Outeiro de Rei

Outeiro de Rei


Concello que pertence á comarca de Lugo situado no centro-L da Comunidade Autónoma de Galicia e no centro da provincia de Lugo (43° 05’ 40” de latitude N e 8° 36’ 40” de lonxitude O). Limita ao N cos concellos de Begonte e Cospeito (comarca de Terra Chá) e Rábade (comarca de Lugo), ao L co de Castro de Rei (comarca de Terra Chá), ao S co de Lugo (comarca de Lugo), e ao O co de Friol (comarca de Lugo). Abrangue unha superficie de 135,6 km2en que acolle a unha poboación de 4.979 h (2007), distribuída entre as parroquias de Arcos, Aspai, Bonxe, Caboi, Candai, Castelo de Rei, Cela, Folgueira, Francos, Guillar, Martul, Matela, Mosteiro, Outeiro de Rei, Parada, Robra, San Clodio de Aguiar, San Fiz de Paz, San Lourenzo de Aguiar, San Tomé de Gaioso, Santa Mariña, Santiago de Gaioso, Silvarrei, Sobrada de Aguiar, Taboi, Vicinte e Vilela. A capital está no lugar de Outeiro de Rei, na parroquia do mesmo nome, que está localizada a 118 km de Santiago de Compostela e a 11 km de Lugo. Está adscrito ás dioceses de Lugo (arciprestados de Coutos da Esquerda e Narla) e Mondoñedo-Ferrol e ao partido xudicial de Lugo.
Xeografía física
Case a totalidade do territorio está dentro da depresión da Terra Chá, onde predominan os relevos achairados e os materiais sedimentarios, tan só cara ao O hai algúns relevos illados de certa entidade sobre rochas graníticas. O principal elemento estrutural é o curso do río Miño, que divide o territorio en dúas partes: o extremo occidental, que é a única parte accidentada do territorio, cunha altitude media de entre os 500 e os 600 m, e o centro e L que son prolongacións meridionais da Terra Chá polos que discorre o río Miño, a unha altitude media que oscila entre os 400 e os 500 m. Encádrase nun dominio climático oceánico continental e está localizado na meseta de Lugo, ao abrigo da influencia dos ventos mariños e condicionado por unha moderada continentalidade, que trae como resultado un prolongado período frío desde novembro ata abril. A temperatura media anual é de 12°C, a media de xaneiro é de 6,5°C, a de xullo de 17,7°C e a amplitude térmica extrema chega aos 23,3°C. A precipitación anual media é de 1.004 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival, xa que os máximos rexístranse en inverno co 32% da precipitación recollida e en outono co 31%, o mínimo en verán co 11%, e en posición intermedia a primavera co 26%. As escasas pendentes determinan o discorrer dos cursos fluviais que en inverno protagonizan frecuentes cheas que anegan as terras máis próximas. O principal curso fluvial é o Miño que atravesa o concello de N a S, e dos seus afluentes que desembocan en terras de Outeiro de Rei, destacan, o Ladra pola esquerda, e o río Piñeiro pola dereita. A vexetación natural de carballos, bidueiros e, sobre todo, vexetación de ribeira, é aínda abondosa, e as repoboacións de piñeiros limítanse a pequenas superficies ante a escaseza de áreas de montaña.
Xeografía humana
A evolución da poboación mantívose con altibaixos ata 1960, cando sufriu un descenso demográfico, mentres que o seu máximo se rexistrou en 1930. O comezo do s XX caracterizouse polo estancamento, cun crecemento interanual entre 1900 e 1920 do -0,06%. Entre 1920 e 1930 foron anos de progresión, cunha cifra interanual do 0,73%; compensados por unha fase de mermas entre 1930 e 1950 (-0,37% interanual). Esta primeira gran fase de estabilidade rematou cun período de leve progresión, cun crecemento interanual entre 1950 e 1960 dun 0,41%. As catro décadas finais do s XX caracterizáronse por un saldo globalmente negativo, aínda que existiron anos de fortes perdas demográficas (entre 1960 e 1970 perdeu poboación nun -1,56%, mentres que entre 1981 e 1991 cifráronse nun -1,90%) con outros de leves recuperacións (entre 1970 e 1981 creceu un 0,03% interanual, e entre 1991 e 2001 un 0,45%, entre 2001 e 2007 o 11,9%). Como outros tantos concellos rurais do interior sufriu as consecuencias da emigración, que non tivo consecuencias máis dramáticas pola forza da súa economía agraria e a proximidade da cidade de Lugo, o que favoreceu a dinamización da súa economía e do seu papel como espazo residencial periférico. A súa poboación está levemente avellentada, pois os menores de 20 anos representan o 12,2% e os de máis de 65 anos o 25,7%; o grupo intermedio representa o 62,1%. Por sexos dominan os homes: 52,70% fronte ao 47,29% das mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001)do concello é do 49,6% (61,7% a feminina e 37,6% a masculina); a taxa de ocupación é do 45,4% (57% a masculina e 33,8% a feminina); e a taxa de paro é do 8,5% (7,5% a masculina e 10,1% a feminina). O sector primario ocupa ao 21,2 % da poboación activa. A suavidade da súa topografía favorece o traballo das terras, cuxa superficie cultivada ocupa o 29,23% do seu territorio, onde predominan os cultivos forraxeiros (68,90% da superficie cultivada), seguidos da pataca e o trigo (respectivamente o 10,83 e 8,21% das terras de cultivo). A actividade fundamental da súa economía agraria é o gando, de aí que o 13,17% da extensión da súa superficie se destine a prados e pastos ademais de forraxes. O censo vacún está composto por case 6.000 vacas destinadas maioritariamente a produción de leite e o gando porcino é abundante, e está destinado á reprodución e á ceba. A industria dá traballo ao 17,6% dos ocupados, e está favorecida pola proximidade a Lugo, a disposición de abundante solo e a accesibilidade. Entre as industrias asentadas no concello destacan as de materiais de construción. A construción representa o 12,8% dos traballadores, e destaca algunha empresa que se dedicada á obra civil. Os servizos suman o 48,4% da man de obra, e aínda que os que están asentados no concello son escasos existen algúns que están destinados a satisfacer a demanda local, ademais dos que aproveitan o factor accesibilidade, que están situados ao longo da estrada N-VI. As principais vías de comunicación son a estrada N-VI, de Madrid á Coruña; a autovía A-6, tamén de Madrid á Coruña; e as estradas locais que unen Outeiro de Rei con Castro Ribeiras de Lea, e Rábade con Friol. Atravesa o seu territorio a vía férrea que une A Coruña con Palencia.
Historia
Os restos arqueolóxicos atopados en Outeiro de Rei testemuñan o seu poboamento desde a época castrexa. Durante o Antigo Réxime o territorio estivo repartido entre as xurisdicións do couto redondo de Aguiar, señorío laico; Castro de Rei, titularidade do conde de Lemos; Cela, administrada por varios fidalgos; Lugo, señorío do bispo de Lugo; Mosteiro, señorío laico; o couto redondo de Sobrado de Aguiar, señorío laico; e Outeiro de Rei, señorío do conde de Lemos que nalgunha parroquia compartía a administración con membros da fidalguía e co conde de Quirós. Coa división municipal de 1835 creouse o concello de Outeiro de Rei, que foi reformado en 1840, cando gañou algunhas parroquias a custa dos concellos de Friol e Lugo.
Patrimonio cultural
Do seu patrimonio cultural destacan as igrexas parroquiais de San Clodio de Aguiar, San Vicente de Candai (ss XII e XIX), San Pedro de Martul (s XII), San Xoán de Outeiro de Rei (s XVIII) e San Pedro Fiz de Robra (s XII). Da arquitectura civil destacan os pazos de Abelleira, de Cela, de Guevara (Taboi, s XVIII), de Mirapeixe (Santa Mariña, s XVI), de Miraz (Arcos), de Outeiro (Outeiro de Rei, s XVII), dos Gaioso (Outeiro de Rei), a Torre de Sobrada de Aguiar, Taboi e Bordón (Taboi). Do seu patrimonio natural destaca o espazo do Parga-Ladra-Támoga, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Das súas festividades destacan a santa Isabel, en Outeiro; a romaría das Penas de Rodas, e a Nosa Señora das Angustias, en Arcos.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Lugo
Extensión 134 Km2
Poboación Total 4979 h
Poboación Homes 2624 h
Poboación Mulleres 2355 h
Densidade de poboación 37.16 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias