Ortigueira

Ortigueira


Concello que pertence á comarca de Ortegal, situado no N da Comunidade Autónoma de Galicia e no NL da provincia da Coruña (43° 41’ 17’’ latitude N e 7° 51’ 10’’ lonxitude O). Limita ao N co concello de Cariño (comarca de Ortegal) e co Océano Atlántico, ao S cos das Somozas (comarca de Ferrol) e As Pontes de García Rodríguez (comarca do Eume), ao L co de Mañón (comarca de Ortegal), e ao O cos de Cerdido (comarca de Ortegal) e Cedeira (comarca de Ferrol). Abrangue unha superficie de 210 km 2 cunha poboación de 8.172 h (2001) distribuída nas parroquias de Barbos, Céltigos, Couzadoiro, Cuíña, Devesos, O Ermo, Espasante, Os Freires, Insua, Ladrido, Loiba, Luama, Luía, Mera de Abaixo, Mera de Arriba, O Mosteiro, As Neves, Ortigueira, San Claudio, San Salvador de Couzadoiro, Senra e Veiga. A súa capital é a vila de Ortigueira, localizada a 100 km da capital provincial e a 52 km da cidade de Ferrol. Está adscrito á diocese de Mondoñedo-Ferrol e ao partido xudicial de Ortigueira.
Xeografía física
Desde o punto de vista xeomorfolóxico, o relevo do concello de Ortigueira está dividido en varias unidades, cunha gran complexidade, tanto na litoloxía, coma nas formas. A distribución de unidades está determinada por dúas aliñacións montañosas, unha no L (serras da Faladoira e da Coriscada) e outra no O (serra da Capelada), que serven de límite natural do concello cos de Mañón e Cedeira, respectivamente. Entre estas dúas unidades están os vales dos ríos Mera e Baleo que verten as súas augas directamente á ría de Ortigueira. As serras de Faladoira e Coriscada posúen unha dirección fundamental NNL-SSO, cunha gran variedade litolóxica dentro da formación ollo de sapo, que se manifesta na presenza de numerosos filóns e bandas de rochas metamórficas (lousas, xistos e gneis) e ígneas (serpentinitas e cuarcitas). A erosión diferencial e a incisión fluvial posibilitaron a sucesión de pequenos vales e aliñacións, que descenden en altura a medida que avanzan cara á costa. Destacan os cumios da Coriscada (523 m) e Carabote (521 m). A costa do concello de Ortigueira mostra tamén a alternancia de materiais duros e brandos, con numerosos entrantes e saíntes. A ría de Ortigueira ten unha forma alveolar, con áreas onde domina o acantilado e outras baixas. Estes depósitos sedimentarios arrastrados polos ríos Mera e Baleo, fundamentalmente, forman áreas limosas, que penetran cara ao interior seguindo o curso deses ríos. Esta ría posúe pequenas enseadas como as de Ladrido, Cuíña e Mera. No O do concello atópanse os contrafortes da serra da Capelada, que culminan a 572 m no pico Coucepenido. Os materiais son completamente diferentes aos das serras da Faladoira e da Coriscada, dominan as rochas básicas e ultrabásicas, como serpentinitas, anfibolitas, granulitas e ecloxitas. Os materiais tamén se dispoñen en bandas, pero dunha forma moito máis compacta. Todo o conxunto viuse bastante afectado pola tectónica, aínda que o relevo está bastante suavizado. O concello sitúase dentro do dominio climático oceánico húmido. Os rexistros termopluviométricos están afectados tanto pola influencia directa do mar como pola situación de abrigo do territorio en relación ás masas de aire procedentes do SO. A oscilación térmica anual é escasa, 9°C, cunha temperatura media anual de 13°C. Os invernos son moderados (xaneiro é o mes máis frío con 9°C de media), as estacións intermedias son frescas e os veráns pouco calorosos (a media máxima mensual rexístrase en agosto, con 18°C) e relativamente curtos. Son excepcionais as xeadas na área oriental, á beira da ría de Ortigueira. Na área occidental as temperaturas baixan notablemente debido á altitude da serra da Capelada e á exposición aos ventos do O. A interposición desta serra propicia a disimetría pluviométrica entre a vertente occidental, cunhas precipitacións medias de 2.000 mm ao ano, e a área da ría, ao L, onde os valores medios son moi inferiores e se sitúan ao redor de 1.000 mm. A distribución estacional das precipitacións reflicte unha relativa seca estival, xa que o inverno é a estación máis chuviosa co 36% das precipitacións, mentres que o verán é a máis seca con só o 13% do total e cun certo déficit hídrico nos solos durante os meses de xullo e agosto. A primavera e o outono son estacións de transición e rexistran porcentaxes de precipitación similares, 26% e 25%. A chegada das borrascas atlánticas do NO dá lugar a frecuentes néboas e días de chuvia, que se achegan aos 150 anuais. O río Baleo forma un pequeno val no centro-L do concello, disposto sobre materiais de lousas e xistos, máis brandos, e separado do val do Mera por un interfluvio de alturas moderadas (400-450 m). No centro do concello ábrese o val do Mera, unha área de suaves ondulacións nas proximidades da ría, moito máis angosto no SO. A vexetación autóctona foi substituída por grandes extensións de piñeiros e eucaliptos de repoboación, aínda que se conservan algúns exemplares nas ribeiras dos ríos. Nas serras predomina a uz e o toxo.
Xeografía humana
A evolución demográfica de Ortigueira seguiu unha tendencia alcista ata 1940 e, posteriormente, tomou signo negativo xa que descendeu paulatinamente ata comezos do s XXI. En 1900, xunto coas terras que forman o termo cariñés, Ortigueira contaba con 18.426 h, unha cifra que se foi incrementando co paso dos anos, ata o máximo de 1940 con 22.152 h. A emigración da posguerra e a imposibilidade do concello de industrializarse fixeron que a poboación descendese fortemente. Así, en 1950, a poboación xa era de 21.801 h para pasar en 1970 a 17.559 h, e a 15.576 h en 1981. Coa segregación das parroquias de Cariño, Feás, Landoi, A Pedra e Sismundi, Ortigueira reduciu a súa superficie territorial, pero tamén o seu número de habitantes (9.658 h en 1991, 8.893 en 1996, 8.172 en 2001 e 7.406 en 2007). A vila capital do concello tivo un crecemento positivo, aínda que sempre moi moderado. Así, a principios do s XX, Ortigueira era un dos núcleos máis importantes do N de Galicia desde o punto de vista demográfico, económico e cultural. Contaba xa neses anos con 1.265 h, unha cifra que pasou a 1.665 en 1940. Tras a posguerra, a vila continuou crecendo de forma débil, pero constante. Era un pequeno centro urbano que atraía tan só unha mínima parte da emigración que sufría o rural inmediato. En 1970, Ortigueira contaba con 1.778 h, que pasaron a 1.916 en 1981, 2.060 en 1991. . A poboación está distribuída de forma bastante irregular por todo o termo; así, as parroquias situadas no interior posúen densidades bastante baixas (non adoitan superar os 30h/km 2 ), mentres que na costa estas son máis elevadas (70-80 e incluso máis de 100 h/km 2 ). As aldeas son pequenas, compostas por poucas casas e poucos habitantes, a gran maioría non supera os 100 h. As entidades máis destacadas son Ortigueira, Espasante e Mera. Todas elas, e, en especial, a capital municipal, posúen trazos urbanos, cunha especial concentración de servizos e equipamentos. O crecemento natural (2006) é negativo ( -11,8‰), froito dunha taxa de natalidade baixa (4,7‰) e unha mortalidade elevada (16,5 ‰). Esto reflictese na estrutura por idades da poboación onde os menores de 20 anos son o 9,7% fronte ao 32,7% dos maiores de 65 anos; o grupo intermedio representa o 57,5%. Por sexos dominan as mulleres: 52,39% fronte ao 47,61%.
Evolución do plano urbano
Como vila medieval, Ortigueira dispúñase, con rúas tortuosas e de forma moi concentrada, na ladeira S do Campo da Torre, rodeada por unha muralla, presidida por unha fortaleza, e organizada ao redor de dúas rúas principais que non eran totalmente paralelas. Esta zona, chamada Barrio do Ponto, é a zona máis antiga da vila, con rúas estreitas e pequenas casas brancas con remates graníticos, típicas da comarca. Tamén se localizaba nesta área o porto, que, durante os s XII e XIII gozou de gran prestixio a escala nacional e internacional. A partir do s XIX foise estendendo fóra do núcleo inicial, abríndose as primeiras rúas cara ao S, especialmente cara á estrada C-642, trazada en 1866. Estas novas construcións eran máis grandes que as que se atopan no Ponto, con galerías, balconadas e xardíns. Desde finais do s XIX e principios do s XX comezaron a construírse as primeiras casas indianas coas remesas de diñeiro enviadas polos emigrantes que residían en América. Moitas destas edificacións eran verdadeiras mansións, axardinadas e que mostraban o poder económico dos indianos. O porto pechábase frecuentemente debido ás achegas sedimentarias, polo que se realizaron numerosas obras, que culminaron en 1936 co novo peirao. No s XIX o núcleo de poboación estaba no que por entón se chamaba barrio das Cortes, hoxe O Cantón. En 1861 instalouse a iluminación pública, en principio con subministro de petróleo e colocado só nas curvas das principais rúas; a luz eléctrica non chegou ata 1912. Polo que se refire ás actividades culturais da vila, en 1850 creouse a primeira asociación de recreo (O Teatro da Beneficencia), posteriormente fundouse a Sociedade Recreativa (1851), o Liceo Recreativo (1872) ou o Casino Ortegano (1902).
Xeografía económica
A taxa de actividade xeral do concello é do 41% (53,7% a masculina e 29,7% a feminina); a taxa de ocupación é do 36,1% (48,7% a masculina e 24,9% a feminina); e a taxa de paro é do 12% (9,4% a masculina e 16,1% a feminina). Ortigueira tivo sempre unha tradición agropecuaria e, secundariamente, pesqueira. A pesar de que o sector primario segue sendo importante en moitos puntos do concello, o secundario e terciario xeran máis emprego e máis beneficios para o conxunto total. O primario supón o 22,3% do emprego total do concello, repartíndose entre a agricultura, a gandaría e a silvicultura (14,7%), por unha parte, e a pesca (7,6%), por outra. O agro está composto por un elevado número de explotacións (2.114 en 1999), e de parcelas (35.478). Estas explotacións están ocupadas, fundamentalmente, por terreos de pasto e prado (22%), masas forestais e matogueiras (75%). Os cultivos principais oriéntanse cara ao sector gandeiro (prados, forraxes, millo e nabos) destinados á gandaría vacúa de orientación leiteira, nas áreas de val, e a de carne, na montaña. Tamén destaca o gando cabalar, que pace ao aire libre nas montañas do L e S do concello. A silvicultura é unha actividade que se desenvolve grazas á gran masa forestal. A maior parte do termo está cuberto de bosques de piñeiro e eucalipto, que son aproveitados polas empresas locais. A pesca sempre tivo un papel destacado na costa, moi en especialmente nos portos de Ortigueira e de Espasante. O primeiro deles apenas posúe actividade, xa que está cegado polos sedimentos arrastrados, pero Espasante, con maior calado, logra albergar máis buques, que se dedican á pesca de baixura (sardiña ou xurelo) e tamén á de altura (pescada ou bonito). O sector secundario (29,7% dos activos) está composto por actividades mineiras, a industria e a construción. A minaría céntrase basicamente na extracción de lousa na parte occidental do concello, con varias canteiras e unha produción bastante notable. A industria está centrada na explotación madeireira con serradoiros, empresas de fabricación do moble e fábricas de aglomerados e de taboleiros. Outras ramas destacadas na industria son os prefabricados para a construción e a carpintaría metálica. A construción destaca polo seu elevado número de empregos e pola presenza de pequenas empresas. O terciario é o que xera un maior número de postos de traballo (47,9%), concentrándose maioritariamente na vila de Ortigueira e nos pequenos núcleos de Espasante e Mera. Os servizos públicos son o subsector máis salientable no concello, xa que a vila posúe Instituto de Bacharelato, Centro de Saúde especializado, Instituto Nacional da Seguridade Social e Axencia Tributaria, así como numerosos servizos sociais, de ocio e cultura. Tras estes, o comercio emprega a un bo número de activos. A principal vía de comunicación do concello é a estrada autonómica C-642 (Ferrol-Cervo) que atravesa o termo pola súa parte litoral. Tamén atravesa a parte litoral o ferrocarril FEVE Ferrol-Gijón.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos atopados datan do Paleolítico Superior, coa presenza de cazadores que tiñan os seus hábitats nos abrigos rochosos da serra da Capelada. De época megalítica destaca a mámoa do Forno dos Mouros en Couzadoiro, e durante a época castrexa os asentamentos humanos realizáronse, entre outros, nos castros do Campo da Torre en Espasante e Punta dos Prados en Ortigueira. Atopáronse varios restos arqueolóxicos metálicos, como un depósito de machados de talón en Senra. Da época romana consérvanse silos en Espasante, ademais das ánforas atopadas na ría e unha figura dun ídolo. Entre os ss VIII e IX levouse a cabo unha repoboación na zona por iniciativa dos monarcas astures. O territorio pertenceu aos ancestros dos condes Gutier e santa Alduara (s X), pais de san Rosendo, que o recibiron en herdanza e llo transmitiron aos seus descendentes. Ortigueira pertencía ao condado de Montenegro e nesta época comezou o esplendor dos descendentes dos condes, que representaban o poder dos Traba nestas terras. No s XIII o territorio pertencía ao condado de Trastámara e a vila de Ortigueira foi considerada como tal en 1235 e apoiada a súa fundación polo conde Rodrigo Gómez de Traba, da familia dos Trastámara. En 1255 Afonso X o Sabio concedeulle o Fuero Real, co que se pretendía asegurar a protección da nova vila, co dereito de ter porto, murallas e outras melloras económicas. Xa en 1268 outorgoulle o privilexio de comerciar co estranxeiro, co que potenciou os seus recursos. Pedro Ruiz Sarmiento gobernou a vila a partir de 1372 e en 1442 creouse o condado de Santa Marta de Ortigueira, que administraba Diego Pérez Sarmiento. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello pertenceron á xurisdición de Santa Marta de Ortigueira, da provincia de Betanzos, señorío do marqués de Astorga. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Santa Marta de Ortigueira, Barbos, Espasante, Loiba, Couzadoiro, Devesos, Senra, San Claudio, Mera, Feás e Pedra, todos eles dentro do partido xudicial de Santa Marta de Ortigueira. En 1822 o partido xudicial de Santa Marta de Ortigueira pasou á provincia de Lugo e perdeu en favor da provincia da Coruña, os concellos de Feás e A Pedra, que pasaron ao partido xudicial de Ferrol. En 1823 o Rei Fernando VII derrogou a constitución, feito que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 e daquela creáronse os concellos de Ortigueira, Veiga, Os Freires e San Salvador de Couzadoiro, que en 1849 se fusionaron para formar un só, o de Ortigueira. En 1988 perdeu as parroquias de Cariño, A Pedra, Landoi, Sismundi e Feás, que pasaron ao novo concello de Cariño.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, da arquitectura relixiosa destacan a igrexa de Santa Marta de Ortigueira (s XVIII), que forma un conxunto arquitectónico xunto co antigo convento de San Domingos (s XIV), a igrexa de San Xoán de Espasante e a de San Cristovo de Couzadoiro, e a capela da Madalena, que na súa orixe foi un lazareto e que foi reconstruída en 1770. Da arquitectura civil hai que destacar o pazo de San Cristovo en Couzadoiro, o de Brandariz en Ortigueira e o de Riomaior en Senra. Tamén sobresaen o mercado, o antigo cárcere municipal rematado en 1856 e o antigo hospital de peregrinos do Ponto en Ortigueira. Hai que mencionar, ademais, a herdanza deixada polos emigrantes a América, as vilas dos indianos, situadas principalmente nas parroquias costeiras. Da riqueza natural do concello destacan dous espazos naturais. En primeiro lugar, a serra da Capelada, que foi incluída dentro da Costa Ártabra como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) en 2001 dentro da proposta da Rede Natura 2000. O outro espazo natural destacable é o de Ortigueira-Mera que pertence á zona Ramsar desde 1989 e á Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) desde 1990 e que foi declarado LIC en 2001, e o espazo de Estaca de Bares, tamén declarado LIC. Entre as festas que teñen lugar no concello destacan as de Santo Antón en Espasante o 13 de xuño, as de Santa Marta de Ortigueira a finais de xullo e o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira tamén en xullo, declarado Festa de Interese Turístico Nacional en 2003.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Ortegal
Extensión 210 Km2
Poboación Total 7406 h
Poboación Homes 3526 h
Poboación Mulleres 388 h
Densidade de poboación 35.27 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias