Otto, motor
Motor de combustión interna alternativo que se caracteriza termodinamicamente polo feito de seguir o ciclo de Otto, é dicir, que a combustión se realiza a volume constante, mediante a explosión dunha mestura de combustible e aire que é provocada por unha chispa. Funciona xeralmente con gasolina, gas ou, eventualmente, con mestura de hidrocarburos e de alcohois. O seu grao de compresión é bastante baixo (9-10:1) en relación coa do motor Diesel e, polo tanto, o rendemento termodinámico é menor. O combustible, que se introduce no cilindro xa mesturado co aire, dosifícase, homoxeneízase e vaporízase previamente no carburador ou mediante un inxector. O acendido provócase facendo saltar unha chispa entre os dous electrodos da buxía. A potencia do motor varía modificando a proporción de combustible na mestura e poden funcionar en ciclo de dous ou de catro tempos. Xeralmente son motores máis rápidos que os de ciclo Diesel.