ornitoloxía

ornitoloxía

(

s f [ZOOL]

Rama da zooloxía que estuda as aves. É unha das ciencias naturais máis desenvolvidas, tanto no nivel científico como no afeccionado. Pódese dicir que, prescindindo de antecedentes clásicos (Aristóteles, Plinio) a historia da ornitoloxía comezou no s XVI co francés Pierre Belon, autor da Histoire de la nature des oyseaux, e co seu contemporáneo Conrad Gesner, de Zúric, autor dun extenso tratado de zooloxía, que contén o Historiae animalum Liber II qui est de avium natura. Do s XVII destaca a obra monumental do italiano Ulisse Aldrovandi e a do inglés Joannes Jonston. Os autores nomeados, ademais das súas observacións directas sobre a fauna europea, baseáronse nas referencias de especies exóticas achegadas polos primeiros viaxeiros exploradores. A primeira fauna rexional europea estritamente ornitolóxica foi a Uccelleria, do boloñés G. P Olina. O s XVIII sinalou o nacemento da ornitoloxía concibida como ciencia, froito da coincidencia entre os grandes sistemáticos, como o inglés F. Willughby, os franceses M. J. Brisson e L. J. P. Vieillot, o alemán J. R. Foster e, sobre todo, C. Linné, ademais dos recolledores, observadores e prospectores, que comezaron a explorar o mundo cun novo espírito científico. No s XIX multiplicáronse os estudos ornitolóxicos, cada vez máis independentes do resto da zooloxía, ampliouse o coñecemento das avifaunas rexionais, perfeccionouse a sistemática, afondouse no estudo da anatomía e a fisioloxía e iniciouse a investigación das migracións, tan destacadas nas aves como pouco coñecidas ata aquel momento. Sobre a base das avifaunas locais, apareceron as que comprenden toda Europa, que iniciou C. J. Temmick. Foi importante a obra conxunta de C. D. Degland e J. J. Z. Gerbe, a de H. E. Dresser e a de E. Hartet, dedicada á avifauna paleártica. En canto ao resto do mundo, destacan R. P. Lesson, que explorou Nova Guinea e foi creador de novos xéneros, e A. R. Wallace (cofundador, con Darwin, do evolucionismo), que explorou as illas da Sonda. O grande ornitólogo e debuxante J. Gould plasmou e describiu as aves australianas, e en América do Norte está a obra paralela do pintor J. J. Audubon, que deu nome a un poderoso grupo proteccionista. África foi estudada, entre outros, por E. Rupell, e China, polo célebre misioneiro lazarista A. David. Dos precursores do estudo das migracións destacan H. Gätke e Ch. Mortensen, e dos sistemáticos, R. Gray e R. B. Sharpe. Tamén durante o s XIX comezou a publicación de revistas ornitolóxicas, como Rhea (1846) e, despois, o Journal für Ornithologie e The Ibis. No s XX, a ornitoloxía desenvolveuse en todas as direccións. No plano científico completouse o coñecemento da avifauna mundial, Serventy en Australia e R. E. Moreau; en África, e perfeccionouse a sistemática, D. Amadon, E. Mayr e A. von Jordans, dedicado ás subespecies, e os progresos máis destacados completáronse en paleontoloxía. Tamén se desenvolveron rapidamente os estudos de anatomía e fisioloxía, a ornitoxeografía, a ecoloxía e as investigacións sobre as migracións (onde destaca G. Kramer, descubridor do mecanismo da orientación), a etoloxía (especialmente con K. Lorenz), as comunidades orníticas, a comunicación (berros e cantos), a ooloxía, a parasitoloxía, a dinámica das poboacións e o efecto do contaminantes. Dos principais centros de estudo da ornitoloxía destacan as universidades de Cornell, California, Oxford e Cambridge, o Edward Grey Institute of Ornithology e o Severn Wildfowl Trust, dedicado aos anátidos, fundado por P. Scott. O número de revistas especializadas crece constantemente e paralelamente aumenta dunha maneira extraordinaria o número de ornitólogos. Despois das manifestacións proteccionistas da Convención Internacional para a Protección das Aves (1902), creouse o Comité Internacional de Protección das Aves (ICBP), a Oficina Internacional para o Estudo das Aves Acuáticas (IWRB), á parte doutras sociedades non especificamente ornitolóxicas, como a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN), asesora da World Widlife Found. De aquí deriva o establecemento de reservas, as normas legais axeitadas e as restantes accións protectoras.