omeia
(
-
adx
Relativo ou pertencente á dinastía omeia ou á súa época.
-
s
Membro da dinastía árabe dos Banū Umayya, instalada en Damasco. O primeiro califa foi Mu’awiyya, que trasladou a capital de Medina a Damasco e introduciu o principio dinástico, ata daquela non utilizado no Islam. Vencida a oposición xiíta e kharixita, continuou a expansión do Islam, pero a partir do Califato de Hišām (724-743) comezou o devalar definitivo da dinastía. O derradeiro califa omeia, Marwān II (744-750), foi derrotado por Abūll-’Abbās al Saffāḥ, membro dunha familia haxemita que lle deu nome á dinastía abbásida. A familia omeia foi aniquilada e unicamente un dos seus membros conseguiu fuxir para encabezar a rama cordobesa en Al-Andalus. Baixo os omeias o imperio musulmán acadou a máxima expansión. En Occidente espallouse pola Tripolitana, e dominou todo o N de África (667-707). Conquistada a Península Ibérica, invadiu a Francia merovinxia ata Poitiers (732). En Oriente, acadou Persia, Afganistán (651), Transoxiana (674), o Turquestán chinés, Sind e Panjab (711).
-
arte omeia
[ARTE]
Arte desenvolvida durante o reinado da dinastía omeia. Foi unha etapa de formación da arte islámica, cunha forte influencia sasánida, bizantina e helenística, onde xa aparecen, non obstante, temas decorativos propiamente islámicos, como as celosías feitas de xeso. Dos monumentos arquitectónicos destacan a mesquita de ‘Umar, a de al-’Aqsa en Xerusalén, a de Medina e Kayouana e a gran mesquita de Damasco (715). A cidade de Anjar amosa unha urbanización cadrada e o palacio de Qaṣr al-Ḥayr (728?) converteuse nun precedente do tipo de fortificación que se espallou por Occidente no s XI. Na pintura é moita a influencia sasánida e no mosaico a bizantina e helenística. A arte omeia en Al-Andalus recibiu o nome de arte califal.