osíxeno
(< gr ὀξύς ‘ácido’ + -xeno)
-
s
m
[QUÍM]
Elemento non metálico que pertence ao grupo VI A da táboa periódica, de número atómico 8 e peso atómico 15,9994. É o máis abundante da codia terrestre (constitúe o 46,5 % da masa da codia) e foi descuberto, independentemente, por J. Priestley (1774) e K. W. Scheel (1773). En 1775 A. L. Lavoisier deulle o nome definitivo e baseou nel a súa teoría da combustión e a oxidación. O osíxeno atópase na natureza en estado libre, como O 2 e, en moito máis pequena proporción, como O e O 3 (ozono). Constitúe o 23% da masa da atmosfera e pode combinarse cun gran número de compostos, dos que destacan a auga, a area (SiO 2 ) e os silicatos. Presenta valencia -2 e forma moléculas diatómicas moi estables (O 2 → 2O - 118 kcal), paramagnéticas en tres estados, de acordo coas predicións da teoría do enlace, dos orbitais moleculares. É, despois do flúor, o elemento máis electronegativo. A preparación industrial do osíxeno ten lugar, principalmente, por destilación fraccionada do aire líquido e, nunha escala moito máis pequena, por electrólise da auga. O osíxeno ten unha elevada reactividade e forma compostos binarios (denominados óxidos, excepto no caso do flúor) con todos os elementos, menos cos gases nobres de número baixo. Pode tamén reaccionar cun gran número de substancias compostas, en reaccións denominadas de oxidación. A temperatura ambiente, a molécula de osíxeno é pouco reactiva, pero actúa fronte aos redutores orgánicos fortes, como o sulfato de ferro (II), e fronte a un certo número de substancias orgánicas en reaccións de oxidación autocatalítica (ou autooxidación). Tamén se producen nesta temperatura as oxidacións biolóxicas (respiración). A temperaturas máis elevadas reacciona directamente coa maioría de elementos e cunha gran variedade de compostos orgánicos en reaccións de combustión. As aplicacións industriais máis importantes son as soldaduras oxhídrica e oxiacetilénica, a obtención do gas de síntese mediante a oxidación parcial do metano, e a preparación do peróxido sódico, así como o seu uso, en estado líquido como comburente para foguetes. OBS: Tamén se denomina oxíxeno.
-
ciclo do osíxeno
[BIOQ]
Conxunto de procesos das células fotosintéticas e das heterótrofas que supón unha redución de osíxeno naquelas e o seu consumo nestas.
-
fluoruro de osíxeno
[QUÍM]
Gas amarelado, moi tóxico, que se condensa a -145°C. É moi inestable e actúa como oxidante e fluorante enérxico.
-
transporte de osíxeno
[BIOQ]
Función principal da hemoglobina contida nos eritrocitos do sangue, desde os pulmóns aos tecidos. Un gramo de hemoglobina pode levar 1,36 cm 3 de osíxeno.