Oroso
Concello da comarca de Ordes, situado no centro-O da Comunidade Autónoma de Galicia e no centro-S da provincia da Coruña ( 42° 59’ de latitude N e 8° 26’ de lonxitude O). Limita ao N co concello de Ordes (comarca de Ordes), ao L cos de Frades (comarca de Ordes) e O Pino (comarca de Arzúa), ao S cos do Pino e Santiago de Compostela (comarca de Santiago), e ao O co concello de Trazo (comarca de Ordes). Abrangue unha superficie de 72,1 km 2 en que acolle unha poboación de 6.554 (2007) distribuída nas parroquias dos Ánxeles, Calvente, Cardama, Deixebre, A Gándara, Marzoa, Oroso, Pasarelos, Senra, Trasmonte e Vilarromarís. A capital do concello é a vila de Sigüeiro, localizada a 46 km da Coruña e a 14 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á provincia da Coruña, á arquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Ordes.
Xeografía física
Está situado na marxe dereita do río Tambre, que marca o seu límite meridional. Na litoloxía predominan os materiais xistosos. O monte Costa, de 329 m, na parroquia de Trasmonte, e o Petón, de 375 m, na parroquia de Senra, ambos ao N e no límite co concello de Ordes, son as máximas cotas. A partir delas o perfil orográfico, lixeiramente ondulado e sen fortes contrastes, vai descendendo gradualmente ata o curso do Tambre, creando unha terra de transición entre as ribeiras deste río e as terras máis altas de Ordes e Mesía. Climaticamente entra dentro do dominio oceánico húmido. A temperatura media sitúase nos 12,34°C, o mes máis frío é xaneiro cunha media de 7,1°C, o máis quente é xullo cunha temperatura media de 18,3°C e a oscilación térmica é reducida, 11,2°C. Os invernos non son moi rigorosos e os veráns suaves, aínda que por influencia continental pode haber certo número de días de xeadas. As precipitacións son altas pois acadan os 2.000 mm anuais, produto da chegada sen ningu-nha dificultade topográfica dos ventos húmidos oceánicos, ademais o ascenso en altitude favorece as precipitacións. Non obstante o réxime pluviométrico é irregular, cun máximo no inverno e un mínimo irregular no verán, onde hai un pequeno déficit hídrico nos meses de xullo e agosto. A densa rede hidrográfica vén marcada polo río Tambre e varios dos seus afluentes que sucan o concello de N a S. Destacan os de Maruzo, Samo, Cabezeiro e o Lengüelle. A forte pluviosidade favorece a vexetación natural e a formación de prados e pastos. Os bosques orixinais de frondosas son moi residuais, no seu lugar predominan os espazos forestais a base de piñeiros e eucaliptos. Nas beiras dos ríos atópanse especies árboreas e arbustivas típicas destas zonas.
Xeografía humana
Oroso tiña ao comezo do s XX unha poboación de 3.231 h. A maior parte do século transcorreu con pequenas variacións, ben de forma positiva ou negativa. Desde 1900 ata 1950, cunha forte corrente emigratoria e unha alta taxa de natalidade, a poboación creceu lixeiramente. Desde 1950 e ata o censo de 1981, Oroso entrou nunha fase de perda da poboación. A pesar de que se mantivo nunha taxa de crecemento vexetativo favorable, a marcha de habitantes provocou ese descenso. Nestes anos houbo un activo éxodo rural ás cidades da Coruña e Santiago de Compostela, así como emigración cara aos países industrializados de Europa. Entre 1981 e 1991 freouse a perda da poboación, aínda que o crecemento natural caeu pola baixa da natalidade; o retorno de emigrantes e o comezo dun crecemento asociado á área urbana de Santiago deron comezo a un período de recuperación demográfica. Esta recuperación transformouse en claro crecemento, así, entre os censos de 1991 e 2001 produciuse un aumento do 46,34%, dos máis altos entre os concellos galegos. No comezo do s XXI alcanzou o seu máximo histórico cunha poboación de 6.554 h en 2007. O fortalecemento dunha expansión urbana relacionado co espallamento da área urbana de Santiago de Compostela cara aos seus concellos limítrofes explica este crecemento demográfico. A cabeceira municipal, Sigüeiro, e o eixe que a conecta con Santiago de Compostela convertéronse nunha das áreas de difusión poboacional máis importantes desta cidade. A taxa de crececemento natural (2006) é de signo positivo (4,1‰) como consecuencia dunha taxa de natalidade (12‰) superior á de mortalidade (7,9‰). Esta dinámica natural é á súa vez causa e consecuencia dunha estrutura demográfica relativamente nova dentro do contexto provincial e rexional. A poboación ata os 20 anos supón o 20,5% do total. Os maiores de 65 anos representan o 66,3%; o grupo intermedio representa o 66,3%. A distribución por sexos amosa un elevado equilibrio: 50,04% de mulleres e 49,95% de homes. A poboación concéntrase en Sigüieiro. Predomina a vivenda familiar pola función residencial de Oroso como periferia suburbana da área urbana de Santiago de Compostela.
Xeografía económica
A taxa de actividade de Oroso é do 58,7% (71,6% a masculina e 46,2% a feminina); a taxa de ocupación é do 53,1% (67,1% a masculina e 39,5% a feminina); a taxa de paro é do 9,5% (6,2% a masculina e 14,4% a feminina). A distribución da poboación activa por subsectores económicos reflicte a importancia do sector terciario co 57,2% da poboación ocupada. Ségueo o sector secundario co 33,1%, a industria co 18,4% e a construción co 14,7%; e por último o sector primario co 9,5% na agricultura e 0,1% nas actividades pesqueiras . A relación de Oroso co concello veciño de Santiago de Compostela mudou a estrutura económica totalmente nos últimos anos. Gran parte da poboación activa reside no concello pero traballa na industria e nos servizos da capital de Galicia. Os dous sectores que máis xente empregan, o terciario e o secundario, responden a estes postos de traballo composteláns, mentres que o primario reduciu a súa participación económica e laboral. As actividades agrogandeiras, non obstante, desenvólvense na maioría do territorio de Oroso, que, ao igual que o resto dos concellos da comarca de Ordes, dispón dunha área moi apta para o aproveitamento agrario polas súas características climáticas e orográficas. A concentración parcelaria e as melloras introducidas fixeron posible a modernización das explotacións agrarias. A orientación principal é a gandeira, en concreto o gando bovino dedicado á produción comercial do leite, secundariamente tamén hai granxas porcinas. A dispoñibilidade de prados e pastos favoreceu o crecemento do sector leiteiro. O sector secundario ten unha presenza bastante escasa. Os traballadores acoden ao próximo polígono industrial compostelán do Tambre. A construción desenvolveuse moito nos últimos anos pois o pulo demográfico e residencial de Oroso, en especial a vila de Sigüeiro, demandou a construción de vivendas. No sector terciario, a pesar de ser o maioritario, tamén a maioría de traballadores se empregan nos servizos da capital galega. No concello destaca a vila de Sigüeiro, cuxa función residencial favoreceu a proliferación de urbanizacións, o desenvolvemento de funcións urbanas e os servizos básicos correspondentes (comerciais, financeiros, públicos). Na vía de conexión con Santiago de Compostela, a estrada N-550, desenvolveu unha importante hostalaría nas súas marxes. As principais vías de comunicación insértanse nas comunicación entre A Coruña e Santiago de Compostela e son a sinalada estrada N-550, A Coruña-Tui, que atravesa o concello de N a S, e a autopista AP-9, que ten en Sigüeiro un servizo de entrada e saída en dirección A Coruña. Tamén discorre polo concello a liña de ferrocaril A Coruña-Santiago de Compostela, cun apeadoiro na estación de Oroso e outro na de Trasmonte.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos atopados datan de época megalítica, como a mámoa de Vilar de Arriba atopada en Deixebre. Da cultura castrexa destacan os castros de Vilalbarro en Deixebre e o de Marzoa, ademais dos restos que constitúen o chamado Tesouro de Recouso atopado en Marzoa e datado entre os ss V e IV a C. Na Idade Media formou parte da xurisdición de Montaos, igual que os territorios de Trazo e os de Ordes. Esta xurisdición abarcaba desde o Tambre ata o monte Xalo. Consta a existencia da mesma desde 1124, data en que se firmou unha doazón de Afonso VII á mitra compostelá. O chamado Camiño Inglés de peregrinación a Santiago pasaba polo concello. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello de Oroso pertenceron á xurisdición de Folgoso, señorío do conde de Altamira, á de Mesía, administrada polo arcebispo de Santiago de Compostela e á de Sigüeiro do Deán, señorío do deán de Santiago de Compostela. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Pasarelos e Oroso. En 1823 o Rei Fernando VII derrogou a constitución, feito que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, cando se constituíu o concello cos límites actuais. En 1846 tiveron lugar no concello os enfrontamentos entre as forzas do goberno e as do coronel Miguel Solís preto da ponte Sigüeiro.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, da arquitectura relixiosa destacan as igrexas de San Miguel da Gándara, Santo Estevo de Trasmonte e Santa Eulalia de Senra. Da arquitectura civil sobresaen o pazo de Meixime en Oroso, e a ponte Sigüeiro, datada no s XIV. Do seu patrimonio natural destaca o espazo do Río Tambre, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Das festas destacan as de Santo Antón en Marzoa, celebradas en xuño, Santo Estevo en Trasmonte, a Virxe da Mercé en Calvente e Santa Bárbara en Senra, que se celebran en setembro, e as do Santísimo Sacramento que teñen lugar na parroquia de Oroso.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Ordes |
| Extensión | 72 Km2 |
| Poboación Total | 6554 h |
| Poboación Homes | 328 h |
| Poboación Mulleres | 3274 h |
| Densidade de poboación | 91.03 h/Km2 |