ademais de á obtención destes datos, á localización de novos recursos minerais e enerxéticos. O ordenamento xurídico do mar vén xestándose desde a fin da Segunda Guerra Mundial. De feito, o que sucedeu desde as conferencias de Xenebra sobre Lei Marítima (1958 e 1960) ata a fin da III Convención das Nacións Unidas sobre o Dereito Marítimo (UNCLOS, 1973-1982), é un proceso de ampliación dos límites xurisdicionais dos estados sobre o mar. Así mesmo, pasouse pouco a pouco da doutrina de mare liberum a considerar o mar como unha extensión do territorio estatal. Fixouse o límite de 200 millas de xurisdición porque esta distancia é a metade da que ten a plataforma continental. Esta foi a cobertura ideolóxica da anexión dos espazos marítimos (sexa coas augas territoriais, coa zona exclusiva de pesca ou coa zona económica exclusiva). Os motivos reais son de carácter económico e estratéxico: o control dos caladoiros de pesca e, sobre todo, a explotación dos recursos minerais e enerxéticos dos fondos marítimos. Outra dimensión do mar é a dos seus aspectos xeopolíticos. Desde antigo deuse importancia aos accesos dos estados ao litoral marítimo. Esta idea ten a súa orixe nas teorías mercantilistas do s XVII, a importancia que se lle outorgou a este acceso foi enorme ata épocas moi recentes. Hai outra cuestión tan importante como o acceso ao mar: a do dominio das rutas marítimas. Outra dimensión do mar é o transporte e as rutas comerciais, xa que gran parte do comercio mundial efectúase por esta vía e a súa importancia económica non deixou de incrementarse.

  2. s m [XEOL/XEOG]

    Cada unha das cinco grandes partes de auga comprendida entre os dous grandes continentes: o Océano Atlántico, o Océano Pacífico, o Océano Índico, o Océano Ártico e o Océano Antártico. As máximas profundidades (ata case 11.000 m) non están no centro, senón preto dos continentes, como a fosa das Filipinas, a fosa das Marianas, as fosas do mar de Xapón, no Pacífico, ou a fosa de Puerto Rico, no Atlántico. O fondo oceánico está constituído por produtos da erosión mariña sobre as costas, os materiais fluviais e os restos dos organismos mariños. As zonas abisais (superiores aos 5.000 m) están cubertas dunha arxila vermella de orixe descoñecida. A flora e a fauna corresponde a cada un dos medios mariños. A cor normal da auga é azul ou verde azulado, e a gradación da intensidade está en relación coa salinidade, a temperatura, a profundidade, o contido en plancto e outros aspectos. A temperatura da auga (desde -3,677°C ata 32°C) diminúe coa profundidade e varía polo efecto das radiacións solares, pola evaporación ou pola condensación do vapor atmosférico e pola formación ou fusión do xeo. Comparativamente, as augas do hemisferio norte son máis cálidas que as meridionais. A salinidade, proporcional á densidade da auga, aumenta gradualmente cara ao Ecuador.