Orissā

Orissā

Estado de India, situado ao NL diante do golfo de Bengala (155.707 km2; 36.706.920 h [2001]). A súa capital é Bhubaneswar. Morfoloxicamente inclúe unha parte dos Ghates Orientais, a conca media e baixa do Mahānadī e a chaira aluvial costeira. A maioría da poboación dedícase á agricultura, con cultivos de arroz, cana de azucre, millo e oleaxinosas. A industria, en expansión, inclúe siderurxia, aluminio, cemento, química, fertilizantes, téxtiles, vidro, papel e mecánica. Correspóndese cunha parte do antigo Reino de Kalinga. Conquistado por Aśoka a mediados s III a C, foi un dos redutos do budismo. Gobernado sucesivamente por diversas dinastías, tivo unha época de esplendor coa dinastía Ganga (ss XII-XIII) e mantívose como bastión da cultura hindú. Perdeu a independencia a mans dos afgáns, dos mongois (s XVI) e posteriormente dos marathas.

Palabras veciñas

Orión | Orión, Cinto de | Oriónidos | Orissā | Oristano | Oristano | Oristrell, Joaquín