Orange, principado de
Título e territorio creado como señorío no SE de Francia. Foi despois un condado, e converteuse en principado no s XII. A súa unión coa rama dos Nassau tivo lugar cando Enrique III de Nassau o Grande (1483-1558), gobernador de Países Baixos e stadhouder xeral, casou con Claudia de Chalon (1515), herdeira do principado de Orange. En 1518 herdouno o seu único fillo, Renato de Nassau e, ao morrer este sen herdeiros (1544), pasou a Guillerme I o Taciturno (1545), de quen partiu a orixe da rama Orange-Nassau ( Guillerme I de Orange-Nassau ). Dela formaron parte os seus fillos e sucesores, Mauricio I de Orange-Nassau (1585-1625) e Federico Enrique I de Orange-Nassau (1625-1647); o fillo deste Guillerme II de Orange-Nassau (1647-1650) e o neto, Guillerme III de Orange-Nassau (1650-1702), que ademais foi rei de Inglaterra. Tras a súa morte herdouno Xoán Guillerme Friso (1702-1711), -con quen se iniciou a liña Nassau-Dietz - e ao que sucederon Guillerme IV de Orange-Nassau (1711-1751) e o fillo deste Guillerme V de Orange-Nassau (1751-1795), derradeiro stadhouder das Provincias Unidas. Tras a unificación dos Países Baixos do N e do S nun só reino (1815) o título de príncipe de Orange ostentouno a dinastía reinante, encabezada por Guillerme I dos Países Baixos (1815-1840), -fillo de Guillerme V de Orange-Nassau- e os seus descendentes. É o título dos herdeiros ao trono de Países Baixos.