Oleiros

Oleiros


Concello da comarca da Coruña, situado ao NO da Comunidade Autónoma de Galicia e no O da provincia da Coruña ( 43° 19’ de latitude N e 8° 18’ de lonxitude O). Limita ao N co Océano Atlántico, ao L co concello de Sada, ao S cos de Cambre e Culleredo e ao O co da Coruña e a ría da Coruña, todos eles da comarca da Coruña. Abrangue unha superficie de 43,8 km 2 c unha poboación de 31.694 h (2007), distribuídos nas parroquias de Dexo, Dorneda, Iñás, Liáns, Maianca, Oleiros, Perillo, San Pedro de Nós e Serantes. A súa capital é o lugar do Real, situada na parroquia de Oleiros, localizada a 10 km da cidade da Coruña. Está adscrito á arquidiocese de Santiago e ao partido xudicial da Coruña.
Xeografía física
A topografía é suavemente ondulada, cun dominio litolóxico xistoso, e está incluída dentro da chaira litoral das Mariñas. A superficie ten unha lixeira inclinación desde as pequenas alturas dos montes Morzán (148 m), Castelo (175 m) e Muíño (176 m), que o separan de Sada polo O, ata a costa. O litoral ocupa toda a marxe dereita da ría e da baía da Coruña. Trátase dunha costa recortada e con numerosas praias de area fina, das que destaca a de Santa Cristina con case 1 km de lonxitude, seguida das de Bastiagueiro, Santa Cruz, Mera e Portelo, entre as que hai tramos de costa rochosa e escarpados cantís, como a punta do Seixo Branco. Climatoloxicamente entra dentro do dominio oceánico húmido, que se caracteriza por ter temperaturas moderadas, non polos veráns calorosos, senón pola suavidade do inverno. A temperatura media anual é de 13,3°C, sendo xaneiro o mes máis frío con 8,5°C e agosto o máis quente con 18°C e cunha oscilación térmica de 9,5°C. As precipitacións son moderadas, cun total de 1.017 mm anuais, debido á súa situación, rexistrándose os máximos valores no inverno e no outono e os mínimos no verán. A rede hidrográfica está formada por numerosos regatos en valgas amplas de pendentes débiles, e desembocan en abrigadas enseadas. A intensa ocupación do solo, predominantemente urbana e cunha elevada densidade de poboación, reduciu en gran medida as áreas ocupadas pola vexetación natural. Aínda así sobreviven espazos naturais formados por masas forestais de relativa importancia, como bosques de piñeiros, eucaliptos, castiñeiros e áreas de especies ripícolas.
Xeografía humana
A comezos do s XX contaba cunha poboación de 6.972 h e ata 1940 a dinámica foi de lixeiro aumento, debido a un alto crecemento vexetativo, que estaba compensado pola corrente emigratoria cara a América. Entre 1940 e 1970 a poboación estabilizouse, xa que o elevado crecemento natural foi equilibrado por un forte éxodo rural, cara á cidade da Coruña. A partir da década de 1980 comezou un forte crecemento ao pasar a formar parte da área urbana da Coruña e aproveitarse da forte expansión que coñeceu a periferia coruñesa nos últimos anos do s XX, así como tamén contribuíu o desenvolvemento da actividade turística no litoral. No período intercensual de 1991 a 2001, o crecemento da poboación foi dun 47,47%, converténdose nun dos concellos galegos que máis aumentou, o mesmo sucedeu entre 2001 e 2007 cun crecemento do 16,29%. O crecemento natural (2006) é negativo (0,1 ‰), froito dunhas taxas de natalidade e mortalidade semellantes: 9‰ e 8,9‰ respectivamente. A estrutura demográfica, como consecuencia da recepción de adultos novos, é nova en comparación coa media provincial e rexional, xa que a poboación ata os 29 anos representa o 19,2%, porcentaxe superior á dos maiores de 65 anos que é do 15,3%; o grupo intermedio representa o 65,5%. A distribución por sexos é lixeiramente favorable a prol das mulleres, que constitúen o 51,48% da poboación. A cabeceira municipal só concentra o 8,4% da poboación, mentres que o 91,6% restante se reparte entre as outras oito parroquias, feito que indica a existencia dun poboamento equilibrado e intenso, propio do carácter urbano do concello.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Oleiros é do 56,6% (66,6% a masculina e 47,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 49,7% (60,4% a masculina e 39,7% a feminina) e a taxa de paro é do 12,2% (9,3% a masculina e 16% a feminina). A distribución da poboación activa amosa a realidade dun espazo urbano terzado: o sector servizos ocupa o 72,8% dos activos, o secundario o 24,1% e o primario só o 3,2%. O sector primario é case residual, debido ao retroceso da superficie agrícola ante o avance da urbanización e a centralización do concello nas funcións turístico-residenciais. Non obstante, mantense a produción hortícola e de froiteiras, así como o cultivo de flores que se destinan aos mercados urbanos. Tamén permanece a pesca e o marisqueo na ría, onde a actividade principal son as explotacións de mexillóns na área de Lorbé, unha das máis importantes e produtivas de Galicia. A actividade industrial é minoritaria, aínda que hai unha importante presenza dela sobre todo no eixe marcado pola estrada N-VI, onde se localizan pequenas fábricas de pensos, pinturas, construción, así como empresas de servizos e comerciais, sobre todo do automóbil. O sector terciario marca a economía deste concello urbano, que non ten unha cabeceira clara, senón que todo é un continuo onde se suceden as actividades comerciais e de servizos, debido á intensa especialización residencial. Pero, ademais, é unha das principais áreas turísticas e de ocio e espallamento da área urbana da Coruña. Unha densa rede de vías de comunicación favoreceron o desenvolvemento urbano, facilitando os accesos e os desprazamentos cara ao núcleo central da Coruña. Dentro do concello estas vías (N-VI A Coruña-Madrid) e a autopista AP-9) actuaron como desenvolvemento das actividades comerciais, industriais e residenciais.
Historia
Os primeiros restos de poboamento do territorio datan de época castrexa, como os castros de Suviña en Dexo, o de Xaz en Dorneda, o de Montrove en Liáns, o de Santa Cristina en Perillo, os de Serantes e Canedo en Serantes, o de Sarro en San Pedro de Nós e o de Oleiros. Durante a Idade Media, Oleiros formou parte do señorío das Mariñas dos Frades, que dependía do mosteiro de Cambre e, máis tarde, da xurisdición de Miraflores, baixo o dominio da casa das Mariñas e dos condes de Lemos. Nas idades moderna e contemporánea a súa historia asóciase aos diferentes acontecementos da cidade da Coruña, xa que as relacións coa urbe coruñesa foron constantes: defensivas xa que algúns dos equipamentos de defensa da Coruña se situaban en Oleiros; comerciais, porque Oleiros abastecía a cidade de produtos agropecuarios e pesqueiros; e sociais, porque foi área de recreo dos propietarios coruñeses. Durante o Antigo Réxime todas as parroquias que integran o actual concello de Oleiros pertenceron á xurisdición de Miraflores, señorío do conde de Lemos, aínda que a parroquia de Dorneda era administrada tamén por Antonio Pedrosa. Coa proclamación da Constitución de 1812 aboliuse o réxime señorial e produciuse a súa substitución por unha administración municipal, que se concretou na creación do concello de Miraflores, que pertencía ao partido xudicial da Coruña. A derogación da constitución por parte do Rei Fernando VII en 1823 provocou a supresión deste concello e a restauración do antigo réxime señorial. En 1836 apareceu xa o concello co seu nome actual e coas parroquias que o constitúen e desde entón non sufriu variacións nos seus límites municipais.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, no campo da arquitectura relixiosa destaca a igrexa parroquial de Santa María de Dexo, e na arquitectura defensiva as torres de Coruxo en Liáns declaradas BIC en 1994, e a de Lorbe en Dexo (BIC, 1994), ademais do castelo de Santa Cruz (BIC, 1994) en Liáns. Pero sobre todo destaca a riqueza da arquitectura civil, con notables pazos como o de Miraflores en Oleiros, o pazo de Xaz e o de Dexo e casas modernistas como a Cervigón en Oleiros. Do seu patrimonio cultural destaca o espazo da Costa de Dexo, declarado Lugar de Importancia Comunitaria, dentro da Rede Natura 2000. Das festas que se celebran destacan a romaría de Santa Ana e a Festa do Mar en Mera e a de San Blas en Oleiros, ademais da exaltación do mexillón en Lorbé.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Coruña, A
Extensión 43 Km2
Poboación Total 31694 h
Poboación Homes 15375 h
Poboación Mulleres 16319 h
Densidade de poboación 737.07 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias