Orsini
Familia romana güelfa, moi influínte na Santa Sé desde finais do s XII ao XVIII, e adversaria da familia xibelina, Colonna. O primeiro membro coñecido foi Giacinto di Pietro Bobo-Orsini , que se converteu en papa co nome de Celestino III e favoreceu especialmente ao seu sobriño, Orso di Bobone . O sobriño deste, Matteo Rosso (morto en 1246), foi senador de Roma e defendeu a cidade contra o Emperador Federico II (1241), aliado dos Colonna. O antagonismo con esta familia continuouno Giovanni Gaetano Orsini , que se converteu en papa co nome de Nicolao III. O fracaso da Santa Sé fronte a Filipe IV de Francia favoreceu os Colonna e dividiu os Orsini, xa que o cardeal Napoleone Orsini estivo ao lado do candidato dos franceses ao papado, Bertrand de Got, futuro Papa Clemente V (1305). O traslado da Santa Sé a Aviñón (1309) fixo decaer a familia, pero recuperou axiña a súa influencia (1378). Giovanni Giordano Orsini casou con Felice, filla do Papa Xulio II, e en 1511 fixo as paces cos Colonna. A familia acadou os ducados de Bracciano e de Gravina, e dividiunos en diversas ramas. En 1718 o Papa Clemente XI nomeou os Orsini príncipes asistentes ao solio pontificio, e, seis anos máis tarde, Pietro Francesco Orsini converteuse en papa, co nome de Benedito XIII.