ofidio -dia
(< gr ὅφιδιον)
-
adx
Relativo ou pertencente aos ofidios.
-
s
m
[ANIMAL]
Réptil da suborde dos ofidios.
-
s
m pl
[ANIMAL]
Suborde de réptiles, da orde dos escamosos, que teñen o tronco e a cola moi longos e de sección circular, faltos de extremidades anteriores e posteriores, aínda que nalgúns grupos primitivos hai restos das posteriores. A lonxitude do corpo oscila entre os 10 cm e os 12 m. Case non hai estreiteza entre o tronco e a cabeza, e a rexión caudal caracterízase por unha redución progresiva do grosor da sección. Todo o corpo está recuberto por un estrato de escamas córneas. As da cabeza adoptan xeralmente unha disposición regular e característica en cada especie, as do dorso son pequenas, alongadas e dispostas en diversas ringleiras, e as do ventre, denominadas placas, son amplas, rectangulares e dispostas nunha soa ringleira. Tres ou catro veces ao ano o animal renova todo o estrato córneo (muda), de xeito que este sae formando unha soa peza e queda ao descuberto a nova pel. A columna vertebral é moi flexible e permite os movementos do animal. Nas serpes velenosas hai un ou dous pares de dentes provistos dun canal, polo que flúe o veleno producido por unha glándula velenosa. Para poder inxerir presas moito máis grandes ca o seu diámetro, as serpes presentan unha boca e un tubo dixestivo moi dilatables, e a pel do corpo flexible. Son ovovivíparos ou ovíparos. Nos ovíparos a incubación ten lugar mediante a calor ambiental, excepto nas boas, que a fan co seu corpo. Habitan en todo tipo de ambientes, a maioría en lugares temperados, entre os 15°C e os 40°C, porque, aínda que moitos son terrestres, os hai acuáticos e hipoxeos.